Tarifas de alta tensión 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Baixo o paraugas das tarifas 6.X agrupamos todas aquelas tarifas de alta tensión, isto é para subministracións cunha tensión de acceso superior a 1 kV.
Este tipo de tarifas é habitual en polígonos industriais, mais tamén naqueles puntos de subministración afastados das redes de distribución de baixa tensión, os cales se conectan a redes de alta tensión. Esta circunstancia pode darse en zonas rurais.
Segundo a tensión atopamos as seguintes tarifas de acceso:
- Tarifa 6.1TD: cunha tensión maior que 1 kV e inferior a 30 kV.
- Tarifa 6.2TD: cunha tensión maior ou igual a 30 kV e inferior a 72,5 kV.
- Tarifa 6.3TD: cunha tensión maior ou igual a 72,5 kV e inferior a 145 kV.
- Tarifa 6.4TD: cunha tensión igual ou superiores a 145 kV
Na sección de tarifas de electricidade da web da cooperativa podes atopar os prezos da tarifa 6.1TD, a máis habitual das tarifas de alta tensión. Se a túa subministración dispón dunha tensión de acceso superior a 30 kV e queres contratar coa cooperativa, pódesnos enviar un correo a empresa@somenergia.coop e facilitarémosche información ao respecto.
Características das tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD
Horarios e períodos
As tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD dispoñen de 6 períodos de enerxía e de potencia chamados P1, P2, P3, P4, P5 e P6, e que teñen, cada un, uns prezos concretos de enerxía e potencia (os prezos do P1 son os máis elevados, e despois van diminuíndo até os do P6, que son os máis económicos).
En cada zona territorial (Península, Illas Baleares e Illas Canarias), e segundo que mes do ano sexa, corresponde un período ou outro. Para unha información máis detallada podes consultar este artigo: Horarios e períodos da tarifa 3.0TD e as tarifas de alta tensión 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD
6 potencias contratadas
Pódese contratar unha potencia diferente a cada un dos seis períodos, que coinciden cos períodos de enerxía. Porén, é preciso que sigan o criterio de potencias crecentes, é dicir, a potencia contratada nun período concreto debe ser igual ou superior á do período anterior. Isto significa que: P1 <= P2 <= P3 <= P4 <= P5 <= P6.
Posibilidade de mellorar a potencia contratada
En ningún a subministración queda interrompida por utilizar unha potencia superior á contratada.
A factura coas tarifas 6.1TD, 6.2TD, 6.3TD e 6.4TD
Facturación da potencia
O termo de potencia factúrase en dous conceptos: por unha banda factúrase a potencia contratada de cada un dos seis períodos e, pola outra, os excesos de potencia ou penalizaciónscando se supera a potencia contratada de cada un dos períodos.
Para determinar o custo destas penalizacións deberá ter en conta a potencia contratada.
- Cando a potencia contratada sexa entre 15 e 50 kW (incluído), a penalización por superar a potencia contratada será o prezo da potencia excedida multiplicado polo dobre da diferenza entre a potencia utilizada e a potencia contratada. Para máis información podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para tarifas entre 15 e 50 kW
- Cando a potencia contratada sexa superior a 50 kW, a penalización aplicarase por cada cuarto de hora que se supere a potencia contratada. Para máis información podes consultar este artigo: Custo dos excesos de potencia para as tarifas de máis de 50 kW
Facturación da enerxía utilizada
É o custo da enerxía utilizada en cada período. Multiplícanse os kWh utilizados durante cada un dos períodos polo prezo do kWh en cada período.
O prezo da enerxía activa (€ / kWh) é diferente en cada un dos períodos, e podemos falar dun escalado de prezos onde o período P1 é o máis caro, e o resto de períodos (P2, P3, P4 e P5) van baixando gradualmente de prezo, até o período P6, que resulta o máis económico.
Podes consultar os prezos de Som Energia na sección de tarifas da nosa web.
Facturación da enerxía reactiva
A enerxía reactiva aparece nas instalacións eléctricas cando se utilizan aparellos que precisan crear campos magnéticos e eléctricos para o seu funcionamento. Esta enerxía é molesta para a distribución e por esta razón creáronse recargas polos excesos desta enerxía pasados á rede. Neste termo, Som Energia non aplica ningunha marxe de beneficio.
Outros conceptos da factura
Na factura tamén verás reflectidos outros conceptos que hai que sumar para obter o custo total:
- Alugueiro de equipos: trátase do alugueiro dos contadores que pagas á distribuidora a través da nosa factura. No caso de ter o contador en propiedade (pouco habitual), este importe será 0 €.
- Imposto de electricidade: é un imposto regulado polo goberno (a este imposto aplícaselle tamén o IVE). A lei recolle certas bonificacións para certas actividades económicas. Explicámolo nesta ligazón: Bonificación do imposto eléctrico
- IVE, actualmente do 21 %.
- Donativo voluntario: este concepto está exento de IVE.
- Dereitos de acceso, de extensión, de enganche, verificación ou supervisión: conceptos que cobra a empresa distribuidora a través da nosa factura se tramitaches unha alta de subministración ou fixeches unha modificación contractual.