Que é o Flux Solar?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

O Flux Solar é unha ferramenta que ofrece Som Energia en todos os seus contratos con autoprodución, individual ou colectiva, que teñen a modalidade de compensación simplificada de excedentes.

Esta ferramenta permite obter, a iniciativa da comercializadora, un dereito de desconto nas facturas de electricidade grazas aos excedentes que non puideron ser compensados mediante o mecanismo de compensación simplificada de excedentes establecido no RD 244/2019.

Neste artigo explicaremos os seguintes aspectos desta ferramenta:

 

Os límites da compensación simplificada

A normativa vixente establece o mecanismo de compensación simplificada de excedentes.

Este mecanismo permite compensar, como máximo, o custo do termo de electricidade utilizada da factura, de xeito que sempre quedarán outros conceptos que se terán que pagar, como a potencia contratada ou o alugamento do contador. Nos meses de máxima produción solar, é posíbel que non consigas un retorno económico por toda a enerxía excedentaria producida pola túa instalación fotovoltaica. Se só se aplica a compensación simplificada, esta enerxía cédese á comercializadora, que, polo tanto, xa non a ten que comprar no mercado maiorista.

Se nas túas facturas tes excedentes non compensados, o seu valor aparece nunha liña co concepto: «Axuste límite de compensación por autoconsumo». Revisando as túas facturas, podes coñecer os excedentes non compensados que produces. 

Na factura móstrase o valor de todos os excedentes de autoprodución. Como diciamos, poden compensarse até chegar a cero no termo da enerxía, mais non pode saír un importe a devolver. Por iso, nos casos nos que o valor dos excedentes é superior ao que se pode compensar, engádese unha liña en positivo para axustalo («axuste límite compensación por autoconsumo»). Este valor será o que, co Flux Solar, se transformará en Sols.

 

Como funciona o Flux Solar?

O Flux Solar permite precisamente obter un desconto nas facturas posteriores polos excedentes de autoprodución non compensados. Cando un contrato con autoprodución ten unha factura con excedentes non compensados, estes convértense en Sols, de xeito que:

1 € de excedentes non compensados = 0,8 Sols

A conversión dos excedentes en Sols é do 80 % porque o 20 % restante se destinará á xestión do Flux Solar e a proxectos de transformación enerxética.

Os Sols xeraranse de xeito automático o día seguinte á emisión da factura con excedentes non compensados. Nese momento, poderás ver os Sols dispoñíbeis na túa Oficina Virtual. A partir da seguinte factura, poderase aplicar o desconto dos Sols dispoñíbeis, en todos os termos aplicábeis.

1 Sol = 1 € de desconto sobre a base impoñíbel da factura

A diferenza da compensación simplificada de excedentes, o desconto do Flux Solar afecta a outros termos da factura, ademais do de electricidade utilizada: tamén se aplica á potencia, ao bono social, ao alugamento do contador e ao imposto eléctrico. Isto provoca que se poida chegar a ter unha factura de 0 euros.

Non se aplica a outros conceptos non habituais, nin ao donativo voluntario, xa que, como é un donativo, non ten sentido ofrecer un desconto.

Os dereitos de desconto aplicaranse antes de impostos. Na seguinte imaxe podes ver como aparece, nunha factura, o desconto do Flux Solar:

Como o desconto polo Flux Solar non pode xerar unha factura negativa, se unha factura chega a cero e aínda hai Sols dispoñíbeis, poderás velos na túa Oficina Virtual e poderán usarse usar en facturas posteriores, até que os Sols caduquen. A caducidade dos Sols é de 5 anos naturais desde a data da factura onde consta a súa emisión. No suposto de que o contrato se dea de baixa de Som Energia ou haxa un cambio de titularidade, perderanse os Sols que puidera acumular.

Os Sols poderán usarse nas facturas do mesmo contrato que os xerou.  

Las condiciones del Flux Solar están reguladas en las Condiciones Generales de nuestro contrato de suministro.

Como podo saber cantos Sols teño?

Podes consultar os Sols dispoñíbeis na Oficina Virtual. Ten en conta que estes se actualizarán o día seguinte da emisión de cada factura.

Poderás atopalo en:  Contratos → Autoconsumo → Flux Solar. 

Facendo clic aquí poderás ver todos os puntos de subministración activos da túa titularidade e se estes teñen ou non Sols dispoñíbeis. 

Se fas clic en «xestionar», poderás ver os Sols dispoñíbeis de aquel único contrato.

Paga a pena sobredimensionar a instalación?

Aínda que se pode considerar alentador ter o máximo número de placas solares posíbel no tellado ou cuberta, en termos económicos pode non resultar tan atractivo e hai que telo presente no momento de dimensionar a instalación.

Nestoutro artigo do Centro de Axuda explicamos os mecanismos de aforro no autoconsumo.

 

De onde vén o nome de Flux Solar?

O nome de Flux Solar vén da idea de que a enerxía flúe (flux, en latín, é fluír. Se pronuncia como «relax»), que circula e se transforma. 

De entrada, a luz solar transfórmase en enerxía eléctrica a través das placas.

Despois, esta enerxía utilízase na vivenda ou local onde está a instalación de autoprodución. E o fluxo de enerxía segue. 

Unha parte transfórmase en compensación e, se queda máis enerxía da que se pode compensar, transfórmase en Sols, que máis tarde serán un desconto nas facturas posteriores. 🙂

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar