Autoprodución colectiva a través de rede de baixa tensión

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

A modalidade de autoprodución colectiva a través da rede de baixa tensión está regulada no Real Decreto 244/2019 e dáse cando varios puntos de uso de enerxía eléctrica (vivendas, locais, naves industriais, instalacións...) utilizan a enerxía dunha ou varias instalacións de xeración próximas mais que, en todos ou algúns casos, non están conectadas directamente á súa instalación eléctrica interior e que, polo tanto, é necesaria a rede de distribución de baixa tensión para que poida chegar a enerxía xerada.

A normativa establece que, para poder acollerse a esta modalidade, debe cumprirse cando menos un dos seguintes requisitos entre as instalacións de uso de enerxía e as de xeración:

  • Que haxa unha distancia de 500 metros ou menos. Esta distancia amplíase a 2.000 metros no caso de instalacións fotovoltaicas que estean sobre a cuberta, en zona industrial ou en estruturas artificiais onde a súa función principal non sexa a produción de enerxía (por exemplo, as marquesiñas de estacionamentos).
  • Que compartan transformador de baixa tensión.
  • Que teñan a mesma referencia catastral.

Igual que o resto de modalidades de autoprodución colectiva, todos os usuarios asociados á instalación de xeración deben estar acollidos á mesma modalidade de autoprodución.

 

O reparto da enerxía xerada

O reparto da enerxía xerada funciona exactamente igual que en calquera outra modalidade de autoprodución colectiva. A única diferenza é que os puntos de uso da enerxía asociados aos puntos de xeración terán que pagar unha peaxe de uso da rede eléctrica de baixa tensión, como explicamos máis adiante.

Para máis información sobre o reparto de enerxía en autoprodución colectiva, podedes consultar este artigo: O reparto de enerxía en autoprodución colectiva.

 

A peaxe de uso da rede eléctrica de baixa tensión

Segundo establece a normativa (artigo 17.5 RD 244/2019), en caso de que se establezan transferencias de enerxía a través da rede de distribución en instalacións próximas a efectos de autoprodución, adicionalmente, as persoas usuarias asociadas deberán pagar unha contía pola utilización da rede. Esta contía é determinada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que resolveu de xeito provisional (pendente de aprobar polo Ministerio) que será de 0 € para aqueles puntos de xeración e subministración que estean conectados en baixa tensión. 

 

A compensación simplificada en autoprodución colectiva a través de rede de baixa tensión

Segundo o Ministerio da Transición Ecolóxica e o Retorno Demográfico, é posíbel que un punto de uso de enerxía conectado á xeración a través de rede de distribución se poida acoller á modalidade de autoconsumo con compensación, mais só se as instalacións de xeración están conectadas en rede interior a cando menos un dos puntos de uso da enerxía asociados.

É dicir, se nunha configuración de autoprodución colectiva hai algúns puntos de consumo a través de rede, mais todas as instalacións de xeración están conectadas en rede interior a un punto de consumo, todos os puntos de consumo do sistema poderán beneficiarse da compensación simplificada.

 

Exemplo de configuración de autoprodución colectiva a través de rede con compensación simplificada

A continuación, presentamos un exemplo de configuración de autoprodución colectiva onde a instalación de xeración está conectada en rede interior en, cando menos, un dos puntos de uso da enerxía. Nesta configuración, todos os puntos de uso da enerxía (a escola e as vivendas) poderán beneficiarse da compensación simplificada, aínda que algúns deles precisan a rede de distribución para poder beneficiarse da enerxía xerada.

Exemplo de configuración de autoprodución colectiva a través de rede sen posibilidade de compensación simplificada

Por outra parte, a seguinte configuración non poderá acollerse á modalidade de compensación simplificada, xa que o punto de xeración non está conectado en rede interior a ningún punto de uso da enerxía. Neste caso, segundo indica a Lei do Sector Eléctrico, obrigatoriamente se terá que pasar á modalidade de autoconsumo colectivo con excedentes a través de rede con venda de excedentes ao mercado eléctrico.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar