A instalación eléctrica: a acometida e a caixa de protección
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Cando falamos da instalación eléctrica, para algunhas persoas pode ser sinxelo recoñecer as distintas partes no interior da vivenda: enchufes, cables, cadro eléctrico e contador.
Agora ben, ás veces é útil coñecer o que hai máis aló: onde comeza a rede da empresa distribuidora e até onde chega a instalación eléctrica da túa vivenda. Por exemplo, é importante ter claros estes conceptos se te atopas cunha incidencia eléctrica na instalación, e tes a dúbida de se precisas pór unha reclamación ou non.
A continuación explicámosche que elementos se atopan na fronteira entre a rede de distribución e a instalación eléctrica individual e sobre quen recae a responsabilidade do seu mantemento.
A acometida eléctrica
A acometida adoita atoparse na parte exterior do edificio e é un cable que vai desde a rede eléctrica da distribuidora até a caixa xeral de protección. Unha acometida pode ser aérea (sobre a fachada ou nun pau), subterránea ou mixta e é responsabilidade da compañía distribuidora.
A caixa de protección
A caixa xeral é un elemento fundamental e adoita ser a gran descoñecida das instalacións eléctricas. É onde chega o cable que leva a electricidade da rede eléctrica e incorpora fusíbeis e un interruptor xeral co obxectivo de garantir a seguridade da instalación. Tamén ten unha función de protección fronte a curtocircuítos, sobrecargas ou avarías.
Coñecer a caixa de protección é moi importante porque é onde comeza a instalación eléctrica particular e é a partir deste punto onde a persoa titular se fai responsábel do mantemento da instalación eléctrica, así como de todos os elementos que explicamos a continuación.
Existen dous tipos de caixas de protección en función do número de subministracións que protexen. A caixa xeral de protección é a que atoparemos en comunidades veciñais e é común para todas as subministracións. En troques, se se trata de vivendas emparelladas ou subministracións illadas, atoparemos a caixa de protección e medida onde, á parte do resto de elementos, tamén se aloxa o equipo de medida.
Caixa xeral de protección (CXP)
É onde chega o cable que leva a electricidade da rede eléctrica a unha comunidade veciñal e incorpora fusíbeis e un interruptor xeral. O obxectivo da CXP é garantir a seguridade da instalación e protexela fronte a curtocircuítos, sobrecargas ou avarías.
Caixa de protección e medida (CPM)
Nas vivendas unifamiliares adoita haber outro elemento, a caixa de protección e medida (ou CPM) que inclúe os elementos da CXP e onde se engade o equipo de medida.
Caixa de protección e medida dunha vivenda illada
Liña xeral de alimentación (LXA)
En edificios con subministración individual, a liña xeral de alimentación (ou LXA) son os cables que unen a CXP co equipo de medida. En edificios con varias subministracións, a LXA une a CXP coa centralización de contadores. Estes cables subministran toda a potencia eléctrica que solicita o edificio.
Cabe destacar que, por motivos de seguridade e de acordo coa normativa vixente, se precisas acceder á CXP ou á LXA, terás que contactar antes coa distribuidora. Esta indicará se é preciso enviar persoal técnico propio ou se podes contratar pola túa conta unha empresa especializada para que o faga.
Centralización de contadores
A centralización de contadores é un espazo único no que se localizan todos os contadores dun mesmo edificio. É o máis habitual en comunidades veciñais dun mesmo bloque de pisos, por exemplo.
A centralización de contadores é unha estrutura con varios elementos:
● Interruptor xeral de manobra: utilízase cando se quere interromper a corrente.
● Embarrado xeral e fusíbeis de seguridade: a tensión trifásica da rede convértese aquí en monofásica, que é a que adoitan empregar as vivendas. Tamén se engade un fusíbel de seguridade por cada punto de subministración.
● Equipo de medida: é o contador que mide o uso de enerxía realizado. Inclúe todos os contadores necesarios.
● Derivacións individuais: é o cable eléctrico que leva a enerxía eléctrica desde o contador até o cadro de interruptores dunha subministración concreta, como unha vivenda.
● O embarrado xeral está composto por catro barras de cobre, unha por cada fase e outra polo neutro. A súa función é conectar o interruptor xeral de manobra cos contadores e é onde se instalan fusíbeis de seguridade para cada subministración.
● O embarrado de protección é un conxunto de barras de cobre que se atopan despois dos contadores e que os conectan, a través duns bornes, coas derivacións individuais. Desta estrutura tamén sae a derivación ao chan, destinada a protexer o edificio de descargas externas.
O cadro eléctrico ou cadro xeral e mando de protección
No caso dunha vivenda, o cadro eléctrico ou cadro xeral adoita situarse na entrada da vivenda en cuestión, e acolle todos os dispositivos de seguridade e protección da instalación interior. Para máis información, podes consultar o seguinte artigo: Coñece o teu cadro eléctrico e protexe a túa instalación contra alteracións.
A instalación de enlace
Todos os elementos que acabamos de ver intégranse no que coñecemos como instalación de enlace, que se define como o conxunto de estruturas que unen a rede eléctrica da distribuidora coa instalación interior da persoa usuaria.
É importante ter en conta que, ante a dúbida sobre o correcto funcionamento de calquera dos elementos que acabamos de ver, o máis axeitado é que contactes cunha persoa técnica autorizada. Esta revisará a instalación e poderá orientarte se é preciso para levar a cabo algunha actuación. O bo funcionamento destes elementos protexe tanto a túa instalación como o resto de instalacións próximas.