Enerxía reactiva; que é, efectos na factura e como eliminala
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Enerxía reactiva
A enerxía reactiva aparece nas instalacións eléctricas cando se utilizan aparellos que precisan crear campos magnéticos e eléctricos para funcionaren. É dicir, electrodomésticos que teñen bobinas e condensadores. Por exemplo, os motores de refrixeradores e conxeladores, fluorescentes e transformadores, entre outros.
Esta enerxía é molesta para a distribución, xa que aumenta as perdas nas redes eléctricas. Por esta razón, creáronse recargas polo exceso de enerxía reactiva pasada á rede.
Ademais de repercutir na túa factura, a enerxía reactiva tamén provoca que baixe a potencia na túa instalación, o que te obriga a ter unha maior potencia contratada.
Dependendo dos dispositivos presentes na instalación, a enerxía reactiva que pode aparecer pode ser enerxía reactiva indutiva ou enerxía reactiva capacitiva. Estas compénsanse entre si, polo que ao final só pode haber enerxía dun dos dous tipos.
A enerxía reactiva mídese en kVArh (kilovoltiosamperios por hora reactiva).
Enerxía reactiva indutiva
A enerxía reactiva indutiva aparece nas instalacións eléctricas basicamente cando temos dispositivos que funcionan con bobinas. Por exemplo, calquera electrodoméstico que funcione cun transformador, motores (frigoríficos e conxeladores), compresores (aire acondicionado), fornos microondas, tubos fluorescentes...
Penalizacións por enerxía reactiva indutiva
Aplícanse penalizacións por enerxía reactiva indutiva xerada unicamente en contratos con potencia contratada superior a 15 kW en baixa tensión (tarifa 3.0TD) e en todos os contratos con alta tensión, tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD.
Se a enerxía reactiva indutiva que aparece na nosa instalación é inferior ao 33% da enerxía activa utilizada, non haberá penalización. Até o 33% nunca se paga. Págase cada kVArh extra, se superamos este 33 %.
O período P6, que corresponde ao horario de 0 a 8 da mañá en días laborábeis, máis todas as fins de semana e festivos do estado, está exento deste tipo de penalización.
Custo económico da enerxía reactiva indutiva
Se a enerxía reactiva indutiva que aparece na instalación é superior ao 33% da enerxía activa utilizada, pagaremos 0,041554 euros por cada kVArh de máis.
Se a enerxía reactiva indutiva que aparece na instalación é superior ao 75% da enerxía activa utilizada, pagaremos 0,062332 euros por cada kVArh de máis.
Posibilidade de interrupción da subministración
A normativa marca que se en tres meses a enerxía reactiva indutiva supera en 1,5 veces o uso de enerxía activa, é obrigatorio que a persoa titular do punto de subministración faga as accións necesarias para eliminala. Se a incidencia persiste, a empresa distribuidora podería chegar a suspender a subministración.
Como se elimina a enerxía reactiva indutiva
A opción máis común é compensar a enerxía reactiva indutiva instalando unha batería de condensadores.
Nestes casos, recomendamos contactar cunha empresa especializada que nos propoña solucións para minimizar a enerxía reactiva. É importante pedir varios orzamentos e ter claro cando recuperaremos o investimento. Polo xeral, o período de devolución é baixo, polo que vale a pena estudar o caso.
Enerxía reactiva capacitiva
Aínda que non é tan común, a enerxía reactiva capacitiva aparece nas instalacións eléctricas de xeito semellante á enerxía reactiva indutiva, mais de signo oposto. Xorde cando na instalación dispomos de baterías de condensadores, iluminación tipo LED, ordenadores ou cables soterrados.
Penalizacións por enerxía reactiva capacitiva
A lei vixente establece que as penalizacións por enerxía reactiva capacitiva só poderán aplicarse a contratos con tarifas de alta tensión. Estes son 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD.
Estas sancións só se aplicarán no período P6 que, como dixemos, corresponde ao horario de 0 a 8 da mañá en días laborábeis, máis todos os horarios de fins de semana e festivos.
Custo económico da enerxía reactiva capacitiva
Se a enerxía reactiva capacitiva que aparece na instalación é superior ao 20 % da enerxía activa consumida por hora, pode aparecer unha penalización. Por agora, a CNMC propón un prezo de 0 euros por cada KVArh de máis e deixa a porta aberta para aplicar unha penalización posteriormente.
Como se elimina a enerxía reactiva capacitiva da instalación
Existen varias opcións que se poden aplicar en caso de que apareza enerxía reactiva capacitiva na instalación. Desde a cooperativa aconsellamos contactar cunha empresa especializada para buscar a mellor solución ao respecto.