As curvas horarias de uso de enerxía

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

As curvas de uso horario de enerxía ou, habitualmente, curvas de consumo horario (CCH) son ficheiros informáticos que conteñen os datos de uso de enerxía dun punto de subministración, durante un tempo determinado.

Poden serche útiles para realizar un seguimento de cando e en que período, segundo sexa a túa tarifa, utilizas a enerxía. Esta análise permíteche tomar medidas enfocadas ao aforro económico e enerxético, tales como desprazar usos enerxéticos aos momentos nos que a enerxía sexa máis económica ou detectar posíbeis anomalías na túa instalación.

As CCH son tamén útiles para estudar se che convén implantar un sistema de autoprodución, que porcentaxe de autoprodución directa e excedentes terás, o aforro derivado…

Hai que remarcar que aínda que o uso de enerxía e a potencia contratada teñen unha relación moi estreita, as curvas de uso horario de enerxía non son determinantes para axudarte a definir a potencia contratada. Se tes dúbidas ao respecto, podes consultar o seguinte artigo: Como podo saber a potencia que preciso?

Podes ver e descargar as curvas horarias de uso eléctrico horario dos teus contratos na sección Infoenergia da túa Oficina Virtual.

Se tes máis dun contrato, asegúrate de escoller o contrato que queres consultar.

Nesta sección podes consultar as curvas horarias de uso eléctrico en varios formatos temporais: diario, semanal, mensual ou anual. Tamén poderás descargar os datos do período que esteas a visualizar nun arquivo en formato CSV.

Tal e como podes ver na imaxe, o arquivo que se descarga consta de 5 campos: CUPS, data, hora, consumo en kWh e método de obtención, que detalla se o valor mostrado é real ou estimado. Para poder abrir o arquivo CSV correctamente, debes ter en conta que os campos están delimitados por punto e coma.

Tamén é importante sinalar —para interpretar os datos de xeito preciso— que os datos de uso de enerxía son da hora pasada. Isto significa, por exemplo, que o rexistro con hora 3 que aparece na imaxe corresponde realmente ao consumo realizado entre as 2 e as 3.

Dispoñibilidade das curvas

Os rexistros horarios de uso de enerxía están dispoñíbeis para todos os contratos con potencia contratada inferior a 15 kW, con contador dixital e telexestión activada, e polos contratos con tarifa 3.0 TD que teñan máis de 50 kW de potencia contratada.

Se o contrato ten unha potencia contratada entre 15,1 kW e 50 kW (incluído), o máis habitual é que as curvas non estean dispoñíbeis, xa que non é obrigado que os contadores que se utilizan nestes puntos de subministración teñan incorporada a telexestión nin tampouco o rexistro horario de enerxía.

O RD 244/2019 sobre autoprodución eléctrica prevé que todos os contadores deban ter curvas dispoñíbeis, xa que tamén deben poder ter compensación simplificada en caso de dispor dunha instalación autoprodutora. Agardamos poder mostrar proximamente as curvas horarias de calquera tipo de contrato.

Co fin de quitar o máximo proveito a estes rexistros, desde a cooperativa ofrecemos de xeito gratuíto o servizo Infoenergia. Con este servizo, o que facemos é procesar estes datos - cando efectivamente dispomos deles- para posteriormente identificar accións personalizadas para poder optimizar o contrato e suxerir propostas de mellora en eficiencia enerxética.

ATENCIÓN!

Se dispós dunha instalación fotovoltaica, a visualización das curvas non é exacta, xa que, polo momento, non inclúe a enerxía inxectada á rede (a que se ten en conta no momento de aplicar o balance horario). Estamos a traballar para poder ofrecelo o máis axiña posíbel.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar