Periodicidade das facturas
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O sistema de facturación de electricidade de Som Energia é mensual, así foi aprobado na Asemblea Xeral en xuño de 2014. A razón desta periodicidade na facturación baséase nos seguintes motivos principais:
- A facturación mensual proporciona á persoa usuaria máis información e un maior control sobre os seus consumos e os seus gastos.
- Facturar mensualmente en lugar de facelo en períodos máis longos permítenos detectar e corrixir máis rapidamente calquera posible erro ou incidencia que poida producirse na facturación.
- Nos últimos anos, o mercado eléctrico foi evolucionando cara a facturación mensual. Hoxe en día, a maioría de distribuidoras proporcionan lecturas mensuais e emiten facturas a Som Energia mensualmente por conceptos como as peaxes de distribución ou o aluguer dos contadores.
Significa iso que sempre recibirei facturas mensualmente baseadas en lecturas reais?
Esa é a nosa intención e así será sempre que sexa posible. Porén, nalgúns casos é posible que esa periodicidade mensual non se cumpra ou que teñamos que emitir facturas baseadas en estimacións de consumo.
Som Energia é unha cooperativa que produce e comercializa enerxía de orixe 100 % renovable, mais a distribución de electricidade aínda non está liberalizada, existe unha única compañía distribuidora que actúa en condición de monopolio en cada territorio. A compañía distribuidora é propietaria da rede eléctrica e dos contadores. Dese xeito, Som Energia non ten acceso directo aos datos do contador, senón que depende das lecturas que transmite a compañía distribuidora. Nese sentido, non sempre obtemos lecturas reais puntualmente, ás veces a propia distribuidora envía lecturas estimadas ou pode haber atrasos. Nestes casos, isto obríganos a modificar a periodicidade da facturación ou a emitir facturas baseadas en lecturas estimadas.
No caso de que Som Energia teña que realizar unha estimación de consumo, na factura indicarase que aquela lectura foi calculada por Som Energia. Podedes consultar como realizamos o cálculo no seguinte artigo: Sistema de estimación de uso da electricidade en Som Energia.