A tarifa 3.0TD indexada
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
As tarifas 3.0TD indexada e 3.0TD períodos son as tarifas de acceso para todos os puntos de subministración de baixa tensión con máis de 15 kW de potencia contratada: pequenas e medianas empresas, servizos de hostalería, restaurantes, hoteis, panadarías, escolas, despachos, oficinas, comunidades veciñais, etc.
Para estes casos, existen dúas tarifas dispoñíbeis para cada zona (Península, Baleares, Canarias):
- Tarifa 3.0TD períodos
- Tarifa 3.0TD indexada
Neste artigo explicamos as características da tarifa 3.0TD indexada (as da tarifa 3.0TD períodos podes velas aquí).
A tarifa 3.0TD indexada baséase en trasladar directamente ás persoas e empresas consumidoras o custo da enerxía do mercado maiorista diario. Daquela, as variacións de prezo que hai repercútense no momento ás usuarias. Se baixa a enerxía no mercado, os prezos da tarifa baixan, e se a enerxía sobe no mercado, os prezos da tarifa soben.
A continuación falaremos de:
- Composición do prezo
- Un prezo de enerxía para cada hora
- Seis potencias contratadas
- Posibilidade de superar a potencia contratada
- Esta tarifa ten permanencia?
- Pódese saber con antelación canto vai custar?
- Prezo de compensación dos excedentes de autoprodución
- Como cambiar á tarifa 3.0TD indexada
- A factura coa tarifa 3.0TD indexada
Composición do prezo
O prezo da tarifa indexada inclúe os mesmos conceptos que o da tarifa por períodos:
- O custo da enerxía.
- Os cargos e peaxes que establece a normativa.
- Outros conceptos que se deben pagar para poder consumir enerxía.
- Custo de adquisición dos certificados de garantía de orixe 100 % renovábel.
- Custo das desviacións.
- Marxe para a cooperativa. Non se trata dunha marxe para obter beneficio económico, senón da marxe que precisamos para levar a cabo a nosa actividade (salarios das persoas traballadoras, alugamento de oficinas, material…).
No artigo « Como establecemos os prezos en Som Energia?», atoparás máis detalles neste sentido.
Á parte do prezo da enerxía, tamén está o prezo da potencia, que é o mesmo que na tarifa por períodos, e algunha cousa máis, tamén común a estoutra tarifa:
- Alugamento do contador.
- Bono social.
- Excesos de potencia (se fose o caso).
- Enerxía reactiva(se fose o caso).
- Impostos (IVE ou IXIC, e imposto eléctrico).
- Poden aparecer outros conceptos: dereitos de acceso, extensión e enganche…
Un prezo de enerxía para cada hora
Outra das características desta tarifa é que cada hora ten un prezo diferente, e muda cada día. Ao trasladarse o prezo do mercado diario, non se sabe con antelación. O único que pode saberse cun día de antelación é se o prezo tenderá a ser elevado ou económico, e que horas do día serán as máis caras e as máis baratas.
O prezo da enerxía para cada hora calcúlase a partir dunha fórmula onde se introduce o custo da enerxía de aquela hora máis o resto de custos asociados á adquisición da enerxía. Ou sexa, o prezo de cada hora contén o prezo que marca o mercado grosista co resto de custos asociados á compra de enerxía. Podes ver a fórmula nestoutro artigo do Centro de Axuda.
Seis potencias contratadas
Esta tarifa dispón de seis períodos horarios de potencia denominados P1, P2, P3, P4, P5 e P6, e cada un ten un prezo concreto.
Pódese contratar unha potencia diferente en cada un dos seis períodos. Porén, é preciso que sigan o criterio de potencias crecentes, é dicir, a potencia contratada nun período concreto debe ser igual ou superior á do período anterior. Isto quere dicir que: P1 ≤ P2 ≤ P3 ≤ P4 ≤ P5 ≤ P6.
A cada zona territorial (Península, Illas Baleares e Illas Canarias), e segundo que mes do ano sexa, correspóndelle un período ou outro. Para unha información máis detallada podes consultar esta ligazón:
Posibilidade de superar a potencia contratada
En ningún caso utilizar unha potencia superior á contratada suporá que a subministración quede interrompida. Porén, tal como explicamos no momento de falar da factura, este uso de potencia por riba da contratada pode supor un custo económico.
Esta tarifa ten permanencia?
Esta tarifa non ten permanencia. Se nalgún momento queres mudar, poderás pasar á tarifa 3.0TD períodos (sempre que estea dispoñíbel) ou ben poderás cambiar de comercializadora, sen que se che aplique ningunha penalización.
Como a tarifa 3.0TD períodos é unha tarifa pola que acordamos a compra da enerxía con bastante antelación, se de súpeto moitas persoas quixesen a tarifa por períodos, non teriamos suficiente enerxía acordada para comprar (e o feito de comprar máis podería supor que os prezos establecidos xa non cubrirían todo o custo da enerxía). Por iso dicimos que poderás cambiar á tarifa 3.0TD períodos sempre que estea dispoñíbel.
Pódese saber con antelación canto vai custar?
