Que é GURB e como te podes adherir
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
GURB é o novo servizo de Som Energia mediante o cal as persoas e entidades socias que actualmente non dispoñen de ningunha modalidade de autoconsumo asociada ao seu contrato poden pasar a beneficiarse da enerxía producida por unha instalación de autoconsumo colectivo que explota e xestiona a cooperativa.
Os proxectos de GURB ( Generación eléctrica URBana) son un xeito máis no que Som Energia vai impulsar un modelo enerxético renovábel, eficiente e distribuído.
Trátase de xeración renovábel de orixe solar fotovoltaica mediante o despregamento do autoconsumo colectivo entre persoas e entidades que teñen algún tipo de contrato de luz con Som Energia. Este modelo permite o aproveitamento de cubertas para xeración distribuída en contornas urbanas, achegando deste xeito a xeración ao consumo.
Así, neste artigo imos falar de:
- En que consiste GURB
- Criterios para adherirse a GURB
- Por que debo estar nun radio de 2 km da instalación fotovoltaica?
- Por que o servizo GURB non é compatíbel cun contrato que xa teña algunha tipoloxía de autoconsumo?
- Podo acceder ao servizo se teño o contrato asociado ao Generation kWh?
- Se son unha persoa ou entidade socia de Som Energia, pode interesarme participar en GURB?
- Se estou de alugueiro, podo contratar este servizo?
- Quen vai ter a propiedade da instalación?
- Este servizo ten compromiso de permanencia
En que consiste GURB
Som Energia xestiona unha instalación fotovoltaica de autoconsumo colectivo sobre unha cuberta e fai o seu mantemento durante toda a súa vida útil.
A enerxía xerada a partir da instalación de autoconsumo colectivo repártese entre as persoas e entidades adheridas ao proxecto mediante un cociente de reparto (β). As persoas e entidades asociadas a unha instalación concreta de GURB pagan un custo de adhesión único e unha cota de servizo periódica (cota GURB) en función da potencia de autoprodución contratada (ou potencia GURB) da instalación e a tipoloxía de autoconsumo colectivo da instalación.
O esquema sería o seguinte:
Así, e de acordo coa misión e obxectivos da cooperativa, o servizo GURB pensouse para promover e favorecer o acceso ao autoconsumo colectivo entre as persoas e entidades con contrato de Som Energia, especialmente aquelas que non dispoñen de autoprodución, sexa porque están de alugueiro, carecen de cuberta axeitada ou non dispoñen de suficientes recursos para facer fronte ao investimento que supón unha instalación fotovoltaica completa.
Debido a que o modelo GURB se basea no autoconsumo colectivo, a posibilidade de participar no proxecto depende, en primeiro lugar, da posibilidade da cooperativa de pór en marcha un proxecto preto do teu punto de subministración. E, polo tanto, hai que ter moi presente este elemento de proximidade ao punto de xeración.
GURB son proxectos de autoprodución colectiva a través de rede. Neste artigo do centro de axuda explicamos máis polo miúdo en que consiste este tipo de autoprodución.
Criterios para adherirse a GURB
De xeito resumido, para que te poidas adherir a GURB debes cumprir cos seguintes criterios:
- Dispor dun contrato de subministración eléctrica activo en Som Energia que se atope situado nun radio de 2.000 m arredor da localización da instalación fotovoltaica produtora.
- Non ter ningunha tipoloxía de autoconsumo activa no teu contrato de subministración.
Así mesmo, debes ter en conta que, por motivos técnicos, cando solicites adherirte a un proxecto GURB, non podes ter en curso ningunha modificación (de potencia, tensión ou tarifa) en trámite. Neste caso, tes que agardar a que esta modificación finalice para poder adherirte a GURB.
Pasos e custos para adherirse a GURB
Para adherirte a un GURB tes que cubrir o formulario de inscrición do GURB que haxa na túa zona. Este formulario envíaselles cada vez que se abre un GURB novo a todos os contratos activos na cooperativa que cumpren os criterios para adherirse ao proxecto GURB.
Nese momento, enviamos información sobre a instalación GURB á que te podes adherir, a súa tipoloxía de autoconsumo (con excedentes e compensación simplificada ou simplemente con excedentes) e podes escoller que potencia de autoprodución (potencia GURB) queres contratar.
No mesmo formulario encóntrase a información detallada sobre a documentación contractual que debes recibir e como formalizala.
Podes consultar as tarifas na páxina web de GURB.
Adherirte ao servizo GURB implica a modificación do teu contrato de subministración por parte da empresa distribuidora para aplicar a tipoloxía de autoconsumo.
Por que debo estar nun radio de 2 km da instalación fotovoltaica?
Porque así o estabelece a lei que regula o autoconsumo colectivo (Real decreto 244/2019), que marca esta distancia entre a xeración e o punto de subministración consumidor.
Por que o servizo GURB non é compatíbel cun contrato que xa teña algunha tipoloxía de autoconsumo?
GURB é un servizo que ten como finalidade ofrecer a posibilidade de beneficiarse do autoconsumo ás persoas que non poden facelo doutro xeito, sexa porque están de alugueiro, non teñen unha cuberta axeitada ou non dispoñen de recursos suficientes para facer fronte ao investimento que suporía unha instalación fotovoltaica completa.
Tamén hai unha serie de limitacións técnicas que explicamos con máis detalle neste artigo.
Podo acceder ao servizo se teño o contrato asociado ao Generation kWh?
Si, a participación no GURB é compatíbel con ter o contrato asociado ao proxecto Xeración kWh.
O Generation kWh permite ofrecer á persoa ou entidade socia interesada a posibilidade de gozar de enerxía renovábel a prezo dos custos de xeración das plantas de Som Energia. En certo modo, o proxecto Xeración kWh vén ser un «autoconsumo virtual», mais non é un autoconsumo compartido, (como si é GURB), porque o lugar de produción e o lugar onde se utiliza non teñen por que ser próximos e a enerxía autoconsumida non se mide hora a hora, tal e como ocorre nun autoconsumo compartido.
Aínda que ambos os dous servizos son diferentes, os dous proxectos axudan ao mesmo obxectivo da cooperativa: promover a xeración renovábel e distribuída en mans da cidadanía. E, ao tempo, ambos os dous proxectos axudan a persoas e entidades que non poden dispor de autoconsumo individual, sexa polo motivo que sexa.
Se estou de alugueiro, podo contratar este servizo?
Si, podes contratar o servizo aínda que esteas de alugueiro. De feito, o servizo está pensado para as persoas titulares de contratos de subministración que non poidan pór un autoconsumo individual, entre outros motivos, porque están de alugueiro.
Quen terá a propiedade da instalación?
A propietaria da instalación será, en xeral, Som Energia por medio dunha das súas filiais. Tamén se pode dar o caso de que a propiedade da instalación sexa da persoa ou entidade propietaria da nave, no caso de que xa teña unha instalación fotovoltaica e haxa unha cesión a esa filial de Som Energia, a cambio dun alugueiro, para a súa xestión.
Este servizo ten compromiso de permanencia?
Non, o servizo carece de compromiso de permanencia.
Porén, unha vez activado o autoconsumo colectivo, a normativa aplicábel non permite a baixa do autoconsumo colectivo nin tampouco modificar os coeficientes de repartición até pasados catro (4) anos desde a activación.
Caso de que te queiras dar de baixa, deberás avisar con tres (3) meses de antelación á data desexada enviando un correo a gurb@somenergia.coop. Tes que aboar a cota GURB até que a empresa distribuidora faga efectiva a baixa da tipoloxía de autoconsumo vencellada ao teu contrato.
Así mesmo, debes ter en conta que o custo de adhesión a GURB non se devolve.