Como aforrar na factura da luz?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Elementos de eficiencia enerxética no fogar
Para conseguir un aforro na factura da luz existen varios aspectos nos que podes tentar incidir:
- Reducir o uso de enerxía.
- Utilizar a enerxía cando sexa máis económica.
- Revisar as condicións de contratación.
- Producir parte da enerxía que precisas.
Reducir o uso de enerxía.
Utilizar menos enerxía, ser máis eficientes enerxeticamente. Algunhas das medidas de eficiencia enerxética poden ser:
Auga quente
- En caso de ter quentador eléctrico, é moi importante utilizar un temporizador (poden atoparse nas ferraxerías a prezos económicos). Se non se utiliza temporizador, o termo funciona todo o tempo e gasta moita máis enerxía. Se se prevén os momentos nos que se precisará a auga quente, poden reducirse considerabelmente as horas nas que o termo está quentando a auga (e, polo tanto, gastando enerxía).
- Instalar redutores do caudal nas duchas e billas do baño e a cociña. A auga sairá á mesma presión e co mesmo diámetro, mais gastarase menos (porque haberá máis aire no medio).
- Facer un uso racional da ducha. Rebaixando o tempo da ducha en 5 minutos pódense aforrar uns 95 litros de auga quente.
- Deixar a posición da chave da billa na posición de auga fría.
Calefacción / climatización
- Instalar un termóstato programable.
- Programar a temperatura de día a 20-21° e a de noite a 16-18°.
- Baixar as persianas e cortinas para conservar a calor durante a noite.
- Pechar os radiadores e portas dos cuartos que non estean habitados.
- Ventilar os cuartos durante 10 minutos máximo para evitar que escape moita calor.
- Evitar os posíbeis escapes de aire da vivenda: xanelas mal pechadas, espazo grande debaixo da porta principal, gretas… Poden eliminarse eliminar colocando burletes ou masilla.
- Cando non se estea na vivenda, baixar a calefacción a mínimos e apagala en ausencias longas (de máis dun día).
- En radiadores eléctricos, instalar un temporizador para limitar as horas de funcionamento.
- Purgar os radiadores unha vez por ano.
- Segundo o RITE (Regulamento de instalacións térmicas nos edificios) as condicións de confort dentro dunha vivenda, no verán, son dunha temperatura de entre 23 e 25 °C, e unha humidade relativa de entre o 45 e o 60 %; e no inverno a temperatura debe estar entre 21 e 23 °C, cunha humidade relativa do 40-50 %. Daquela, en certas circunstancias (situación xeográfica, clima ou condicións da vivenda), pode resultar interesante instalar deshumidificadores, que regulan a humidade ambiental e melloran o confort térmico, sen tanto gasto en calefacción ou refrixeración.
Na cociña
- Axustar as potas á fonte de calor. Nin as chamas nin o diámetro da vitrocerámica deberían superar o diámetro da pota.
- Cociñar coas potas tapadas (reduce o tempo de cocción).
- Cociñar con ola a presión (é moi eficiente enerxeticamente).
- Apagar os fogóns e o forno uns minutos antes de que a comida estea cocida, para aproveitar a calor residual para rematar a cocción.
- Cando se poña en marcha o forno, tentar cociñar tantos alimentos ao tempo como se poida, utilizando o máximo da súa capacidade.
- No inverno, cando se rematou de utilizar o forno, deixar a porta aberta para aproveitar a calor. No verán, deixala pechada para que a calor non quente máis a vivenda.
- Programar o frigorífico a 5 °C, e o conxelador a –18 °C.
- Non pór alimentos quentes na neveira ou conxelador, senón agardar a que estean a temperatura ambiente.
- Abrir a porta da neveira só o tempo que sexa preciso. Os iogures ou outros alimentos empaquetados poden desempaquetarse antes de gardalos no frigorífico, así despois, ao collelos, non se precisa ter a porta aberta tanto tempo.
- Revisar que as portas da neveira e o conxelador pechan correctamente para evitar que marche o frío.
- Eliminar os bloques de xeo do conxelador cando menos unha vez cada seis meses.
- Desconxelar os alimentos na neveira. Á parte de ser unha medida de seguridade alimentaria, tamén serve para axudar a refrixerar a neveira.
- Pór en marcha o lavalouza cando estea completamente cheo.
Electrodomésticos
No momento de renovar electrodomésticos é importante escollelos de máxima eficiencia enerxética. Para este fin, existe a etiquetaxe enerxética, que se pode atopar en: neveiras, conxeladores, lavadoras, lavalouza, fornos… É unha etiquetaxe que vai do A ao G, onde A son os electrodomésticos de máis eficiencia enerxética. Esta etiquetaxe substituíu a anterior, que xa non é vixente, e que incluía valores de A+, A++, A+++ (para máis información, podes consultar a noticia que publicou o Ministerio).
Reducir os usos permanentes de electricidade
Son aqueles producidos por algúns aparellos conectados á corrente, mais que non están realizando a súa función principal (por exemplo, un televisor que se apagou co mando a distancia). Neste artigo explicamos con máis detalle que son os usos permanentes de electricidade e como reducilos.
Realizar melloras estruturais na vivenda
Unha boa orientación, un bo deseño e unha boa elección de materiais da vivenda axudan claramente á eficiencia enerxética, tanto para facilitar o confort térmico como a iluminación natural.
Hai moitos aspectos nos que se pode incidir e ter en conta: mellorar o illamento, pechos (portas e xanelas), instalar toldos ou arboredos de folla caduca se se dispón de xardín, etc. Para máis información, podes consultar as ligazóns de interese que deixamos máis abaixo.
Utilizar a enerxía cando é máis económica
Mover os usos enerxéticos aos horarios máis económicos: a enerxía ten un prezo ou outro segundo o momento en que se utilice. No caso dos contratos da tarifa 2.0TD de Som Energia (a maioría de domésticos), este prezo varía segundo o período horario: período punta, chaira e val.
Daquela, se en lugar de pór a lavadora, o lavalouza, o quentador de auga quente ou calquera outro aparello eléctrico nas horas do período punta (o máis caro) os pos en marcha nas horas do período val (o máis económico), conseguirás aforrar no custo da enerxía. Podes ver os horarios dos períodos neste outro artigo do Centro de Axuda.
Importante: Som Energia non está no «mercado regulado», senón no «mercado libre». Isto significa que non nos afectan os prezos da tarifa regulada PVPC. Ou sexa, o prezo da enerxía non varía todos os días cada hora. Polo tanto, non che afectan «as horas máis baratas do día» das que informan algunhas aplicacións ou medios de comunicación.
Revisar as condicións de contratación
Modificar a potencia contratada. Neste vídeo explicámosche o que é e como podes saber se podes reducila:
Explicámosche máis, así como a forma de baixar a potencia, neste outro artigo do Centro de Axuda e nesta noticia do blog.
Producir parte da enerxía que precisas
Instalar placas solares na vivenda
- Se vives nunha casa: podes participar nunha das compras colectivas de autoprodución que impulsamos desde a cooperativa. Deste xeito poderás instalar placas sen preocuparte por ter que buscar empresas. Tes máis información no artigo sobre como funcionan as compras colectivas de autoprodución de Som Energia.
- Se vives nun bloque de pisos: podes impulsar na túa comunidade veciñal a instalación de placas no voso edificio. Desde Som Energia elaboramos esta Guía práctica para facer máis comprensíbel e dixeríbel a información que vas precisar.