A tarifa 3.0TD
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
A tarifa 3.0TD é a tarifa de acceso para todos os puntos de subministración de baixa tensión con máis de 15 kW de potencia contratada: pequenas e medianas empresas, servizos de hostalería, restaurantes, hoteis, panadarías, escolas, despachos, oficinas, comunidades veciñais, etc.
Os prezos desta tarifa podes atopalos na sección de tarifas de electricidade da web da cooperativa.
Características da tarifa 3.0TD
Horarios e períodos da tarifa 3.0TD
A tarifa 3.0TD dispón de 6 períodos de enerxía e de potencia chamados P1, P2, P3, P4, P5 e P6, e que teñen, cada un, uns prezos concretos de enerxía e potencia (os prezos do P1 son os máis elevados, e despois van diminuíndo até os do P6, que son os máis económicos).
En cada zona territorial (Península, Illas Baleares e Illas Canarias), e segundo que mes do ano sexa, correspóndelle un período ou outro. Para unha información máis detallada podes consultar este artigo: Horarios e períodos da tarifa 3.0TD e as tarifas de alta tensión 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD
6 potencias contratadas
Pódese contratar unha potencia diferente a cada un dos seis períodos, que coinciden cos períodos de enerxía. Porén, é preciso que sigan o criterio de potencias crecentes, é dicir, a potencia contratada nun período concreto debe ser igual ou superior á do período anterior. Isto significa que: P1 <= P2 <= P3 <= P4 <= P5 <= P6.
Posibilidade de superar a potencia contratada
En ningún caso utilizar unha potencia superior á contratada suporá que a subministración quede interrompida.
A factura coa tarifa 3.0TD
Facturación da potencia
O termo de potencia factúrase en dous conceptos: por unha banda factúrase a potencia contratada de cada un dos seis períodos e, pola outra, os excesos de potencia ou penalizacións cando se supera a potencia contratada de cada un dos períodos.
Para determinar o custo destas penalizacións deberá ter en conta a potencia contratada.
- Cando a potencia contratada sexa entre 15 e 50 kW (incluído), a penalización por superar a potencia contratada será o prezo da potencia excedida multiplicado polo dobre da diferenza entre a potencia utilizada e a potencia contratada. Para máis información podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para tarifas entre 15 e 50 kW
- Cando a potencia contratada sexa superior a 50 kW, a penalización aplicarase por cada cuarto de hora que se supere a potencia contratada. Para máis información podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para as tarifas de máis de 50 kW
Facturación da enerxía utilizada
É o custo da enerxía utilizada en cada período. Multiplícanse os kWh utilizados durante cada un dos períodos polo prezo do kWh en cada período.
O prezo da enerxía activa (€ / kWh) é diferente en cada un dos períodos, e podemos falar dun escalado de prezos onde o período P1 é o máis caro, e o resto de períodos (P2, P3, P4 e P5) van baixando gradualmente de prezo, até o período P6, que resulta o máis económico. Podes consultar os prezos de Som Energia na sección de tarifas da nosa web.
Facturación da enerxía reactiva
A enerxía reactiva aparece nas instalacións eléctricas cando se utilizan aparellos que precisan crear campos magnéticos e eléctricos para o seu funcionamento. Esta enerxía é molesta para a distribución e por esta razón se crearon recargas polos excesos desta enerxía pasados á rede. Neste termo, Som Energia non aplica ningunha marxe de beneficio.
Outros conceptos da factura
Na factura tamén verás reflectidos outros conceptos que hai que sumar para obter o custo total:
- Alugueiro de equipos: trátase do alugueiro dos contadores que pagas á distribuidora a través da nosa factura. No caso de ter o contador en propiedade (pouco habitual), este importe será 0 €.
- Imposto de electricidade: é un imposto regulado polo goberno (a este imposto aplícaselle tamén o IVE). A lei recolle certas bonificacións para certas actividades económicas. Explicámolo nesta ligazón: Bonificación do imposto eléctrico
- IVE, actualmente do 21 %.
- Donativo voluntario: este concepto está exento de IVE.
- Dereitos de acceso, extensión, enganche, verificación ou supervisión: conceptos que cobra a empresa distribuidora a través da nosa factura se tramitaches unha alta de subministración ou fixeches unha modificación contractual.