Modificar a potencia contratada

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Podes modificar a potencia dun contrato de luz mediante a Oficina Virtual. Ao final deste artigo, atoparás detallados os pasos para solicitar unha modificación de potencia na Oficina Virtual.

Cando enviaras a solicitude, o cambio farase efectivo nun prazo de entre unha e tres semanas, momento en que che mandaremos un correo electrónico onde te informaremos de que a modificación se efectuou correctamente.

O custo dunha modificación de potencia depende da tensión que teña o punto de subministración en cuestión. O habitual no ámbito doméstico, pequenas empresas, despachos, oficinas, etc, é a baixa tensión. En caso de que o punto de subministración estea en alta tensión (usual en polígonos industriais e zonas illadas) podes consultar o seguinte artigo: Custos que aplican as distribuidoras.

Para entender as diferentes modificacións de potencia posíbeis, é útil falar do concepto de potencia normativa, que sería a maior potencia nos diferentes períodos do teu contrato. Por exemplo, se dispós dunha tarifa 2.0TD e tes contratados 5 kW no período punta e 6 kW no período val, a potencia normativa no teu caso será de 6 kW.

Puntos de subministración en baixa tensión

Reducir ou modificar a potencia

Se o punto de subministración é en baixa tensión, baixar a potencia ten un custo regulado por lei de 10,94 € (IVE incluído), que cobrará a compañía distribuidora a través da nosa factura.   

A distribuidora cobrará o mesmo importe se modificas a potencia dalgún dos períodos sen modificar a potencia normativa (é dicir, a potencia máxima que tes contratada).

Aumentar a potencia

Teñen a consideración de aumentos de potencia aquelas modificacións que representan  un aumento da potencia normativa contratada (a potencia máxima contratada).

Para puntos de subministración en baixa tensión, o aumento de potencia tamén ten un custo regulado por lei de 10,94 €, mais neste caso, ademais, tamén se terán que pagar 44,86 € por cada kW de aumento. Estes importes cobraraos a compañía distribuidora a través da nosa factura. Excepcionalmente, algunhas distribuidoras tamén cobran a parte proporcional do depósito de garantía (depósito que se paga no momento de dar de alta un punto de subministración).

Segundo o regulamento do mercado eléctrico, no caso de reducir a potencia contratada, durante os seguintes tres anos poderase volver aumentar até o valor anteriormente contratado, pagando 23,84 € por kW de aumento en lugar dos 44, 86 euros mencionados anteriormente.

Requirimentos e condicións para ter en conta

Hai que ter presente que, por lei (RD1955/2000), as distribuidoras de electricidade só teñen a obriga de aceptar unha solicitude de modificación de potencia cada 12 meses. Polo tanto, se se pide unha modificación de potencia cando aínda non pasara un ano desde a última petición, moi probabelmente será rexeitada.

Na práctica, a maioría de distribuidoras só aplican o RD cando se quere reducir a potencia contratada, e se se fixo unha modificación de potencia nos últimos 12 meses, tanto de subida como de baixada, rexeitan a redución. Algunhas distribuidoras pequenas son moito máis esixentes coa normativa e limitan máis as modificacións e aplican o RD en todos os casos.

A compañía distribuidora pode esixir un novo boletín de recoñecemento de instalación de baixa tensión se este xa está caducado (aos 20 anos) ou se o boletín vixente marca unha potencia inferior á nova solicitada. Se fose así, farémoscho saber por correo electrónico.

En caso de tramitar un aumento de potencia, se na túa instalación hai un ICP (interruptor de control da potencia), probabelmente será necesaria a súa substitución ou retirada para dispor do total da nova potencia contratada.

Se non tes claro cal é a potencia que precisas, recomendámosche o artigo seguinte: Como podo saber a potencia que preciso?

Pasos para solicitar un cambio de potencia

Podes modificar a potencia de calquera dos teus contratos de luz desde a Oficina Virtual iniciando sesión co teu usuario e contrasinal. Unha vez dentro, atoparás a opción na sección de «Contratos»:

Despois, podes seleccionar a modificación da potencia.

Así como especificar a potencia para contratar.

Se aínda non tes activada a túa Oficina Virtual, podes facelo de xeito moi fácil e rápido seguindo os pasos que se indican na seguinte ligazón: Acceder á Oficina Virtual por primeira vez.

Still need help? Contactar Contactar