A tarifa 2.0TD indexada

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

¡ATENCIÓN!

O Goberno español aprobou a rebaixa do IVE da factura eléctrica do 21 até o 5 %. A medida, vixente até o 31 de decembro de 2023, afecta aos contratos de até 10 kW de potencia, e aplícase sempre que o prezo da enerxía ao mercado non baixe considerabelmente. Podedes ver os detalles da medida nesta noticia.

As tarifas 2.0TD períodos e 2.0TD indexada son as tarifas de todos os contratos que teñen unha potencia contratada de até 15 kW (incluído) e baixa tensión. Isto abrangue a gran maioría de puntos de subministración domésticos, pequenas empresas, despachos, oficinas, etc.

Para estes casos, hai dúas tarifas dispoñíbeis para cada zona (Península, Baleares, Canarias):

  • Tarifa 2.0TD períodos
  • Tarifa 2.0TD indexada

Neste artigo explicamos as características da tarifa 2.0TD indexada (podes ver as características da tarifa 2.0TD períodos nestoutro artigo, e tamén temos dispoñíbel unhacomparación entre as dúas tarifas).

A tarifa indexada

A tarifa 2.0TD indexada baséase en trasladar directamente ás persoas e empresas consumidoras o custo da enerxía no mercado maiorista diario. Daquela, as variacións de prezo que hai repercútense no momento ás usuarias. Se a enerxía no mercado maiorista baixa, os prezos da tarifa baixan, e se a enerxía ao mercado maiorista sobe, os prezos da tarifa soben.

A continuación falarémosche de:

 

Composición do prezo

O prezo da enerxía na tarifa indexada inclúe os mesmos conceptos que a tarifa por períodos:

  • O custo da enerxía.
  • Os cargos e peaxes que establece a normativa.
  • Outros conceptos que se teñen que pagar para poder consumir enerxía.
  • Custo de adquisición dos certificados de garantía de orixe 100 % renovábel
  • Custo das desviacións.
  • Marxe para a cooperativa. Non se trata dunha marxe para obter beneficio económico, senón da marxe que precisamos para levar a cabo a nosa actividade (salarios de persoas traballadoras, alugamento de oficinas, material...).

No artigo Como establecemos os prezos en Som Energia atoparás máis detalles neste sentido.

Á parte do prezo da enerxía, tamén está o prezo da potencia, que é o mesmo que na tarifa por períodos, e algunhas cousas máis, tamén comúns con esta outra tarifa:

  • Alugamento do contador.
  • Bono social.
  • Impostos (IVE ou IXIC, e imposto eléctrico).
  • Poden aparecer outros conceptos: dereitos de acceso, extensión e enganche, donativo voluntario á cooperativa.

Podes atopar máis información neste artigo: factura da tarifa 2.0TD indexada.

 

Un prezo de enerxía para cada hora

Outra das características desta tarifa é que ten un prezo diferente en cada hora, e mudan cada día. Como se traslada o prezo do mercado diario, os prezos non se saben con antelación. Unicamente pode saberse, cun día de antelación, se os prezos tenderán a ser elevados ou económicos, e que horas do día serán as máis caras e as máis baratas.

O prezo da enerxía para cada hora calcúlase a partir dunha fórmula onde se introduce o custo da enerxía de aquela hora máis o resto de custos asociados á adquisición da enerxía. Ou sexa, o prezo de cada hora contén o prezo que marca o mercado maiorista máis o resto de custos asociados á compra de enerxía. Podes ver a fórmula nestoutro artigo do Centro de Axuda.

 

Dous prezos de potencia para dous períodos

Esta tarifa tamén conta con 2 períodos de potencia, ou sexa, que se poden contratar dúas potencias diferentes segundo período:

  • Período punta: de 8 h a 24 h (en días laborábeis).
  • Período val: de 00 a 8 h da mañá, e todas as horas das fins de semana e festivos estatais.

Nestoutro artigo do Centro de Axuda explicamos como se factura o termo de potencia.

 

Consellos de aforro para a tarifa 2.0TD indexada

En función de se a enerxía se utiliza nunhas horas ou outras, a factura variará. Neste sentido, pode ser útil consultar as horas máis baratas e as máis caras do día seguinte e tentar adaptarse aos horarios e días máis económicos. O operador do mercado eléctrico, OMIE, mostra na súa web o prezo da enerxía do día seguinte no mercado maiorista.

Tamén hai variación por días, polo tanto, tamén é interesante mirar, á parte das horas, se cada día é en xeral máis barato ou máis caro, e tentar consumir a enerxía principalmente nos días en que a enerxía é, en xeral, máis económica.

En calquera caso, hai que ter en conta que a marxe de aforro a partir de mover os usos non é moi elevada. Algúns elementos, como por exemplo a neveira, consomen bastante e, evidentemente, non se pode adaptar o seu uso.

As facturas irán arriba e abaixo en función da variación xeral do prezo da enerxía no mercado diario.

 

Esta tarifa ten permanencia?

Esta tarifa non ten permanencia. Se nalgún momento queres cambiar, poderás pasarte á tarifa 2.0TD períodos (sempre que estea dispoñíbel) ou ben poderás cambiar de comercializadora, sen que se che aplique ningunha penalización.

Como a tarifa 2.0TD períodos é unha tarifa pola cal acordamos a compra da enerxía con bastante antelación, se moitas persoas a quixesen ao mesmo tempo, non teriamos suficiente enerxía acordada para comprar (e o feito de comprar máis podería supor que os prezos establecidos xa non cubrirían todo o custo da enerxía). Por iso dicimos que poderás cambiar á tarifa 2.0TD períodos sempre que estea dispoñíbel.

 

Pode saberse con antelación canto vai custar?

Ao ser unha tarifa que depende en boa parte do prezo da enerxía no mercado diario maiorista (que se sabe cun día de antelación), e tamén das horas en que cada quen utilice a enerxía, non se poden facer estimacións fiábeis do que vai custar para cada contrato. Tampouco ten sentido comparala coas tarifas actuais por períodos. Calquera comparación só será útil para saber se unha factura tería sido máis barata ou máis cara, mais os resultados non se poden aplicar ao futuro.

 

Prezo de compensación dos excedentes en autoprodución

Para establecer o valor da compensación de excedentes de autoprodución (para os contratos con compensación simplificada activada) seguimos aplicando o mesmo criterio que até agora: a enerxía compénsase ao mesmo valor que custa á cooperativa proverse de enerxía no mercado maiorista. Isto, aplicado á tarifa 2.0TD indexada, quere dicir que os excedentes xerados nunha hora concreta se compensarán ao prezo da enerxía no mercado maiorista diario naquela hora.

O prezo de compensación non é o mesmo que o prezo de venda da enerxía, xa que, como explicamos, o prezo de venda da enerxía inclúe tamén outros conceptos: peaxes, cargos, sobrecustos do sistema… que non se aplican á compensación de excedentes. Podes atopar máis detalles nestoutro artigo.

 

Como cambiar á tarifa 2.0TD indexada

Se queres cambiar á tarifa 2.0TD indexada, podes facelo a través da Oficina Virtual. Cando esteas dentro, terás que ir á sección «Contratos», facer clic en «Modificar a tarifa», e seguir as indicacións que irás atopando. Por se che quedan dúbidas, nestoutro artigo explicámosche como pedir o cambio.

 

A factura da tarifa 2.0TD indexada

Se queres entender mellor a factura da tarifa 2.0TD indexada, explicámoscho tamén no Centro de Axuda.

 

Podo ter a tarifa 2.0TD indexada se teño autoprodución?

Si, non hai ningún problema. Podes ter a tarifa 2.0TD indexada aínda que teñas autoprodución (individual ou colectiva). En calquera caso, tes que ter en conta os seguintes puntos:

  • Se a túa instalación está un pouco sobredimensionada polo teu consumo e tes moitos excedentes, daquela seguramente non che vai saír a conta ter a tarifa indexada. Isto é así porque os excedentes imos compensarchos ao prezo de compensación de cada hora, e nas horas de máis sol o mercado maiorista diario normalmente é máis barato, polo tanto, o prezo de compensación tamén o será. Pola súa vez, non poderás beneficiarte das horas baratas da tarifa indexada (porque estarás utilizando a enerxía que estás xerando).
  • Se non tes moitos excedentes, ter a tarifa 2.0TD indexada pode ser que che saia máis económico que ter a tarifa 2.0TD períodos, e pode ser que non. Dependerá das flutuacións do mercado.

 

Como sacar proveito de autoprodución con indexada

Se tes autoprodución e a tarifa 2.0TD indexada, no momento de programar cando fas uso da enerxía, o primeiro en que terás que reparar é na produción que xere a túa instalación. Se tes placas fotovoltaicas, é mellor consumir enerxía en momentos nos que faga sol (xa que vas aproveitar a enerxía que esteas xerando, que non ten ningún custo para ti). Cando xa non faga sol, daquela si podes, se queres, ter en conta as horas máis baratas e as máis caras da tarifa indexada.

 

Podo ter indexada se participo no Generation kWh?

Si, podes ter unha tarifa indexada aínda que participes no Generation kWh. Se este é o teu caso, funcionará igual que coa outra tarifa: primeiro facturaráseche a enerxía a prezo GkWh (a enerxía que che corresponda, en función das túas accións enerxéticas e a produción das plantas). Despois, a enerxía restante facturaráseche ao prezo da tarifa indexada.

 

Que horarios hai que ter en conta se teño indexada e Generation kWh?

Se habitualmente toda a enerxía que consomes está cuberta pola enerxía que che corresponde polo Generation kWh (ou sexa, págala a prezo Generation kWh), sairache a conta reparar no prezo GkWh, que se reparte en tres períodos horarios (punta, chan e val).

Se, en cambio, o Generation kWh non che cobre a totalidade da factura, o máis práctico será que, se podes mover usos horarios, os movas en función do prezo da tarifa indexada.

De feito, non é fácil saber que é o mellor, xa que a produción das plantas do proxecto Generation kWh non se coñece con antelación, e tampouco se saben os prezos da indexada, pola propia natureza desta tarifa. Por desgraza, non hai xeito de optimizalo máis.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar