Tarifas de alta tensión 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD indexada
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
As tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD períodos e as tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD indexadas son as tarifas de todos os puntos de subministración de alta tensión; é dicir, para subministracións cunha tensión de acceso superior a 1 kV.
Este tipo de tarifas son habituais en polígonos industriais, mais tamén naqueles puntos de subministración afastados das redes de distribución de baixa tensión, que se conectan a redes de alta tensión. Esta circunstancia pode darse en zonas rurais.
Segundo a tensión atopamos as seguintes tarifas de acceso:
- Tarifas 6.1TD: cunha tensión maior ca 1 kV e inferior a 30 kV.
- Tarifas 6.2TD: cunha tensión maior ou igual a 30 kV e inferior a 72,5 kV.
- Tarifas 6.3TD: cunha tensión maior ou igual a 72,5 kV e inferior a 145 kV.
- Tarifas 6.4TD: cunha tensión igual ou superior a 145 kV
Para estes casos, existen as seguintes tarifas dispoñíbeis para cada zona (Península, Baleares, Canarias):
- Tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD períodos
- Tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD indexadas
Neste artigo explicamos as características das tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD indexadas (as das tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD períodos podes velas nestoutro).
As tarifas de alta tensión indexadas trasladan directamente ás persoas e empresas consumidoras o custo da enerxía do mercado grosista diario. Daquela, as variacións de prezo existentes repercútense no momento ás usuarias. Se a enerxía no mercado grosista baixa, os prezos da tarifa baixan, e se a enerxía no mercado grosista sobe, os preos das tarifas soben.
A continuación, falarémosvos de:
- Composición do prezo
- Un prezo de enerxía para cada hora
- Seis potencias contratadas
- Posibilidade de superar a potencia contratada
- Esta tarifa ten permanencia?
- Pódese saber con antelación canto vai custar?
- Prezo de compensación dos excedentes de autoprodución
- Como cambiar a unha tarifa de alta tensión indexada
- A factura cunha tarifa de alta tensión indexada
Composición do prezo
O prezo da tarifa indexada inclúe os mesmos conceptos que o da tarifa por períodos:
- O custo da enerxía.
- Os cargos e peaxes establecidos na normativa.
- Outros conceptos que deben pagarse para poder consumir enerxía.
- Custo de adquisición dos certificados de garantía de orixe 100 % renovábel.
- Custo das desviacións.
- Marxe para a cooperativa. Non se trata dunha marxe para obter beneficio económico, senón da marxe que precisamos para realizar a nosa actividade (salarios de persoas traballadoras, alugamento de oficinas, material...).
O artigo « Como establecemos os prezos en Som Energia» atoparás máis detalles neste sentido.
Á parte do prezo da enerxía, tamén existe o prezo da potencia, que é o mesmo que na tarifa por períodos, e uns engadidos, tamén comúns con estoutra tarifa:
- Alugueiro do contador.
- Bono social.
- Excesos de potencia (se se dá o caso).
- Enerxía reactiva (se se dá o caso).
- Impostos (IVE ou IXIC, e imposto eléctrico).
- Pueden aparecer outros conceptos: dereitos de acceso, extensión e enganche…
Un prezo de enerxía para cada hora
Outra das características desta tarifa é que cada hora ten un pezo diferente e muda todos os días. Ao trasladarse o prezo do mercado diario, non se sabe con antelación. Unicamente se pode saber cun día de antelación se o prezo tenderá a ser elevado ou económico, e que horas do día serán as máis caras e baratas.
O prezo da enerxía para cada hora calcúlase a partir dunha fórmula onde se introduce o custo da enerxía desa hora máis o resto de custos asociados á adquisición da enerxía. Ou sexa, o prezo de cada hora contén o prezo que marca o mercado grosista co resto de custos asociados á compra de enerxía. Podes ver a fórmula nestoutro artigo do Centro de Axuda.
Seis potencias contratadas
Esta tarifa dispón de seis períodos horarios de potencia chamados P1, P2, P3, P4, P5 y P6, e cada un ten prezos concretos. Os prezos da potencia son os mesmos que na tarifa por períodos.
Pódese contratar unha potencia diferente para cada un dos seis períodos. Porén, é preciso que sigan o criterio de potencias crecentes, é dicir, a potencia contratada nun período concreto debe ser igual ou superior á do período anterior. Isto significa que: P1 ≤ P2 ≤ P3 ≤ P4 ≤ P5 ≤ P6.
En cada zona territorial (Península, Illas Baleares e Illas Canarias), e segundo que mes do ano sexa, corresponde un período ou outro. Para unha información máis detallada podes consultar esta ligazón:
Posibilidade de superar a potencia contratada
A subministración non se interrompe ao utilizar unha potencia superior á contratada. Porén, tal e como explicamos no momento de falar da factura, este uso de potencia por riba da contratada pode supor un custo económico.
Esta tarifa ten permanencia?
Esta tarifa non ten permanencia. Se nalgún momento queres mudar, poderás pasarte a unha tarifa de alta tensión períodos (sempre que estea dispoñíbel) ou poderás cambiar de comercializadora, sen que se che aplique ningunha penalización.
Debido a que as tarifas de alta tensión períodos son unhas tarifas polas que acordamos a compra da enerxía con bastante antelación, se de súpeto moitas persoas quixesen a tarifa por períodos, non teriamos suficiente enerxía acordada para comprar (e o feito de comprar máis podería supor que os prezos establecidos xa non cubrirían todo o custo da enerxía). Por isto dicimos que poderás cambiarte a unha tarifa de alta tensión períodos sempre que estea dispoñíbel.
Pódese saber con antelación canto vai custar?
Ao ser unha tarifa que depende en boa parte do prezo da enerxía no mercado diario grosista (que se sabe cun día de antelación), e tamén das horas nas que cada quen utilice a enerxía, non se poden realizar estimacións fiábeis do que custará para cada contrato, nin tampouco ten sentido comparala coas tarifas actuais por períodos. Calquera comparación só será útil para saber se unha factura sería máis económica ou máis cara, mais os resultados non poden aplicarse ao futuro.
Prezo de compensación dos excedentes de autoprodución
Para establecer o valor da compensación de excedentes de autoprodución (para os contratos con compensación simplificada activada) seguimos aplicando o mesmo criterio que até agora: a enerxía compénsase ao mesmo valor que lle cueta á cooperativa proverse de enerxía no mercado grosista. Isto, aplicado a unha tarifa de alta tensión indexada, significa que os excedentes xerados a unha hora concreta compensaranse ao prezo da enerxía no mercado grosista diario a esa hora.
O prezo de compensación non é o mesmo que o prezo de venda da enerxía, xa que, como explicamos, o prezo de venda da enerxía inclúe tamén outros conceptos: peaxes, cargos, sobrecustos do sistema… que non aplican á compensación de excedentes. Podes atopar máis detalles nestoutro artigo.
Como cambiar a unha tarifa de alta tensión indexada
Se queres cambiar á tarifa 6.1TD indexada, podes facelo a través da Oficina Virtual. Cando esteas dentro, terás que ir á sección «Contratos», facer clic en «Modificar a tarifa» e seguir as indicacións que irás atopando. Por se che quedan dúbidas, nestoutro artigo explicámosche como pedir o cambio.
Se dispós dunha tarifa 6.2TD, 6.3TD ou 6.4TD, podes pedirnos o cambio por correo electrónico a modifica@somenergia.coop.
A factura cunha tarifa de alta tensión indexada
Facturación da potencia
O termo de potencia factúrase en dous conceptos: por unha banda factúrase a potencia contratada de cada un dos seis períodos e, pola outra, os excesos de potencia ou penalizacións cando se supera a potencia contratada de cada un dos períodos.
Para determinar o custo destas penalizacións será preciso ter en conta a potencia contratada.
- Cando a potencia contratada sexa de 50 kW (incluídos), a penalización por superar a potencia contratada será o prezo da potencia excedida multiplicado polo dobre da diferenza entre a potencia utilizada e a potencia contratada. Para máis información podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para tarifas de até 50 kW.
- Cando a potencia contratada sexa superior a 50 kW, a penalización aplicarase por cada cuarto de hora que se supere a potencia contratada. Para máis información podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para as tarifas de máis de 50 kW e servizos auxiliares.
Nas tarifas de alta tensión indexadas non se aplica marxe para a viabilidade da cooperativa no termo de potencia. Polo tanto, o prezo que aplicamos está definido por lei e podes consultalo na sección de tarifas da nosa web.
Facturación da enerxía utilizada
É o custo da enerxía utilizada en cada unha das horas. Multiplícanse os kWh utilizados durante cada unha das horas polo prezo do kWh en cada hora. Tal e como dixemos, nas tarifas indexadas o prezo da enerxía (€/kWh) é diferente todos os días, e cada hora.
Facturación da enerxía reactiva
A enerxía reactiva aparece nas instalacións eléctricas cando se utilizan aparellos que precisan crear campos magnéticos e eléctricos para o seu funcionamento. Esta enerxía é molesta para a distribución, e por esta razón creáronse recargas polos excesos desta enerxía pasados á rede que se aplican segundo normativa. Neste termo, Som Energia non aplica ningunha marxe económica.
Outros conceptos da factura
Na factura tamén verás reflectidos outros conceptos que hai que sumar para obter o custo total:
- Bono social: o custo que achega cada contrato no financiamento do bono social. Sobre este concepto aplícase o imposto da electricidade e o IVE.
- Imposto de electricidade: é un imposto regulado polo goberno (tamén se lle aplica o IVE). A lei recolle certas bonificacións para certas actividades económicas. Explicámolo nesta ligazón: Bonificación do imposto eléctrico.
- Alugamento de contador: é un custo que pagas á distribuidora a través da nosa factura. É un valor regulado por lei, independiente da empresa comercializadora coa que teñas contratada a luz.
- IVE: actualmente o 21 % sobre case todos os importes: a potencia contratada, as penalizacións de potencia, a electricidade utilizada, a enerxía reactiva, o bono social, o alugamento do contador, o imposto eléctrico, os posíbeis cargos adicionais por modificacións, altas ou outros conceptos. No caso de Canarias, aplícase o IXIC (Imposto Xeral Indirecto Canario).
- Outros conceptos que poden aparecer na factura:
- Dereitos de acceso, extensión e enganche: só en caso de que existan modificacións contractuais, altas de subministración e modificacións da conexión. Son recargas reguladas, cobradas pola distribuidora a través da nosa factura.
A suma de todos estes conceptos (facturación por potencia contratada, excesos de potencia, facturación por electricidade utilizada, enerxía reactiva, bono social, impostos e outros custos) conforman o importe total da factura.
Neste artigo aclaramos dúbidas que che poden xurdir cando a factura che pareza incorrecta.