Entender a factura 2.0TD periodos

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

¡ATENCIÓN!

O Goberno español aprobou a rebaixa do IVE da factura eléctrica do 21 até o 10 %. A medida, vixente até o 31 de decembro de 2024, afecta aos contratos de até 10 kW de potencia, e aplícase sempre que o prezo da enerxía ao mercado non baixe considerabelmente. Podedes ver os detalles da medida nesta noticia.

O sistema eléctrico actual é complexo, e por iso pode ser un pouco complicado entender as facturas de electricidade, que están, en parte, reguladas por lei. A continuación, debullamos as diferentes seccións das facturas de contratos domésticos coa tarifa 2.0TD períodos, con pequenas explicacións para que sexa máis comprensíbel (para os casos de contratos con maxímetro, as especificacións explicámolas no final). Podes ver unha mostra de factura no final do texto.

Daquela, neste artigo imos falar de:

 

Parte superior da factura

No inicio están os datos da factura, a titularidade e os datos de pagamento. Tamén atoparás o resumo da factura: resumo dos diferentes conceptos facturados e o seu importe, e o importe total. Máis adiante, na segunda páxina, figura o detalle destes conceptos (comentámolo máis adiante).

 

Electricidade utilizada

A seguinte sección refírese á información da electricidade utilizada. En primeiro lugar, atoparás unha gráfica co histórico do consumo dos meses anteriores.

A continuación hai unha táboa cos datos de uso de electricidade, que proveñen das lecturas do contador: os datos da lectura inicial e os da lectura final deste período de facturación. Debaixo está o «total período», o total do consumo que houbo neste período de facturación.

Estes datos están para cada un dos tres períodos horarios de enerxía: o período punta, o período chan e o período val. Esta distinción faise porque a enerxía consumida ten un prezo diferente segundo o momento en que se empregue (segundo o período horario). Daquela, atoparás a enerxía que usaches durante as horas en que houbo o período punta, a que empregaches durante as horas do período chan, e a que utilizaches durante o período val. Tes máis información sobre estes períodos de enerxía no artigo do Centro de Axuda sobre a Tarifa 2.0TD períodos, e na noticia que explica a Tarifa 2.0TD.

Se tes un contrato coa modalidade de autoprodución con compensación simplificada, aparecerache, ademais, a enerxía excedentaria, tamén separada por períodos segundo o momento en que se xerou e pasou á rede eléctrica.

Antes da sección seguinte, informámoste da media do gasto diario de enerxía (peaxes e cargos incluídos) dos 12 meses anteriores. A medida que as distribuidoras nos vaian facilitando os datos, aquí tamén atoparás o máximo de potencia que requiriches durante no último ano. Tamén che poñemos a ligazón da túa distribuidora, na que terías que atopar os mesmos datos.

 

Datos do contrato

Potencia contratada

A continuación atoparás o detalle dos datos do contrato. No concepto de «potencia contratada (kW)» figura a potencia que tes para cada un dos dous períodos de potencia (punta e val). É posíbel que teñas a mesma potencia nos dous períodos (de feito, é moi probábel, a menos que teñas un coche eléctrico ou un aparello que precise moita potencia e queiras utilizalo polas noites e nas fins de semana). Tes máis información sobre os períodos de potencia na noticia da Tarifa 2.0TD, e tamén podes consultar o artigo do Centro de Axuda sobre «Como saber que potencia preciso».

Peaxes e segmentos tarifarios

Como as peaxes que se aplican dependen do tipo de tarifa (segundo as que estableceu a CNMC), xunto a «peaxes de transporte e distribución» detállase a tarifa que determina que peaxes se aplicarán á factura. O mesmo ocorre cos cargos: establéceos o Ministerio, e son uns ou outros en función do «segmento tarifario». Daquela, o número que aparece xunto do «segmento tarifario» fai referencia ao tipo de cargos que se teñen que aplicar á factura.

Código CUPS

Nos datos do contrato aparece tamén o CUPS, o código universal de punto de subministración. É o número identificativo de cada punto de subministración (como se fose o seu DNI). Verás que se indica tamén unha data final de contrato; ten en conta que, se non indicas o contrario, os contratos renóvanse automaticamente cada ano (tal como establecen as Condicións xerais) e que non hai permanencia.