Ao ser unha tarifa que depende en boa parte do prezo da enerxía no mercado diario grosista (que se sabe cun día de antelación), e tamén das horas en que cada cal utilice a enerxía, non se poden facer estimacións fiábeis do que vai custar para cada contrato, nin tampouco ten sentido comparala coas tarifas actuais por períodos. Calquera comparación só será útil para saber se unha factura sería máis económica ou máis cara, mais os resultados non se poden aplicar de cara ao futuro.
Prezo de compensación dos excedentes de autoprodución
Para establecer o valor da compensación de excedentes de autoprodución (para os contratos con compensación simplificada activada) continuamos aplicando o mesmo criterio que até agora: a enerxía compénsase ao mesmo valor que lle custa á cooperativa proverse de enerxía no mercado grosista. Iso, aplicado á tarifa 3.0TD indexada, quere dicir que os excedentes xerados nunha hora concreta se compensarán ao prezo da enerxía no mercado grosista diario a aquela hora.
O prezo de compensación non é o mesmo que o prezo de venda da enerxía, xa que, como explicamos, o prezo de venda da enerxía inclúe tamén outros conceptos: peaxes, cargos, sobrecustos do sistema… que non se aplican na compensación de excedentes. Podes atopar máis detalles nestoutro artigo.
Como cambiar á tarifa 3.0TD indexada
Se queres cambiar á tarifa 3.0TD indexada, podes facelo a través da Oficina Virtual. Cando esteas dentro, terás que ir á sección «Contratos», facer clic en «Modificar a tarifa» e seguir as indicacións que vas ir atopando. Por se che quedan dúbidas, nestoutro artigo explicámosche como pedir o cambio.
A factura coa tarifa 3.0TD indexada
Facturación da potencia
O termo de potencia factúrase en dous conceptos: por unha banda factúrase a potencia contratada de cada un dos seis períodos e, pola outra, os excesos de potencia ou penalizacións cando se supera a potencia contratada de cada un dos períodos.
Para determinar o custo destas penalizacións haberá que ter en conta a potencia contratada.
- Cando a potencia contratada sexa ata 50 kW (incluídos), a penalización por superar a potencia contratada será o prezo da potencia excedida multiplicado polo dobre da diferenza entre a potencia utilizada e a potencia contratada. Para máis información, podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para tarifas de até de 50 kW.
- Cando a potencia contratada sexa superior a 50 kW, a penalización aplicarase por cada cuarto de hora que se supere a potencia contratada. Para máis información, podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para as tarifas de máis de 50 kW e servizos auxiliares.
Na tarifa 3.0TD indexada non aplicamos marxe para a viabilidade da cooperativa no termo de potencia. Polo tanto, o prezo que aplicamos é o que está definido por lei e que podes consultar na sección de tarifas da nosa web.
Facturación da enerxía utilizada
É o custo da enerxía utilizada en cada unha das horas. Multiplícanse os kWh utilizados durante cada unha das horas polo prezo do kWh de cada hora. Tal como dixemos, na tarifa 3.0TD indexada o prezo da enerxía activa (€/kWh) é diferente cada día e cada hora.
Facturación da enerxía reactiva
A enerxía reactiva aparece nas instalacións eléctricas cando se empregan aparellos que precisan crear campos magnéticos e eléctricos para funcionaren. Esta enerxía é molesta para a distribución, e por esta razón xeráronse recargas polos excesos desta enerxía pasados á rede. Neste termo, Som Energia non aplica ningunha marxe económica.
Outros conceptos da factura
Na factura tamén verás reflectidos outros conceptos que hai que sumar para obter o custo total:
- Bono social: o custo que achega cada contrato á financiamento do bono social. Sobre este concepto aplícase o imposto da electricidade e o IVE.
- Imposto de electricidade: é un imposto regulado polo goberno (a este imposto aplícaselle tamén o IVE). A lei recolle certas bonificacións para certas actividades económicas. Explicámolo nesta ligazón: Bonificación do imposto eléctrico.
- Alugamento de contador: é un custo que pagas á distribuidora a través da nosa factura. É un valor regulado por lei, independente da empresa comercializadora coa que teñas contratada a luz.
- IVE, actualmente do 21 % sobre case todos os importes: a potencia contratada, as penalizacións de potencia, a electricidade utilizada, a enerxía reactiva, o bono social, o alugamento do contador, o imposto eléctrico, posíbeis cargos adicionais por modificacións, altas ou outros conceptos… No caso das Canarias, aplícase o IXIC (Imposto xeral indirecto canario).
- Outros conceptos que poden aparecer na factura:
- Dereitos de acceso, de extensión e de enganche: só en caso de que haxa modificacións contractuais, altas de subministración e modificacións da conexión. Son recargas reguladas, que cobra a distribuidora a través da nosa factura.
A suma de todos estes conceptos (facturación por potencia contratada, excesos de potencia, facturación por electricidade utilizada, enerxía reactiva, bono social, impostos e outros custos) é o importe total da factura.
Neste artigo aclaramos dúbidas que che poden xurdir cando a factura parece incorrecta.