Convénme instalar baterías ou sistemas de acumulación nunha instalación de autoprodución?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Para decidir se precisas pór baterías ou non nunha instalación autoprodutora, hai que ver que tipo de instalación tes. Antes – e a partir do uso eléctrico actual– terías que definir o obxectivo da túa instalación: que porcentaxe de autosuficiencia queres conseguir, que grao de independencia enerxética representa, que aforro queres obter, etc.

Lembra que se a túa instalación é un punto de subministración conectado á rede eléctrica, ter baterías non é imprescindíbel, é opcional, xa que no momento en que non haxa sol e non xeres a energía, poderás utilizar a que proveña da rede.

En cambio, se a túa instalación de autoprodución é un para un punto aislado de la red, as baterías son imprescindíbeis para garantir que teñas enerxía en todo momento, tamén cando a túa instalación non a xere.

Así, para o primeiro caso, o dunha instalación conectada á rede, debes ter en consideración que, até hai pouco, un sistema de autoprodución correctamente dimensionado xeraba pouca enerxía excedentaria, xa que o obxectivo era utilizar o máximo de enerxía no momento en que se producía. Actualmente, o cambio de normativa permite a compensación simplificada e económica de excedentes sen necesidade de darse de alta como actividade económica e, polo tanto, fai máis atractivo e sinxelo sobredimensionar en parte a instalación autoprodutora, xa que a enerxía que xere a instalación e que non aproveites se che compensará na factura de electricidade coa enerxía que utilizaras da rede.

O servizo de Flux Solar engádese á compensación simplificada de excedentes, porque se aplica a todos os contratos con autoprodución que teñen esta modalidade activa. Isto fai que mellore o aproveitamento da enerxía excedentaria sen necesidade de ter baterías na instalación.

Tamén existe a opción de incluír baterías desde o inicio e calcular o tamaño da instalación, tendo en conta que se disporá de baterías, para xerar suficiente enerxía a fin de acumulala e utilizala posteriormente.

Pros e contras das baterías

Hai que valoralo detidamente, porque existen pros e contras na instalación de baterías:

A favor das baterías: pódese pode gozar de enerxía de orixe renovábel autoproducida nos momentos nos que non hai xeración. Isto aumenta a independencia enerxética e favorece a descentralización do sistema eléctrico.

Tamén é preciso valorar que as baterías son un elemento moi interesante se se pensa na xestión da enerxía xerada, especialmente da excedentaria, alén de opcións como compartirla vía autoconsumo colectivo, xa que, por exemplo, diminúen as perdas de enerxía da rede.

Debido ao aumento da produción fotovoltaica nas horas centrais do día, con maior radiación solar, a previsión no mercado eléctrico é que o prezo de compensación dos excedentes tenda a ir á baixa. Cando isto se produza, terá máis sentido dispor dunha batería física.

Este último feito enlaza directamente co reto que supón o funcionamento intermitente das enerxías renovábeis: ás noites, as placas fotovoltaicas non producen enerxía; e o vento, para a enerxía eólica e a auga, para a enerxía hidroeléctrica non son elementos que se poidan xestionar coa mesma facilidade que, por exemplo, unha central de ciclo combinado que funcione con gas. A solución a este problema pasa, sen dúbida, por poder almacenar esta enerxía de orixe renovábel, para poder utilizala no momento en que a produción non estea dispoñíbel. Ou sexa, dispor de baterías permite ter electricidade xerada coas mesmas placas en momentos nos que estas non estean xerando.

En contra: está o aumento importante de prezo da instalación, xa que actualmente o prezo das baterías pode facer duplicar (ou máis) o prezo dunha instalación doméstica convencional.

Hai que estimar ben que posíbel vantaxe económica representa: tal e como dixemos, á compensación simplificada hai que engadir o desconto que se pode obter a través do servizo Flux Solar.

Esta valoración económica positiva debe pórse en relación co custo das baterías para tomar unha decisión. Para facer este cálculo, deberás ter en conta, entre outros factores, o teu perfil de uso eléctrico horario, así como o prezo da enerxía a medio prazo.

Tamén hai que prestar atención á problemática ambiental e social existente nos países de onde proveñen as materias primas necesarias para producir as baterías. Algunhas organizacións denunciaron e puxeron en dúbida as condicións laborais das persoas que traballan na extracción dos minerais precisos para a súa fabricación [1]. É importante, pois, que se optas por un sistema con baterías, teñas presente este punto, para facer un dimensionamento axeitado e un uso responsábel.

Por último, tamén deberás ter en conta que actualmente a vida útil das baterías está arredor dos 10-15 anos.

Hai que ter presente que a tecnoloxía das baterías está a evolucionar a gran velocidade e, nun futuro próximo, estes dispositivos, ademais de baixar considerabelmente de prezo e mellorar notabelmente as súas capacidades e prestacións, tamén estarán formados por materiais non tan escasos no planeta, menos nocivos desde o punto de vista social e ambiental e máis facilmente reciclábeis.

Tamén se está a imaxinar un futuro con baterías compartidas, por exemplo, para un mesmo bloque de pisos, barrio, etc.

A información que compartimos pode ser un bo punto de partida para pensar en como debe ser a instalación autoprodutora, e se debe contar ou non con baterías. En caso de dúbida de tipo técnico, como Som Energia non somos unha enxeñaría ou instaladora de proxectos solares, non podemos axudarte directamente a determinar os requisitos técnicos da túa instalación particular.

Se te inscribiches nunha das compras colectivas que leva adiante a cooperativa, deberás facer esta consulta directamente á empresa adxudicataria. Alternativamente, podes atopar empresas expertas do sector neste buscador.

Outros sistemas de acumulación

Outro xeito de aproveitar a enerxía excedentaria da túa instalación autoprodutora é aproveitando o almacenamento térmico.

O almacenamento térmico pode facerse cun acumulador de auga quente sanitaria. A propia vivenda tamén se pode entender como un grande acumulador, se dispón dun bo illamento e os materiais de construción son os axeitados para poder acumular frío ou calor, segundo o momento (e evitar ter que acender a calefacción ao cabo dunhas horas, por exemplo).

Neste punto, se se dispón dun sistema fotovoltaico, pode resultar moi interesante combinalo cun sistema de aerotermia, xa que estas dúas tecnoloxías funcionan moi ben de xeito conxunto.

Baterías dos vehículos eléctricos

As baterías que incorporan os vehículos eléctricos son un elemento que tamén hai que ter en consideración.

Actualmente, xa hai algún proxecto que traballa no aproveitamento das baterías de automóbil que foron descartadas, pola redución da súa capacidade, como baterías para instalacións autoprodutoras. Haberá que ver como se concreta esta posibilidade, no momento en que existan suficientes vehículos eléctricos vellos.

Outra idea que tamén teremos que ver como evoluciona é o sistema V2G (Do inglés, Vehicle-to-grid, vehículo á rede) ou V2H (Do inglés, Vehicle-to-home, vehículo á casa). Esta tecnoloxía permite que a batería do vehículo eléctrico –cando a carga desta é suficientemente importante– subministre enerxía á rede da vivenda. Así, a batería do vehículo eléctrico pode cargarse ou descargarse segundo interese en cada momento, e engadindo prestacións semellantes ás dunha batería estacionaria. Pode ser unha prestación interesante para aproveitar puntos de carga nos que a enerxía que se subministre sexa certificada 100 % renovábel.

****

[1] Le o artigo A batería, punto feble do vehículo eléctrico Opcions [Publicado o 12/09/2018]

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar