A tarifa indexada

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]
ATENCIÓN: Polo momento, esta tarifa só a ofrecemos a contratos 3.0TD e alta tensión cun uso elevado de enerxía. Se queres esta tarifa, podes enviarnos un correo a comercializacion@somenergia.coop, indicando o código CUPS do punto de subministración e revisaremos o consumo.

De maneira xeral, unha tarifa indexada de electricidade ofrece enerxía a prezo de mercado, cunha marxe fixa para a comercializadora.

A diferenza dunha tarifa fixa, que ten un prezo pactado con anterioridade segundo un determinado horario, nunha tarifa indexada o prezo da enerxía é variábel a cada hora, en función do custo de adquisición da enerxía no mercado grosista da electricidade. Hai, daquela, 24 prezos ao día, e mudan dun día a outro.

No caso de España existen varios mercados grosistas de luz, mais o que se toma como referencia para calcular o prazo da luz nas tarifas indexadas é o mercado diario. Este mercado está xestionado pola empresa privada-regulada OMIE, que é o operador designado do mercado, agás nas Baleares e nas Canarias, onde o prezo está definido por Rede Eléctrica de España (REE).

Na ligazón anterior podes coñecer o prezo que se aplicará cada día para cada unha das próximas 24 horas. Os valores actualízanse entre as 12 e as 13 horas. Como resultado desta característica, se tes unha tarifa indexada, predicir o custo final dunha factura será máis incerto que se dispós dunha tarifa fixa.

Por outra banda, a tarifa indexada ofrece máis posibilidades de aforro se o teu consumo eléctrico é máis flexíbel, ou sexa, se tes máis capacidade para mover consumos enerxéticos nos horarios máis económicos.

En tarifa fixa, unha vez exploradas as formas de reducir a enerxía, optimizar a potencia contratada e o autoconsumo, as posibilidades de aforro redúcense a mover os consumos de enerxía entre períodos de tempo (P1, P2, P3…), segundo a tarifa que contrataras.

Outra característica da taxa indexada é que reflicte os cambios no mercado (á alza, mais tamén á baixa) de xeito inmediato. Ou sexa, se sobe o prezo da enerxía, sobe o prezo desa tarifa; e se baixa o prezo da enerxía, baixa o prezo desa tarifa.

Coa tarifa fixa, estas variacións de prezo reflíctense máis devagar: cando se realiza un cambio de tarifa. En Som Energia as tarifas pódense cambiar cada 6 meses, aínda que nalgúns casos se fixeron 2 o 3 en medio ano. Cando haxa unha destas actualizacións de tarifas de prezo fixo, debemos avisarvos con, cando menos, 30 días de antelación.

Na seguinte ligazón podes atopar máis información sobre o funcionamento do sistema eléctrico e do papel de Som Energia.

Como se calcula o importe para pagar?

O importe para pagar pola enerxía utilizada é o produto da enerxía utilizada cada hora multiplicada polo prezo horario correspondente a esa hora.

A enerxía utilizada cada hora obtense a partir do equipo de medida. A distribuidora facilita á comercializadora un arquivo co rexistro do consumo horario, son as chamadas curvas de carga horarias (CCH).

O prezo horario calcúlase a partir da fórmula indexada na que se introducen as variábeis do mercado e o resto de custos asociados á adquisición da enerxía. Ou sexa, o prezo de cada hora contén o prezo que marca o mercado grosista co resto de custos asociados á compra de enerxía.

O custo da enerxía dunha factura mensual de 31 días é a suma do produto da enerxía empregada cada hora polo prezo horario en cada unha das 744 horas do período facturado (31 días x 24 horas/día = 744 horas/ mes).

Ao custo da enerxía haberá que engadir o resto de custos habituais da factura: potencia, excesos de potencia e enerxía reactiva (no seu caso), imposto eléctrico, alugamento do contador, IVE, etc.

Como se calcula o prezo horario? A fórmula indexada

O prezo horario da enerxía final que resulta na factura obtense aplicando unha fórmula que incorpora todos os custos que pagamos como comercializadora pola adquisición da enerxía. É unha fórmula que calcula o prezo de custo da electricidade comercializada, á que engadimos unha franxa para a cooperativa que serve para cubrir o resto de gastos propios da actividade comercializadora.

Aínda que cada comercializadora que ofrece tarifa indexada acaba aplicando unha fórmula propia, esta adoita ser bastante semellante, xa que inclúe os diferentes elementos que conforman o prezo final da enerxía.

Igualmente, se estás comparando dúas ou máis ofertas con tarifa indexada, non abonda con comparar a franxa de comercialización: tamén haberá que botar unha ollada a como se configura a fórmula, para que estas sexan equivalentes.

No caso de Som Energia, a fórmula que utilizamos traslada de xeito directo estes custos ao prezo final, e é a seguinte:

PH = 1,015 * [(PHM + PHMA + Pc + Sc + I + POsOm) (1 + Perd) + FE + F] + PTD + CA 

Onde:

  • PH = prezo horario da enerxía.
  • PHM = prezo horario do mercado diario. Para os contratos da Península é o prezo OMIE; para os sistemas insulares, é o prezo horario da demanda correspondente ao sistema balear e ao sistema canario.
  • PHMA = prezo horario do mecanismo de axuste aos custos de produción de electricidade mediante o gas. Este concepto é nulo para os sistemas balear e canario.
  • Pc = pagamentos por capacidade.
  • Sc = sobrecustos pola xestión da rede.
  • I = custo do servizo de interrompibilidade.
  • POsOm = custo do operador do sistema e do operador o mercado.
  • Perde = perdas reguladas do sistema desde o punto de xeración ao punto de consumo.
  • FE = achega ao Fondo de Eficiencia Enerxética.
  • F = franxa da cooperativa: marxe de comercialización máis custos de adquisición dos certificados de garantía de orixe 100 % renovábel máis custos dos desvíos.
  • PTD = peaxes de transporte e distribución.
  • CA = cargos do sistema.

Todas as variábeis son públicas e atópanse dispoñíbeis para a súa consulta na web do organismo correspondente. No seguinte documento, que podes descargar, explicamos con máis detalle cada unha das variábeis da fórmula indexada.

A única variábel que depende de Som Energia é a franxa da cooperativa (F) por cada kWh de enerxía comercializada.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar