Que é e cal é a finalidade do proxecto Generation kWh?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

O Generation kWh é un innovador modelo de achegas baseado no retorno enerxético en lugar do retorno financeiro. É unha vía da cooperativa para obter financiamento para a construción e posta en marcha de plantas de produción de enerxía eléctrica de fontes renovábeis.

Permite ofrecer á persoa ou entidade socia interesada a posibilidade de gozar de enerxía renovábel a prezo dos custos de xeración das plantas de Som Energia. É unha especie de autoprodución colectiva, moi axeitada se a instalación de placas fotovoltaicas é difícil ou pouco viábel, ou nos casos en que non se ten unha vivenda en propiedade. O Generation kWh tamén pode servir para complementar a enerxía que xere unha instalación de autoprodución xa existente.

Participar é facelo nun proxecto con valores e principios, en defensa do medio ambiente, contribuíndo a loitar contra o cambio climático e fomentando a transición enerxética.

Como funciona e que debo facer para participar?

  • Primeiramente, debes revisar canta enerxía utilizas habitualmente ao longo dun ano (este dato pode saberse consultando as facturas, baixo a gráfica de barras de uso mensual de luz).
  • Seguidamente, debes decidir a cantidade de diñeiro que queres achegar, a partir dun mínimo de 100 euros. Para decidilo, pode serche útil consultar o seguinte artigo:Generation kWh: hai unha cantidade mínima ou máxima para achegar? Tes que ter en conta que a cantidade de enerxía que recibas a prezo Generation kWh será en función da achega que fixeras.
  • Con todas as achegas, a cooperativa impulsa os proxectos de xeración eléctrica renovábel. Estas achegas teñen a consideración de préstamo a favor de Som Energia.
  • A partir do ano de facer a achega, e en función da cantidade de diñeiro achegada, recibirás unha parte da electricidade a prezo de custo durante 24 anos (ver asección de tarifas da web, Tarifa Generation kWh). Este prezo é o resultado dos custos de xeración das plantas da cooperativa financiadas por este proxecto. Explicámolo con máis detalle neste outro artigo:Como se calcula o prezo da tarifa Generation kWh?
  • Así, na sección de Facturación por electricidade utilizada das facturas da cooperativa poderás ver, por cada período, unha liña específica que corresponderá á parte de enerxía que obtés a prezo Generation kWh (GkWh). Por exemplo:

6ac9144bdbe69b9e74fccab01e1e456c.png

  • Como participante do Generation kWh, a cantidade de enerxía que che corresponde impútase ao contrato do que es titular, e se hai excedentes de enerxía (non chegas a utilizar toda a que che corresponde) podes pasala tamén a outros contratos da cooperativa, estean ou non ao teu nome [1]. Para pedilo e definir a prioridade de reparto, tes que escribirnos un correo a info@somenergia.coop. Para máis información podes ler o seguinte artigo:Generation kWh: que pasa se utilizo menos electricidadr da prevista? Poderei recuperar a achega?
  • Som Energia garante que o capital do préstamo se devolverá por completo en vintecinco anos. A primeira cota de retorno do préstamo farase efectiva dous anos despois da aceptación do contrato (tempo necesario para pór en marcha os proxectos de xeración). Para máis información podes consultar a seguinte ligazón:Generation kWh: está garantido o retorno do diñeiro pasados os 25 anos?
  • O préstamo non devindicará xuros a favor da persoa ou entidade socia. O aforro obtido nas facturas - en caso de que haxa - é considerado pola Axencia Tributaria como rendementos en especie, polo que se aplica unha retención do 19 % a conta do IRPF, que se verá reflectido na información fiscal, semellante á información que facilitan as entidades financeiras dos xuros xerados por unha conta bancaria.
  • O capital devolverase en 23 pagas, unha cada ano, a partir do final do segundo ano de participación descontando a cantidade correspondente á retención do 19 % calculado sobre o aforro conseguido no ano anterior, en caso de que haxa.

[1] Se unha persoa (A) decide pasar kWh de prezo Generation kWh que lle sobran a outra persoa (B), a persoa A, a que participa do Generation kWh, farase cargo da retención que se aplique a todo o aforro que supuxera, en caso de que o houbese, tamén o aforro que supuxeran os kWh que pasou á persoa B. Dalgún xeito é como se a persoa A «agasallase» á persoa B o feito de poder gozar dunha cantidade de enerxía a prezo Generation. A persoa A paga a retención (trátase de cantidades pequenas) e a persoa B paga aquela enerxía a prezo Generation kWh.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.