Coñece o teu cadro eléctrico e protexe a túa instalación contra alteracións
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O cadro eléctrico é un conxunto de compoñentes que protexen a instalación eléctrica e ás persoas usuarias; representa un elemento clave na túa instalación eléctrica. Coñecer cales son e como funcionan os seus compoñentes pode resultar moi útil en caso de incidencia. Tecnicamente coñécese como o cadro de mando e protección (CMP).
O cadro debe atoparse nunha caixa normalizada, preto da porta principal se se trata de vivendas ou locais, ou suficientemente agochado, se se trata de puntos de subministración de pública concorrencia.
Un cadro eléctrico en mal estado pode ser fonte de problemas
Os elementos do cadro eléctrico instálanse para protexer de riscos eléctricos tanto ás persoas como aos aparellos eléctricos. Con todo, ás veces, estes elementos poden deixar de funcionar, xa sexa a causa dunha avaría, porque diferentes alteracións acurtaron a súa vida útil ou, sinxelamente, porque esta se esgotou.
Por este motivo é moi recomendábel que se faga revisar periodicamente tanto a instalación como o cadro eléctrico. Isto axuda a garantir o seu bo funcionamento e evitar posíbeis avarías dos seus electrodomésticos. Aínda que as revisións periódicas non son obrigatorias para as vivendas, si o son para os negocios e locais destinados ao público. O Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) define cada canto deben levarse a cabo (poden ser cinco ou dez anos).
A continuación explicámosche para que serve cada un dos elementos do cadro de mando e protección.
Interruptor diferencial (ID)
O interruptor diferencial protexe as persoas de posíbeis descargas eléctricas por un electrodoméstico estragado. Cando hai unha fuga de corrente por unha derivación a terra no equipo ou circuíto para protexer, ou cando a persoa toca ou pon en marcha un aparello eléctrico avariado, o interruptor diferencial detéctao e desconéctase.
Este interruptor dispón dun botón que permite comprobar o seu estado. Se ao premer este botón a instalación queda sen corrente, indica que funciona correctamente.
Se, polo contrario, a vivenda ou local segue a ter luz, significa que xa non é funcional e deberase substituír por un novo. En todos os casos, as empresas fabricantes adoitan recomendar facer unha proba mensualmente para verificar os eu bo funcionamento.
O interruptor diferencial rearmábel
Trátase dun tipo de interruptor diferencial, que se pode instalar de xeito opcional. É recomendábel se pasas moito tempo fóra da casa; está programado para volver conectarse de xeito automático en caso de alteración eléctrica, e permite que volva haber luz.
Á esquerda, un ID monofásico; á dereita, un ID rearmábel monofásico.
Interruptor xeral automático (IGA)
O interruptor xeral automático interrompe a subministración eléctrica cando detecta que se supera a potencia máxima que pode soportar a instalación eléctrica. Esta potencia máxima está definida no boletín eléctrico de cada instalación. Hai que diferencialo do interruptor de control da potencia, que só interrompe a subministración se se supera a potencia contratada.
Interruptor de control de potencia (ICP)
Este interruptor controla que a potencia utilizada non supere a potencia contratada. Coa posta en marcha dos equipos de medida con telexestión, xa non é obrigatorio que este elemento figure no cadro eléctrico, xa que foi substituído polo ICP dixital que se atopa no interior dos novos contadores. Para máis información, podes consultar o seguinte artigo, que fala diso: O interruptor de control de potencia ou ICP.
Pequenos interruptores automáticos (PIA)
Protexen a instalación dos incidentes producidos por sobrecargas ou curtocircuítos en cada un dos circuítos interiores da instalación eléctrica. Deste xeito, só se desconecta o interruptor afectado, continúa a haber subministración no resto da instalación e permite localizar a sobrecarga. Normalmente están identificados con etiquetas no cadro eléctrico (iluminación, cociña, calefacción, etc.).
Protector contra sobretensións (PCS)
Os protectores contra sobretensións serven para evitar que os aparellos eléctricos da vivenda se poidan avariar ou ben se lles poida reducir a vida útil debido a sobretensións (con independencia do motivo polo que se produciran). Son de dous tipos, dependendo de se protexen o circuíto eléctrico de sobretensións transitorias ou permanentes.
O regulamento eléctrico de baixa tensión en vigor desde o ano 2002 establece que as instalacións deben dispor de sistemas de protección ante estas sobretensións. Se non dispós destes elementos, recomendámosche que as fagas instalar por persoal técnico cualificado.