O CUPS: Código Universal de Puntos de Subministración
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O código universal do punto de subministración (CUPS) é o código que identifica os puntos de subministración. Se cambias de vivenda ou local, deixarás de ter o CUPS que tiñas até agora na túa factura, e no novo fogar ou local terás un diferente.
Precisarás o código CUPS se queres tramitar un cambio de comercializadora. Poderás atopalo en calquera factura do punto de subministración en cuestión.
Se a vivenda ou local dispón de subministración de gas e a comercializadora actual comercializa luz e gas, é importante que prestes atención para evitar confusións, xa que a subministración de gas tamén utiliza un código CUPS.
Se no punto de subministración nunca houbo luz, pode que sexa preciso realizar un trámite previo para pedilo á empresa distribuidora, que é a encargada de asignalo. Se este é o teu caso, aconsellámosche que consultes o artigo seguinte: Actualmente non hai luz. Como solicitar un novo punto de subministración.
Se non dispós de ningunha factura a man onde poidas ver o CUPS e debes tramitar un cambio de comercializadora, ou ben unha alta de subministración nun punto onde xa houbo luz anteriormente, tamén debes pórte en contacto coa empresa distribuidora para pedirllo.
O CUPS está composto por 20 ou 22 caracteres, sempre comeza por «ES», seguido de 16 números e 2 letras que funcionan de díxitos de control.
Con frecuencia —aínda que non é obrigatorio—, o CUPS acaba con dous díxitos máis: un numérico (0, 1, 2…) e outro alfabético (F, P, C, X…) que identifican en que punto se conecta o equipo de medida para facer os rexistros de uso de enerxía (o que tecnicamente se chama punto fronteira). A terminación máis habitual é con «0F», e tamén, aínda que menos, con «1P».
Se queres saber un pouco máis, nesta ligazón a Wikipedia explícanse máis detalles.