Como establecemos os prezos en Som Energia?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Obxectivo e valores de Som Energia
O obxectivo de Som Energia é transformar o actual modelo enerxético cara un renovábel, distribuido e en mans da cidadanía. Somos unha cooperativa que non busca beneficio económico. Os prezos, daquela, non están fixados co obxectivo de lucrarnos, senón simplemente de garantir a viabilidade da cooperativa.
Á hora de fixar os prezos, trasladamos o esquema que establece a normativa ás persoas e entidades consumidoras. Non facemos produtos comerciais nin tarifas planas, senón que os cargos e peaxes (conceptos a pagar por utilizar enerxía) os repercutimos alí onde establece a regulación, co obxectivo de aumentar a transparencia sobre o funcionamento do mercado eléctrico.
Do mesmo xeito, non facemos ofertas nin descontos para novos contratos, nin como estratexia para reter contratos.
Tipo de tarifas actuais
Actualmente, ofrecemos dúas tarifas para cada tipo de contrato. Así, temos as tarifas por períodos e as tarifas indexadas. Porén, o xeito en que establecemos os prezos é moi semellante e segue uns criterios comúns.
No artigo seguinte do Centro de Axuda explicamos con detalle todas as tarifas que ofrece a cooperativa.
Que deben cubrir os prezos?
Á hora de establecer os prezos, como comercializadora, debemos ter en conta que os prezos deben cubrir:
- O custo da enerxía.
- Os cargos e peaxes establecidos na normativa.
- Outros conceptos que deben pagarse para consumir enerxía.
- Certificados de Garantía de orixe 100 % renovábel.
- Marxe para a cooperativa. Non se trata dunha marxe para obter beneficio económico, senón da marxe que precisamos para realizar a nosa actividade (salarios de persoas traballadoras, alugamento de oficinas, material...).
- Impostos (IVE e imposto eléctrico).
Algúns destes conceptos establéceos a normativa vixente:
- Os cargos e peaxes.
- Outros conceptos que deben pagarse para poder consumir enerxía.
- Impostos (IVE e imposto eléctrico).
Outros dependen da cooperativa:
- Marxe para a viabilidade da cooperativa.
- Certificados de Garantía de orixe 100 % renovábel.
E outros dependen do mercado:
- Custo da enerxía.
Os conceptos que establece a normativa vixente trasladámolos e aplicámolos onde establece a regulación. Estes conceptos son, por exemplo:
- Cargos. Establéceos e cóbraos a administración, á que Som Energia paga a través das distribuidoras, e destínanse ao que o goberno decida, por exemplo, pagar a retribución específica das renovábeis (antigas primas), reducir o déficit de tarifa ou financiar os extracustos insulares pola produción de enerxía eléctrica).
- Peaxe de transporte e distribución, que cobran as distribuidoras.
- Custos que se van pagar en Red Eléctrica: sobrecustos do sistema, pagamentos por capacidade, penalizacións por desvíos entre enerxía comprada e a que finalmente se utilizou…
- Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética.
- Servizo do Operador do Mercado (OMIE) e do Sistema (REE).
- Impostos: imposto eléctrico e IVA ou IGIC.
A Asemblea Xeral de socias e socios establece que marxe se pode aplicar. Trátase dunha marxe para a viabilidade da cooperativa, ou sexa, para cubrir os salarios, material, alugamentos de oficinas, software informático, provedores... Actualmente, está fixado entre o 0,5 e o 2 % de EBITDA (resultado antes de impostos).
A Asemblea tamén estableceu onde debe aplicarse esta marxe. A día de hoxe, está fixado aplicalo principalmente sobre o prezo da enerxía e unha pequena parte na potencia contratada.
Os certificados de Garantía de orixe 100 % renovábel adquirímolos a produtores renovábeis, unhas veces directamente e outras a través de intermediarios. O prezo destes certificados non está regulado, depende da oferta e a demanda. Daquela, este concepto depende dos acordos aos que podemos chegar cos produtores de renovábeis e os intermediarios.
A respecto do custo da enerxía que comercializamos, depende de se se trata das tarifas indexadas ou as tarifas por períodos:
- O custo da enerxía nas tarifas indexadas é o custo da enerxía no mercado maiorista diario. Cada día a cada hora, a enerxía no mercado maiorista diario ten un prezo diferente (por iso, as tarifas indexadas varían todos os días cada hora).
- Saber o custo da enerxía nas tarifas de períodos é algo máis complexo. Explicámolo na seguinte sección.
Como sabemos canto nos custa a enerxía para as tarifas de períodos?
É evidente que saber canto nos custa a enerxía está relacionado con como e de onde a obtemos.
Cando facemos unha revisión ou actualización dos prezos das tarifas por períodos, a parte da enerxía traballámola do seguinte xeito:
Primeiro facemos unha previsión de canta enerxía imos precisar nos meses seguintes (mentres estean vixentes, previsibelmente, os novos prezos). Esta previsión facémola en función do número de contratos que temos, o tipo de consumo que adoitan ter e a época do ano (se van ser meses fríos ou calorosos, con moita demanda de enerxía, ou se van ser meses de entretempo con pouca demanda…). Cando teñamos a previsión da demanda, iremos buscar a enerxía. Obtémola de diferentes xeitos:
- Unha parte coprámola en mercados de futuros, con meses de antelación. Chegamos a acordos con entidades financeiras que traballan con mercados de futuro ou con produtores de enerxía. Nestes acordos comprometémonos a comprar unha cantidade determinada de enerxía durante os meses seguintes, e acordamos que prezo imos pagar por ela. Isto é o que se chama «comprar a enerxía no mercado de futuros» (aínda que tamén inclúe produtores). Isto sérvenos, a Som Energia, para ter a seguridade de que podremos obter esa cantidade de enerxía a un prezo que xa coñecemos, fixado e pechado, e que non vai variar por moito que ao cabo duns meses o coste da enerxía subira ou baixara. Ter acordado o prezo ao que imos comprar a enerxía permítenos poder establecer o prezo para as semanas ou meses seguintes (e, polo tanto, non ter que cambiar prezos constantemente).
- Outra parte da enerxía provén das nosas plantas de produción. Como son as nosas plantas, xa sabemos cal é o custo desta enerxía (o custo de construción, posta en marcha e mantemento das plantas). Non depende das flutuacións e especulacións do mercado enerxético.
- Para poder axustar máis a cantidade de enerxía que compramos, outra parte imos comprala pouco antes de comercializar no mercado diario da enerxía, polo tanto, no momento de fixar os novos prezos, aínda non imos saber canto nos vai custar. Neste caso, daquela, debemos facer unha previsión, en función de diferentes parámetros, de cal vai ser o prezo ao que imos comprar a enerxía. Habitualmente, isto no variaba moito. Porén, desde o verán de 2021, o custo da enerxía que compramos para comercializar foi aumentando de xeito exponencial, chegando a niveis imprevisíbeis. As previsións que fixeramos quedaron desfasadas e por iso tivemos que actualizar as tarifas antes do previsto.
Con estes tres parámetros, imos obter unha previsión do que nos vai custar comprar a enerxía para comercializala.
Para establecer o prezo da potencia para cada un dos períodos horarios:
- Aplicamos as peaxes e cargos establecidos pola normativa.
- Aplicamos a outra parte da marxe para a viabilidade da cooperativa.
Na factura
Nas facturas de electricidade, á parte dos prezos da enerxía e a potencia, engádense posteriormente os impostos e outros conceptos (alugamento de contador, custos por modificacións de contratos…), establecidos por normativa ou polas distribuidoras. Se o contrato é doméstico, con menos de 15 kW de potencia contratada, podes consultar estes artigos: Entender a factura 2.0TD períodos e Entender a factura 2.0TD indexada.
Revisión de prezos
Continuamente revisamos as previsións feitas e a realidade do momento a fin de levar a cabo un seguimento da evolución do mercado da electricidade e de todos os elementos que detallamos. O obxectivo non é outro que asegurar a viabilidade económica da cooperativa, ao tempo que mantemos tarifas competitivas e robustas ante a variabilidade do sector.
Habitualmente, e segundo está establecido pola Asemblea Xeral, actualizamos os prezos dúas veces por ano, en xaneiro e xullo. Algunhas veces, os cálculos indican que deben subirse prezos; e outras, que non é preciso varialos, e outras, que deben baixarse.
Desde o verán de 2021, porén, o Consello Reitor (órgano designado pola Asemblea) tivo que aprobar a súa modificación con maior frecuencia. Foi preciso pola complicada situación do mercado eléctrico e a volatilidade do custo da enerxía: se non se subiran as tarifas, o custo de comprar a enerxía sería moi superior ao prezo ao que a comercializamos.
Á parte das modificacións de prezo establecidas por Som Energia, das que sempre avisamos con 30 días de antelación, tamén pode ser que os prezos se teñan que modificar se se aproba unha nova regulación que modifica algún dos importes que se deben pagar por consumir enerxía (por exemplo, o IVE, os cargos ou as peaxes). Nestes casos, os cambios deben aplicarse ao momento e non é posíbel avisar con antelación.