Achegar ao capital social da cooperativa

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

O obxectivo final de Som Energia é cubrir a totalidade da demanda de enerxía eléctrica dos socios e socias con plantas de produción renovábel propiedade da cooperativa. Para conseguir o financiamento necesario para impulsar estes proxectos, e para facer fronte ao crecemento da cooperativa, puntualmente Som Energia ofrece aos socios e socias a posibilidade de achegar capital social voluntario cunha remuneración en forma de xuro, fixado e revisado anualmente pola Asemblea Xeral. 

Daquela, as achegas voluntarias ao capital social da cooperativa son un dos métodos propios de financiamento de Som Energia, e teñen unhas condicións que as regulan. Estas condicións incorporan as resolucións da Asemblea e os mesmos estatutos de Som Energia.

Tratamento fiscal da achega ao capital social voluntario

A efectos da declaración da renda (IRPF), os xuros aboados teñen a consideración de rendementos do capital mobiliario e, polo tanto, están suxeitos á retención vixente do IRPF. Som Energia fai chegar, tanto a Facenda como a quen participa, un certificado no que se detallan os xuros aboados e a retención practicada, para que cada persoa poida realizar correctamente a declaración da renda.

Como e cando se reciben os xuros?

O pagamento dos xuros das achegas ao capital social e dos títulos participativos realízase anualmente mediante transferencia bancaria, durante o mes de xullo.

Que importe se pode achegar?

No caso das achegas voluntarias ao capital social, o importe mínimo son 100 euros e o máximo 100.000 euros (sempre múltiplos de 100) sumando todas as achegas que a persoa fixese con anterioridade.

Que xuro se recibe?

Cada ano, a Asemblea Xeral de socios e socias fixa a porcentaxe de remuneración anual en función do rendemento dos proxectos e a contorna económica. O obxectivo é conseguir un retorno atractivo para quen achegase capital e, ao tempo, que sexa viábel para a cooperativa.

Desde 2023, o xuro está fixado no 2 % nominal anual. Entre 2021 e 2022, fora do 1 % e anteriormente de 1,75 %, entre 2017 e 2020.

Nun ano determinado, o xuro aprobado pola Asemblea Xeral —que adoita tar lugar na última fin de semana de maio— aplícase desde o 1 de xullo dese mesmo ano até o 30 de xuño do ano seguinte.

Como retirar a achega voluntaria?

Se algunha persoa ou entidade quere retirar a súa achega, pode solicitala en calquera momento cubrindo o seguinte formulario.

Unha vez solicitado, hai un prazo de seis semanas antes de que se lle faga efectivo o retorno do capital. Do mesmo xeito, os xuros devindicados (ou sexa, os xuros que se xeraron durante este tempo) e pendentes de aboar desde a última liquidación, e até a data de cancelación, abóanse durante a primeira semana de xullo.

Como non hai permanencia obrigatoria, o retorno das achegas voluntarias ao capital social non ten ningún tipo de penalización.

O Consello Reitor pode rexeitar a devolución dunha achega se, durante ese mesmo ano, xa se devolveu o 10 % do total do capital social. Este límite é bastante superior ás peticións de retorno de achega que adoita haber anualmente. A intención do Consello Reitor, tal e como se explicou na Asemblea Xeral de 2019, non é utilizar esta cláusula (a de non devolver se xa se devolveu un 10 %); introduciuse para poder contabilizar as achegas como fondos propios da cooperativa, é dicir, para que poida estar máis capitalizada.

Que riscos leva consigo?

Som Energia, como calquera outra empresa, podería chegar a entrar en suspensión de pagos. Nesta situación, a orde de pagamento dos cartos pendentes sería: primeiro as débedas coa Administración, as débedas cos traballadores/as, logo os créditos, logo os títulos participativos, o capital social voluntario e, finalmente, o capital social obrigatorio.

 

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.