Contratar a luz con Som Energia
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Som Energia é unha cooperativa e, polo tanto, quen queira formar parte dela debe asociarse. Para poder contratar a luz, daquela, primeiro é preciso facerse socio/a, e despois contratar a luz, son dous trámites diferentes.
Asociarse
Se che interesa facer un cambio de compañía eléctrica a Som Energia, primeiro tes que asociarte. Isto permíteche contratar a luz e tamén tes outros dereitos polo feito de ser socio ou socia da cooperativa.
O único trámite que debes facer para asociarte é cubrir o formulario da páxina web: Faite socio/a.
Para asociarte tes que facer unha achega ao capital social de 100 euros, que se che devolverán en caso de que calquera día queiras deixar de formar parte da cooperativa. Este pagamento realízase a través do mesmo formulario.
Cando te asociaras, tes dereito a ter todos os contratos de luz que queiras ao teu nome (como titular) e até 5 contratos a nome doutras persoas. Daquela, se queres que familiares ou amizades túas contraten a luz con Som Energia a través de ti, consulta esta ligazón: Convidar persoas non socias a contrataren a luz con Som Energia.
Para máis información sobre todo o que implica ser socia ou socio da cooperativa, consulta a seguinte ligazón: Ser socio/a de Som Energia.
Contratar a luz
Cando te asociaras, para engadir un contrato de luz ao teu nome só tes que cubrir o formulario de Contratar a luz. Para iso irache ben consultar unha factura recente do punto de subministración e os teus datos bancarios. Se non podes conseguir unha factura do punto de subministración, deberás ter a man o código CUPS. Neste artigo explicámosche o que é e como podes conseguilo.
Se coñeces algún socio ou socia de Som Energia e queres contratar a luz a través do seu número de socio/a, debes ir á mesma sección da web de contratar a luz e, alí onde che pide o número de socio/a e DNI, debes indicar os da persoa que te está acollendo.
Antes de cubrir o formulario, recomendámosche que comprobes se tes algunha permanencia coa túa comercializadora actual. Se ves un desconto na factura, seguramente tes unha permanencia asociada. Unha característica de todos os contratos de electricidade é a súa renovación anual automática, que é distinta da permanencia que aplican algunhas compañías. Daquela, se na túa factura pon «renovación anual automática», non fai referencia á permanencia, senón a esta renovación. Para máis información, podes consultar o seguinte artigo: Que significa que un contrato teña renovación anual automática? Teño permanencia?
Para cada tipo de contrato ofrecemos unha tarifa indexada e unha tarifa por períodos. Atoparás toda a información na nosa web e no Centro de Axuda. Ofrecemos servizo a todo o Estado español, a excepción de Ceuta e Melilla.
Se actualmente non hai luz no punto de subministración que queres pasar a Som Energia, consulta esta outra ligazón: Como solicitar un novo punto de subministración.
Tempo en facerse efectivo o cambio de compañía
O proceso até ter o contrato activado con Som Energia pode tardar entre unha e dúas semanas.
Tras cubrir o formulario, a nosa tramitación comeza coa notificación á compañía de distribución eléctrica. Cando a distribuidora nos comunica que os datos da solicitude son correctos e dá o seu visto e prace, considérase que o cambio de compañía está aceptado (avisarémoste por correo electrónico).
Cando a distribuidora nos confirme que o cambio se fixo efectivo e o contrato xa está activo con Som Energia, comunicarémoscho tamén por correo electrónico. A partir dese momento, o proceso de cambio de compañía finalizou.
Non é posíbel quedar sen luz polo proceso de cambio
En ningún caso quedarás sen subministración eléctrica na casa debido ao cambio de compañía e tampouco é preciso realizar ningunha modificación na túa instalación eléctrica.
Isto é así porque, neste proceso, non cambias de empresa de distribución eléctrica, que é a empresa propietaria da rede e responsábel de garantir que a electricidade chegue ao punto de subministración. Cando fas o cambio a Som Energia, fas un cambio de comercializadora, que é quen xestiona a compra e venda de electricidade que utilizas na casa. Polo tanto, a subministración está totalmente garantida.
Facer un cambio de potencia durante o proceso de cambio en Som Energia
Actualmente, non é posíbel cambiar a Som Energia e ao mesmo tempo cambiar a potencia. Nestes casos, tes dúas opcións:
● Modificar a potencia coa túa actual compañía e despois cambiar a Som Energia, ou ben
● Solicitar o cambio de comercializadora e cando teñas o contrato activado con Som Energia, tramitar a modificación da potencia contratada.
Se fas unha modificación contractual antes de cambiar a Som Energia, ten en conta que ás veces hai compañías que cambian as condicións de contrato e engaden permanencias.
Non hai ningún período de permanencia
En Som Energia non hai ningún tipo permanencia. No momento que queiras, podes cambiar de compañía comercializadora sen que haxa penalización algunha.
Do mesmo xeito, en Som Energia non temos ofertas especiais nin cláusulas adicionais.
Som Energia é unha cooperativa de consumo de electricidade 100 % renovábel sen ánimo de lucro e un dos nosos principios é ofrecer o prezo máis axustado posíbel a todas as persoas que teñen contratada a luz coa cooperativa.
A transparencia, o bo trato, uns prezos axustados e o traballo por un cambio de modelo enerxético son algúns dos valores de Som Energia e os motivos polos que tanta xente se suma ao proxecto e continúa nel sen ningunha cláusula de permanencia.