Ser socio ou socia de Som Energia

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Facerse socio/socia

Calquera persoa, empresa, asociación, cooperativa, fundación ou concello pode asociarse a Som Energia. Para iso hai que cubrir o formulario Faite socio/a. 

No caso das comunidades veciñais, a lei catalá de cooperativas non permite que se poidan asociar a Som Energia. Así, se unha comunidade quere ter contratada a luz coa cooperativa, pode facelo a través dunha persoa socia, dentro dos cinco contratos que cada persoa socia pode convidar. Tamén podes contratar a través dunha administración de fincas socia da cooperativa.

Para asociarvos, tedes que facer unha achega obrigatoria ao capital social de 100 euros (o pagamento faise a través do mesmo formulario). En caso de que algún día queirades darvos de baixa, e segundo os estatutos da cooperativa, devolveríansevos estes 100 euros

Ser socia de Som Energia outorga unha serie de dereitos e posibilidades no seo da organización: contratar a luz, participar activamente da cooperativa, participar das compras conxuntas e impulsar proxectos de xeración de enerxía. 

Todos os detalles do que supón e implica asociarse a Som Energia están recollidos nos Estatutos da cooperativa.

Contratar luz 100 % renovábel con Som Energia

Se vos asociades a Som Energia, poderedes ter todos os contratos de enerxía eléctrica certificada como 100 % renovábel que queirades ao voso nome (como titular) e até cinco contratos a nome doutras persoas (físicas ou xurídicas).

Para engadir un contrato de luz a voso nome, só tedes que cubrir o formulario de Contratar a luz. Para iso será moi útil para vós ter a man unha factura recente do punto de subministración e os vosos datos bancarios.

Se actualmente non hai luz no punto de subministración que queredes pasar a Som Energia, consultade esta outra ligazón: Como solicitar un novo punto de subministración. Actualmente ofrecemos servizo a todo o territorio do estado español, agás Ceuta e Melilla.

Podedes consultar os nosos prezos na sección de tarifas da páxina web.

Se queredes que algunha amizade ou familiar contrate a luz con Som Energia a través de vós, só deberedes facilitar o voso número de socio/a e DNI. Aquí tedes máis información: Convidar persoas non socias a contratar a luz con Som Energia.

Participar activamente da cooperativa

Todas as persoas socias teñen dereito a participar coa súa voz e voto na Asemblea Xeral, que se celebra unha vez por ano, no primeiro semestre. A convocatoria facémola chegar a todas as persoas socias a través de correo electrónico.

Ademais, a través da ferramenta Participa, a base societaria pode informarse, decidir e debater nos diferentes procesos que se estean a levar a cabo. O calendario democrático, aprobado pola Asemblea Xeral, establece en que momentos e de que xeitos se pode vehicular a participación. Tamén existe a opción de participar de xeito máis activo no proxecto da cooperativa. Se é o voso caso, podedes unirvos ao Grupo Local de Som Energia da vosa zona ou crear un novo.

Para máis información sobre os Grupos Locais de Som Energia e outros espazos de participación da cooperativa, consultade esta ligazón: Participa!

 Participar en proxectos de xeración renovábel

Un dos obxectivos principais da cooperativa é o cambio de modelo enerxético e o impulso das renovábeis para conseguir un modelo 100 % renovábel e participado. Por este motivo, Som Energia dá a posibilidade, aos seus socios e socias, de participar no impulso de proxectos de xeración renovábel.

A forma en que se puido facer, até comezos de 2021, foi a través do Generation kWh, un proxecto innovador no impulso das renovábeis. Poderedes atopar máis información na web generationkwh.org. O Generation kWh xa conseguiu todo o financiamento que precisaba. Por iso, estamos a traballar nunha nova proposta, na cal as persoas poidan seguir unindo esforzos para xerar enerxía renovábel.

 Participar nas compras conxuntas de instalacións de autoprodución

Seguindo o obxectivo de conseguir un modelo enerxético 100 % renovábel e participado, desde Som Energia estanse a impulsar compras colectivas de instalacións fotovoltaicas de autoprodución. Poden acceder ás campañas as persoas socias da zona de cada compra. 

O obxectivo destas compras colectivas é que as persoas socias de Som Energia poidan adquirir unha instalación fotovoltaica de autoprodución cunha empresa instaladora solvente e nas mellores condicións. Para conseguilo, as compras colectivas conseguen agrupar un volume considerábel de socias da cooperativa da mesma zona, e Som Energia, mediante un concurso, elixe a empresa con quen as socias contratarán a montaxe das súas instalacións.

Ademais, Som Energia ofrece un acompañamento en todas as fases do proceso, desde a selección da empresa responsábel, pasando polas inscricións, os estudos a medida, as instalacións e o seguimento e asesoramento para adaptar os usos enerxéticos unha vez a persoa socia estea a xerar xa a súa propia enerxía.

Para máis información sobre as compras colectivas de autoprodución, e para ver as diferentes compras que se están a levar a cabo, podedes visitar esta sección sobre a autoprodución. Se vos quedan dúbidas, podedes consultar a sección sobre compras colectivas do Centro de Axuda

 Facer achegas voluntarias ao capital social

En varias ocasións abriuse a posibilidade de facer achegas voluntarias ao capital social da cooperativa. Cando isto ocorre, a base societaria pode participar facendo achegas económicas. As condicións das achegas son as aprobadas pola Asemblea Xeral. O xuro anual da achega tamén o fixa a Asemblea Xeral anualmente. A Asemblea de 2019 mantívoo no 1,75 %. Na apertura de capital social de marzo de 2020, en só un día acádaronse os 4,75 millóns de euros fixados. O capital conseguido destínase a novos proxectos de xeración de enerxías renovábeis e a reforzar a actividade cooperativa. 

Para máis información das achegas voluntarias ao capital social, podedes consultar o artigo Achegar ao capital social da cooperativa do Centro de Axuda.

 Participar das formacións da Aula Popular

Outra das vantaxes de asociarse á cooperativa é poder acceder aos cursos da AulaPopular, un espazo onde compartir coñecemento, tecer redes e formarnos para construír conxuntamente a base dun novo modelo enerxético. A Aula Popular é un servizo para as persoas socias, aínda que algunhas formacións son accesíbeis para todo o mundo, coa vontade de facer máis transparente o sector e fortalecer o coñecemento de base da cidadanía.

 Riscos de ser socio/socia

Som Energia, como calquera outra empresa, podería chegar a entrar en suspensión de pagamentos. Nesta situación, a orde de retorno do diñeiro pendente sería: primeiro as débedas coa cadro de persoal laboral, a Seguridade Social e débedas con garantía, despois as débedas coa Administración Pública e outras débedas, despois os títulos participativos e o capital voluntario, e finalmente o capital social obrigatorio (os 100 euros iniciais). 

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar