Motivos para participar nun proxecto GURB

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Se son unha persoa ou entidade socia de Som Energia, pode interesarme participar nun proxecto GURB?

Efectivamente, se es unha persoa ou entidade cun contrato de subministración en vigor con Som Energía e non dispós dunha tipoloxía de autoconsumo activa, pode interesarche. Explicámolo neste artigo.

Beneficios e vantaxes de participar no proxecto GURB

Participar nun proxecto GURB (de xeración urbana) vai en liña cos obxectivos básicos da cooperativa: a promoción do uso das enerxías limpas desde a cidadanía, que impulse á vez a democratización do mercado da electricidade e constrúa unha alternativa ás grandes empresas tradicionais do sector.

Concretamente, o proxecto GURB serve para:

  • Contribuír ao despregamento e promoción do autoconsumo colectivo e ao aproveitamento de cubertas para a xeración eléctrica renovábel. É especialmente interesante para todas aquelas persoas que non poden acceder directamente ao autoconsumo individual porque non dispoñen de tellado propio ou porque este non é axeitado para a instalación de sistemas fotovoltaicos (sombras, mala orientación, pouca superficie dispoñíbel...).
  • Contribuír ao modelo de enerxía distribuída no territorio e facilitar a produción de proximidade, diminuíndo a necesidade como sociedade de ter grandes centrais produtoras, con frecuencia centralizadas en lugares afastados do consumo.
  • Reducir as perdas de enerxía eléctrica, consecuencia do punto anterior. Este aumento do autoconsumo, ademais, evita ter que sobredimensionar a rede de distribución eléctrica, a miúdo relacionada con proxectos de liñas de alta tensión de alto impacto ambiental.
  • Incrementar a túa autonomía a respecto do mercado eléctrico e tamén a da cooperativa.
  • Posibelmente, aforrar na factura. Como explicamos a seguir, e segundo cal sexa o escenario de prezos nun futuro. 

Que aforro podo ter na factura eléctrica se participo no proxecto GURB? 

Coa participación en GURB redúcese a necesidade de utilizar enerxía da rede, xa que unha parte do consumo queda cuberta pola xeración da instalación fotovoltaica de autoconsumo compartido, correspondente á túa potencia GURB contratada ou o teu grao de participación no proxecto. Deste xeito, cobres parte das túas necesidades enerxéticas a un prezo máis estábel e independente da evolución do mercado.

Así, o posíbel aforro que se obtén na factura depende do uso enerxético que fagas e, neste sentido, aconsellamos desprazar os consumos ás horas de sol e non ter unha potencia GURB meirande da recomendada (no formulario de inscrición de cada proxecto GURB suxírese unha potencia GURB para contratar en función do consumo actual que teñas). 

Se a tipoloxía de autoconsumo á que se acolle o contrato vinculado a GURB é con compensación simplificada de excedentes, na facturación mensual, ademais de aplicar a compensación dos excedentes, tamén se aplica o desconto correspondente aos excedentes non-compensados, é dicir, descóntanse os soles acumulados no teu Flux Solar.

ATENCIÓN!

Ter activa unha tipoloxía de autoconsumo conectada á rede implica o pagamento duns importes regulados de peaxes e cargos que, actualmente, teñen un custo de 0 €. Con todo, estes importes poden variar e non están incluídos na cota de servizo GURB.

Participar no proxecto GURB non é garantía de aforro, do mesmo xeito que non se poden garantir os anos de amortización dunha instalación de autoconsumo individual. O mercado eléctrico está supeditado a multitude de factores que poden condicionar este feito.

Ten presente que a participación no proxecto GURB non ten permanencia e que podes saír en calquera momento (avisando cunha antelación de 3 meses), tal como explicamos neste artigo.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.