As tarifas indexadas
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Neste artigo falaremos de:
- Que é unha tarifa indexada?
- Características da tarifa indexada
- Como se calcula o importe que se vai pagar?
- Como se calcula o prezo horario? A fórmula indexada
- Como facturamos a tarifa indexada na práctica?
Que é unha tarifa indexada?
De xeito xeral, unha tarifa indexada de electricidade ofrece enerxía a prezo de mercado, cunha marxe para a comercializadora que a ofrece.
A diferenza dunha tarifa fixa, que ten un prezo pactado con anterioridade segundo un determinado horario, nunha tarifa indexada o prezo da enerxía é variábel cada hora, en función do custo de adquisición da enerxía no mercado maiorista da electricidade. Hai, daquela, 24 prezos por día, e mudan dun día a outro.
No caso do Estado español, o mercado de referencia para calcular o prezo da luz nas tarifas indexadas é o mercado diario. Este mercado xestiónao a empresa privada-regulada OMIE, que é a operadora de mercado designada, excepto en Baleares e Canarias, onde o prezo é definido por Rede Eléctrica de España (REE).
Na ligazón anterior podes ver o prezo da enerxía maiorista, que se aplicará todos os días para cada unha das 24 horas seguintes. Entre as 12 h e as 13 h da mañá actualízanse os valores.
A partir dos datos do mercado diario, desde Som Energia temos ao dispor das persoas e entidades con tarifa indexada unha páxina de tendencia de prezos hora a hora coa tendencia de prezos sen impostos, mais que incorpora, tal como se explica na mesma páxina, a gran maioría de compoñentes da fórmula que explicaremos máis abaixo.
O gráfico que se amosa é útil, pois informa das horas en que é máis económico empregar a enerxía.
Características da tarifa indexada
A consecuencia do comentado no punto anterior, se dispós dunha tarifa indexada, non podes prever con fiabilidade o custo final que terá a factura. E, polo tanto, será máis incerto que se dispós dunha tarifa fixa (no caso de Som Energia, as tarifas por períodos).
Porén, as tarifas indexadas ofrecen máis posibilidade de aforro, se o teu uso eléctrico é máis flexíbel, ou sexa, se tes maior capacidade de mover os teus usos energéticos ás horas máis económicas.
Tamén hai variación por días, polo tanto, tamén é interesante mirar, á parte das horas, se cada día é como norma xeral máis económico ou máis caro, e tentar consumir a enerxía principalmente nos días en que a enerxía é, como norma xeral, máis económica.
Nas tarifas por períodos, unha vez exploradas as vías de reducir enerxía, optimizar as potencias contratadas e o autoconsumo, as posibilidades de aforro redúcense a mover os usos enerxéticos entre períodos horarios (P1, P2, P3…), segundo marque a tarifa que teñas contratada.
Outra característica das tarifas indexadas é que reflicten as variacións do mercado (tanto á baixa como á alza) de xeito inmediato. Ou sexa, se o prezo da enerxía sobe, o prezo desta tarifa, sobe; e, se o prezo da enerxía baixa, o prezo desta tarifa tamén descende.
Nunha tarifa fixa, estas variacións de prezo reflíctense de xeito máis lento: cando se realiza un cambio de tarifas. En Som Energia, o cambio de tarifas pode ser cada seis meses, aínda que nalgunhas ocasións se realizaron dúas ou tres en medio ano. Cando hai unha destas actualizacións, informamos con 30 días de antelación.
Nesta ligazón podes atopar máis información sobre o funcionamento do sistema eléctrico e o papel de Som Energia.
Como se calcula o importe para pagar?
O importe para pagar pola enerxía utilizada é o produto da enerxía utilizada cada hora multiplicada polo prezo horario correspondente a esa hora.
A enerxía utilizada cada hora obtense a partir do equipo de medida. A distribuidora facilita á comercializadora un arquivo co rexistro do consumo horario, son as chamadas curvas de carga horarias (CCH).
O prezo horario calcúlase a partir da fórmula indexada na que se introducen as variábeis do mercado e o resto de custos asociados á adquisición da enerxía. Ou sexa, o prezo de cada hora contén o prezo que marca o mercado grosista co resto de custos asociados á compra de enerxía.
O custo da enerxía dunha factura mensual de 31 días é a suma do produto da enerxía empregada cada hora polo prezo horario en cada unha das 744 horas do período facturado (31 días x 24 horas/día = 744 horas/ mes).
Ao custo da enerxía haberá que engadir o resto de custos habituais da factura: potencia, excesos de potencia e enerxía reactiva (no seu caso), imposto eléctrico, alugamento do contador, IVE, etc.
Como se calcula o prezo horario? A fórmula indexada
O prezo horario da enerxía final que resulta na factura obtense aplicando unha fórmula que incorpora todos os custos que pagamos como comercializadora pola adquisición da enerxía. É unha fórmula que calcula o prezo de custo da electricidade comercializada, á que engadimos unha franxa para a cooperativa que serve para cubrir o resto de gastos propios da actividade comercializadora.
Aínda que cada comercializadora que ofrece tarifa indexada acaba aplicando unha fórmula propia, esta adoita ser bastante semellante, xa que inclúe os diferentes elementos que conforman o prezo final da enerxía.
Igualmente, se estás comparando dúas ou máis ofertas con tarifa indexada, non abonda con comparar a franxa de comercialización: tamén haberá que botar unha ollada a como se configura a fórmula, para que estas sexan equivalentes.
No caso de Som Energia, a fórmula que utilizamos traslada de xeito directo estes custos ao prezo final, e é a seguinte:
PH = 1,015 * [(PHM + Pc + Sc + Dsv + GdO + POsOm) (1 + Perd) + FE + F] + PTD + CA
Onde:
- PH = prezo horario da enerxía.
- PHM = prezo horario do mercado diario. Para os contratos da Península é o prezo OMIE; para os sistemas insulares, é o prezo horario da demanda correspondente ao sistema balear e ao sistema canario.
- Pc = pagamentos por capacidade.
- Sc = sobrecustos pola xestión da rede.
- Dsv = desvíos.
- GdO = certificados de garantía de orixe 100 % renovable.
- POsOm = custo do operador do sistema e do operador o mercado.
- Perd = perdas reguladas do sistema desde o punto de xeración ao punto de consumo.
- FE = achega ao Fondo de Eficiencia Enerxética.
- F = franxa da cooperativa (a marxe para a viabilidade da cooperativa).
- PTD = custo regulado das peaxes de transporte e distribución.
- CA = custo regulado dos cargos do sistema.
A gran maioría das variábeis son públicas e están dispoñíbeis para consulta na web do organismo correspondente. Neste documento, que podes descargar, explicamos con máis detalle cada unha das variábeis da fórmula indexada.
Os desvíos (Dsv) son o custo da penalización entre a enerxía programada e a enerxía finalmente empregada. Parte do custo é publicado por Red Eléctrica e aplícase, tal como se explica no documento antes vinculado, un factor propio da cooperativa.
As garantías de orixe 100% renovable (GdO) son o custo de adquisición destes certificados. Tanto as garantías como os desvíos son custos variábeis que actualizamos trimestralmente, segundo se pode ver no apartado de prezos da web.
A franxa da cooperativa (F) é definida desde Som Energia e inclúe a marxe para a viabilidade da cooperativa. Ao actualizarmos este valor, comunicámosllelo a todos os contratos con tarifa indexada con trinta (30) días de antelación. Tamén a temos publicada no apartado de prezos da web.
As tarifas indexadas en Som Energia
Desde a cooperativa ofrecemos a tarifa indexada a todo tipo de puntos de subministración.
No noso Centro de Axuda podes ver un resumo detallado das tarifas que ofrecemos desde a cooperativa. Tamén as podes ver sección de prezos da web.
Como facturamos a tarifa indexada na práctica?
A facturación con tarifa indexada que levamos a cabo desde Som Energia realízase a partir dos mellores datos dispoñíbeis no momento de facturar.
Por unha banda, precisamos as curvas horarias de consumo. No entanto, pode que para algúns contratos non dispoñamos destes datos ou que estean incompletos. Nestes casos, as mesmas distribuidoras facilitan os denominados «datos calculados segundo coeficientes perfilados». Isto significa que o consumo para facturar [1], obtido a partir das lecturas inicial e final en cada período tarifario, se reparte horariamente seguindo a proporción que o operador do sistema (REE) calculase que tería o tipo de usuario de cada tarifa.
Na práctica, e unicamente para estes casos comentados, implica que non facturamos realmente a enerxía utilizada a cada hora, senón a enerxía que corresponda segundo a repartición do tipo de caso.
Por outra banda, tamén precisamos coñecer o resto de custos variábeis. Cada organismo publica os seus datos e, nalgúns casos, vainos actualizando en períodos posteriores. Daquela, tamén empregamos os mellores datos dispoñíbeis no momento de facturar.
[1] Nos contratos con autoconsumo pode haber unha discrepancia entre lecturas e consumo debido á aplicación do balance horario.