 

Avarías, urxencias e reclamacións

Na segunda páxina hai unha sección co contacto da túa distribuidora, con quen debes contactar en caso de avaría ou urxencia, e a sección «Reclamacións comercialización Som Energia», cos datos de contacto en caso de que queiras facer unha reclamación a Som Energia a respecto da comercialización. Tamén atoparás a información sobre o sistema arbitral de consumo, que é o instrumento que as administracións públicas poñen a disposición da cidadanía para resolver de xeito eficaz os conflitos que xorden nas relacións de consumo. En todas as túas facturas atoparás a ligazón á páxina oficial do Ministerio, que recolle o contacto das Xuntas Arbitrais de Consumo de cada zona. Para maior información, podes consultar o seguinte artigo: Que teño que facer para presentar unha reclamación a organismos externos?

A continuación está o detalle da factura, que explica como se calculou cada concepto. Vémolo a continuación.

Se a factura comprende un período temporal no que houbo un cambio de prezos, esta sección estará duplicada: haberá dúas liñas de cada concepto, que corresponderán aos dous períodos con ambos prezos. O mesmo ocorrerá na sección de «facturación por enerxía utilizada», explicámolo con máis detalle abaixo.

 

Facturación por potencia contratada

Mostra canto vas pagar en función da potencia que tes contratada, que non depende do consumo de enerxía que efectuaras. Multiplícase o prezo de cada kW polos kW que tes contratados (por exemplo, 3,80 kW). Como o prezo de cada kW é anual, divídese o prezo por 365 (ou por 366, os anos bisestos) e multiplícase polo número de días para facturar.

Como hai dous períodos de potencia e o prezo da potencia é diferente para cada período, este cálculo faise dúas veces, en función das potencias que tes contratadas en cada un dos dous períodos, e aplicando en cada caso o prezo da potencia para o período correspondente.

Neste artigo do Centro de Axuda atoparás unha explicación máis extensa da facturación da potencia, acompañada de algún exemplo.

Debaixo tes, do total do importe da potencia, o que corresponde a conceptos de peaxes de acceso á rede e cargos (conceptos regulados e fixados polo Goberno) en referencia á potencia contratada. Estes conceptos, como dicimos, xa están incluídos no total da potencia (liñas superiores).

 

Facturación por electricidade utilizada

Mostra canto vas pagar en concepto da electricidade que utilizaras. Como comentabamos antes, como hai tres prezos de electricidade (segundo o período horario en que a utilizaras), súmanse tres cálculos:

●   Respecto do período punta, multiplícase o prezo pola cantidade de electricidade usada (podes ver os prezos que establece a cooperativa na web, na sección de tarifas de Som Energia) (o dato que se indicaba antes, na información da electricidade empregada).

●   Respecto ao período chan, faise o mesmo: multiplicar o prezo da electricidade deste período pola cantidade de electricidade utilizada.

●   E o mesmo a respecto do período val.

Igual que ocorre coa potencia, se a factura comprende un período temporal no que houbo habido un cambio de prezos, esta sección estará duplicada: haberá dúas liñas de cada concepto, unha para cada período de tempo, que incluirá o prezo da enerxía, a cantidade utilizada e o prezo final. 

Por exemplo, se unha factura vai do 23 de setembro ao 14 de outubro e o 1 de outubro se produciu un cambio de prezos, haberá unha primeira sección cos prezos da enerxía do 23 ao 30 de setembro, a enerxía utilizada que corresponde do 23 ao 30 de setembro, e o importe que se vai pagar por este concepto. Debaixo, haberá outras tres fileiras, cos prezos da enerxía do 1 ao 14 de outubro, a enerxía utilizada que corresponde do 1 ao 14 de outubro, e o importe que se vai pagar por este concepto.

Na imaxe, o exemplo é dunha factura que vai do 17 de xaneiro ao 14 de febreiro, no suposto de que o 1 de febreiro houbese un cambio de prezos. A parte superior corresponde aos días de xaneiro (cuns prezos) e a parte inferior corresponde aos días de febreiro (con outros prezos).

Entre os días 1 de outubro e 31 de maio, e en aplicación do RDL 10/2022, nas facturas aparece unha liña engadida, correspondente ao mecanismo de axuste do gas. Esta liña indica o prezo deste concepto (que é variábel en función do período e, polo tanto, en cada factura será diferente). O importe final depende da electricidade consumida total no período facturado. Non depende, daquela, dos períodos horarios (punta, chan, val) nos que se utilizara a enerxía. Para máis información, podes ler esta noticia do blog e este artigo do Centro de Axuda.

No caso de participar en Generation kWh

Se o contrato participa no Generation kWh, tamén vas atopar aquí a cantidade de enerxía que che corresponde aquel mes ao prezo GkWh. Nos casos en que a electricidade Generation kWh que che corresponda sexa igual ou superior á cantidade total de enerxía que utilizaches, na fila correspondente á electricidade utilizada sen prezo Generation kWh aparecerá cun cero.

Peaxes e cargos na enerxía

Dentro do concepto de electricidade utilizada están incluídos os importes dos cargos e peaxes, que determinan a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e o Goberno, e que para cada factura van en función da cantidade de electricidade utilizada nos tres períodos. Atoparás o detalle despois da facturación por electricidade empregada (a pesar de que xa están incluídos no concepto de facturación por electricidade).

En caso de dispor de autoprodución

No caso dos contratos que teñan activada a modalidade de autoprodución con compensación simplificada, aquí aparecerá a compensación que corresponda. Extráese de multiplicar a electricidade excedentaria polo prezo de compensación dos excedentes. Como é compensación, aparece en negativo. Tal como está establecido legalmente, só se pode compensar até chegar ao total do concepto de electricidade utilizada; polo tanto, nos casos en que a compensación por enerxía excedentaria supere o total de electricidade utilizada, aquí aparecerá outra liña (axuste límite de compensación por autoconsumo) cun importe en positivo, para que o resultado de sumar os tres conceptos sexa cero.

 

Outros conceptos

A continuación, figuran outros conceptos que se teñen que engadir á factura:

●   Bono social: o custo que achega cada contrato no financiamento do bono social. A este concepto aplícaselle o imposto da electricidade e o IVE.

●   Imposto de electricidade: é un imposto regulado polo goberno. Aplícase o 5,11269 % sobre o que pagas pola potencia contratada e a enerxía utilizada. A este imposto, igual que ao alugamento do contador e outros conceptos, aplícaselle tamén o IVE.

●   Alugamento de contador: é un custo que pagas á distribuidora a través da nosa factura. É un valor regulado por lei, independente da empresa comercializadora coa que teñas contratada a luz.

●   IVE: actualmente aplícase un IVE do 21 % sobre case todos os importes: a potencia contratada, a electricidade utilizada, o bono social, o alugamento do contador, o imposto eléctrico, posíbeis cargos adicionais por modificacións, altas ou outros conceptos... No caso das Canarias, aplícase o IXIC (Imposto xeral indirecto canario). Ao donativo voluntario non se lle aplica o IVE nin o IXIC.

●   Outros conceptos que poden aparecer na factura: 

○   Dereitos de acceso, de extensión e de enganche: só en caso de que haxa modificacións contractuais, altas de subministración e modificacións da conexión. Son recargas reguladas, que cobra a distribuidora a través da nosa factura.

○   Donativo voluntario a Som Energia: as persoas e entidades que fan o donativo voluntario (unha achega dun céntimo por cada kWh que utilizan, e que destinamos ao desenvolvemento da cooperativa) poden ver reflectido o concepto nesta sección. O importe é o resultado de multiplicar un céntimo polo número de kWh empregados.

A suma de todos estes conceptos (facturación por potencia contratada, facturación por electricidade utilizada, bono social, impostos e outros custos) é o importe total da factura.

A continuación hai información coa ligazón ao comparador de prezos da CNMC.

A continuación hai un gráfico que mostra o destino do importe da factura, é dicir, que proporción da factura vai parar a impostos, cal aos custos de produción de enerxía, e cal aos cargos, peaxes de transporte e distribución e alugamento do contador.

 

Outros aspectos

Na terceira páxina da factura están as explicacións de varios aspectos relacionados coa electricidade: a orixe, o impacto ambiental, e os certificados de garantía de orixe.

 

Máis información

Se queres saber máis detalles da factura ou ben como podes aforrar na factura da luz, podes realizar formación gratuíta na Aula Popular, e tamén consultar este outro artigo do Centro de Axuda.

A continuación podes ver un modelo de factura (con autoproducción activada).

 

Contratos con maxímetro

Os puntos de subministración que teñen a tarifa 2.0TD períodos e maxímetro (por exemplo, algunhas comunidades veciñais ou puntos de subministración con elementos non interrompíbeis) teñen as seguintes peculiaridades reflectidas na factura.

Na sección do detalle das lecturas atoparás tamén as lecturas do maxímetro, que indican a potencia máxima rexistrada para cada un dos períodos. Se a potencia rexistrada supera a potencia contratada, aplícase unha penalización. Nestoutro artigo atoparás cal é o custo dos excesos de potencia para os contratos con tarifa 2.0TD e maxímetro. Nos casos en que pasara isto, o custo deste exceso de potencia atoparalo na sección do detalle da factura, debaixo da facturación por potencia contratada.

A continuación podes ver un modelo de factura con maxímetro:

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar