Autoprodución: podemos desconectarnos da rede?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Posibilidade de desconectarse
Efectivamente, existe a posibilidade técnica de desconectarse da rede.
Isto é habitual en puntos de subministración situados en zonas remotas ou illadas, onde a rede de distribución eléctrica non chega. De feito, por normativa, este tipo de instalacións chámanse instalacións illadas.
De xeito case obrigatorio, nestes casos nos que a instalación está desconectada da rede, requírense baterías para almacenar a enerxía eléctrica a fin de que estea dispoñíbel nos momentos nos que non se poida xerar enerxía. De xeito xeral, deberás ter en conta que un sistema desconectado da rede ten unha configuración diferente aos sistemas de autoprodución conectados á rede.
Así, non existe ningunha lei que prohiba «desconectarse» da rede, aínda que este tipo de instalacións, como calquera instalación eléctrica, deben cumprir cos regulamentos correspondentes en materia de seguridade industrial.
Interese na interconexión en rede
Aínda que a vontade de desconectarse da rede eléctrica é plenamente comprensíbel, queriamos sinalar que o propósito das instalacións de autoprodución non debería ser a desconexión da rede eléctrica, senón a autoprodución dunha parte do propio uso eléctrico de xeito directo e o traspaso dos excedentes sobrantes á rede para que outras persoas ou entidades próximas ao punto de autoprodución poidan utilizalos.
A rede eléctrica, aínda que na maioría dos casos se atopa en mans das grandes empresas do oligopolio, é unha infraestrutura útil e eficiente para compartir enerxía entre puntos de subministración. Un sistema eléctrico composto por moitos puntos que funcionan de xeito illado é un sistema completamente ineficiente, xa que a enerxía xerada non pode fluír dun punto a outro e obriga, polo tanto, a un sobredimensionamento da capacidade de xeración e almacenamento de cada un destes puntos para asegurar a subministración eléctrica en todo momento.
En consecuencia, en lugar de buscar illarse como acto reivindicativo, o interesante sería reivindicar de xeito colectivo o bo funcionamento das redes de distribución e que estas estean verdadeiramente ao servizo e en mans da cidadanía.