Como funcionan as compras colectivas de autoprodución de Som Energia?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Un dos obxectivos da cooperativa é a democratización da enerxía, a mans da cidadanía e sempre en base a un modelo renovábel. Un xeito de facelo é impulsando a autoprodución e promovendo a instalación de novas cubertas fotovoltaicas, achegando a produción da enerxía no lugar onde se utiliza.
Para facer efectiva esta vontade, decidimos impulsar un modelo de compras colectivas deste tipo de instalacións para facilitar a súa adquisición ao máximo de persoas usuarias posíbel.
En que consiste unha compra colectiva?
O obxectivo das compras colectivas é que as persoas socias de Som Energia poidan adquirir unha instalación fotovoltaica de autoprodución cunha empresa instaladora solvente e nas mellores condicións. Para conseguir este obxectivo, as compras colectivas buscan agrupar un volume considerábel de persoas socias da cooperativa da mesma zona xeográfica interesadas, e a cooperativa elixe, mediante un proceso transparente, a empresa con quen as socias contratarán a montaxe das instalacións.
A quen van dirixidas as compras colectivas?
O actual modelo de compras colectivas de Som Energia vai dirixido a persoas e pequenas empresas socias da cooperativa cunha vivenda ou local con cuberta propia, ou con permiso do resto da propiedade, e cun consumo medio ou medio-alto, ou sexa, a partir de 2.500 kWh anuais.
É importante que a cuberta sexa solleira (ben orientada e sen sombras) e libre de materiais potencialmente perigosos para a saúde, como o fibrocemento.
Tamén recomendamos que non haxa previsión de obras na cuberta a curto-medio prazo, xa que iso podería retrasar a execución da instalación no marco da compra conxunta.
Se vives nun bloque de pisos, podes impulsar a instalación de placas fotovoltaicas no teu edificio. Aínda que non poderás participar nas compras colectivas, podes consultar a Guía práctica de autoprodución colectiva en bloques de pisos que elaboramos. Está pensada para facilitar a comprensión deste tipo de autoprodución, e contén modelos de contratos e outros documentos, preparados para utilizar ou adaptar.
O modelo «chave en man»
Trátase dun proxecto «chave en man» —é dicir, todo incluído— onde a empresa instaladora será a responsábel do conxunto da obra: desde o preestudo até a completa finalización. Cando remata o servizo, a instalación estará a punto para entrar en funcionamento. Som Energia fai un acompañamento durante todo o proceso. A empresa adxudicataria, que presta o servizo ás persoas participantes da compra, encárgase de:
- Preestudo
- Visita técnica e asesoramento
- Instalación
- Paneis solares.
- Inversor.
- Estrutura.
- Cablaxe.
- Proteccións.
- Extras opcionais: baterías, optimizadores de sombras, medidores de enerxía, puntos de carga de vehículo eléctrico... (depende de cada campaña)
- Posta en marcha.
- Axuda na legalización.
- Tramitación de posíbeis axudas, subvencións ou bonificacións (depende de cada campaña).
Fases dunha compra colectiva
1. Xestación: a base societaria de cada territorio, organizada arredor dun ou varios grupos locais, adapta o modelo á súa realidade directa e organízase co apoio do equipo técnico para levar a cabo a compra colectiva, conformando o que chamamos grupo promotor.
2. Concurso: o grupo promotor organiza un concurso aberto para buscar unha enxeñaría ou instaladora profesional, que será a que prestará o servizo ás persoas que participen da compra. O grupo promotor analiza todas as candidaturas e escolle unha que xere a máxima confianza para sacar adiante o estudo, asesoramento, execución, legalización e posta en marcha das instalacións que participan da compra conxunta.
Se o consideran necesario, as empresas que se presentan ao concurso poden facelo con acordos de colaboración con outras empresas instaladoras para completar con garantías todas as instalacións comprometidas.
3. Inscricións: unha vez resolto o concurso e publicada a noticia no blog da cooperativa, ábrese o período en que as persoas socias da cooperativa poden anotarse á compra colectiva do seu territorio até chegar ao máximo de instalacións ofertadas.
Para inscribirse nas compras colectivas de Som Energia, hai que cubrir o correspondente formulario de inscrición, que se atopa na noticia do blog da cooperativa. Como reserva e para ter unha garantía de compromiso, hai que facer un pagamento de 100 euros para formalizar a inscrición. Estes 100 euros (IVE incluído) destinaranse a Som Energia en concepto de gastos de xestión.
Este importe só se devolverá en caso de que unha persoa inscrita sexa descartada por motivos técnicos (inadecuación da cuberta, sombras, má orientación…). En caso de baixa voluntaria (por motivos que non sexan técnicos), este importe non se devolverá; unha parte, 75 euros, destinarase á instaladora para cubrir os gastos de asesoramento e visita técnica, e 25 euros serán para cubrir os gastos de xestión de Som Energia.
4. Estudo a medida: a empresa fará un preinforme personalizado e unha posterior visita técnica para rematar de axustar o proxecto in situ e resolver todas as posíbeis dúbidas que vaian xurdindo.
5. Execución da obra: unha vez realizada a visita técnica, deberá asinar o contrato «chave en man» para poder seguir cos seguintes pasos. Hai que ter en conta que as obras dunha instalación deste tipo en xeral son sinxelas e duran entre dous e cinco días como máximo.
Os pagamentos realizaranse da seguinte maneira:
- O 50 % do prezo do contrato (con IVE): no momento de asinar o contrato «chave en man» entre a persoa socia e a empresa.
- O 40 % do prezo do contrato (con IVE): cando se faga a sinatura da acta de recepción provisional.
- O 10 % do prezo do contrato (con IVE): no momento da entrega por parte da empresa á persoa socia de toda a documentación necesaria para poder tramitar a legalización da instalación.
Á parte do prezo final de cada modelo, a persoa participante na compra asumirá os impostos e taxas derivadas do permiso de obras en caso de que sexa necesario.
Os detalles do funcionamento das compras colectivas de autoprodución podedes atopalos nas Condicións xerais das compras colectivas de Som Energia.
Na seguinte sección da web da cooperativa podedes ver a situación das diferentes compras colectivas.
A continuación, podedes ver dúas versións dun vídeo sobre as compras colectivas de Som Energia. A partir da experiencia de tres familias, coñecemos o que son as compras colectivas, con algúns detalles sobre a autoprodución en si, e algunhas vantaxes tanto da autoprodución como de participar das nosas compras colectivas:
Pincelada de que son as nosas compras colectivas e vantaxes de participar nelas. Coas mesmas tres familias, mais sen explicacións tan detalladas, destácanse sobre todo as vantaxes de pór placas a través das compras.
Enlaces de interese