O reparto de enerxía en autoprodución colectiva

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

A modalidade de autoconsumo colectivo é aquela na que varias vivendas, locais ou outros puntos de subministración eléctrica se benefician dun ou varios puntos de xeración de electricidade renovábel. Para distribuír a enerxía xerada aplícase o método de reparto de enerxía que establece o Real Decreto 244/2019.

A normativa prevé que, para acollerse a unha modalidade de autoprodución colectiva, as persoas participantes asociadas ao punto ou puntos de xeración asinarán un Acordo de Reparto onde se determine un Coeficiente de Reparto para cada participante.

Acordo de reparto:

O Acordo de Reparto de excedentes en autoprodución colectiva é un documento que establece a porcentaxe de enerxía xerada que corresponde a cada participante dunha autoprodución colectiva, e faino a través do Coeficiente de Reparto.

Este acordo asinado deberá ser entregado á empresa distribuidora de xeito individual por todas e cada unha das persoas participantes da autoprodución colectiva, ben directamente ou ben mediante a empresa comercializadora. Neste caso, debe facerse no proceso de legalización e modificación do contrato á modalidade de autoprodución colectiva que se elixira, cando a instalación fotovoltaica xa estea operativa.

Poderedes atopar un modelo de documento de Acordo de Reparto na sección de anexos da Guía para a autoprodución colectiva en Bloques de Vivendas que proximamente publicaremos.

Coeficiente de Reparto:

O coeficiente de reparto é a porcentaxe de enerxía xerada que corresponde a cada participante da autoprodución colectiva.

  • É un valor entre 0 e 1.
  • A suma de todos os coeficientes debe ser 1.
  • É un valor que se mantén estábel durante todas as horas do día.

Así, se un punto de subministración asociado ten, por exemplo, un coeficiente de 0,3, significa que lle corresponde un 30 % do total da enerxía xerada cada hora. Se durante unha hora concreta nesta vivenda ou local non se utiliza o total da enerxía asignada (neste exemplo, o 30 % da xerada), os kWh non utilizados computarán como excedentes desta vivenda ou local concreto. Polo tanto, se a vivenda demanda máis enerxía da que ten asignada, esta enerxía de máis contabilizarase como consumo habitual de rede e será cobrada de xeito convencional na factura eléctrica.

O coeficiente que corresponde a cada participante establécese de mutuo acordo e queda expresado no Acordo de Reparto. Este acordo pode modificarse unha vez cada 12 meses e, para facelo, todas as persoas participantes deberán entregar o novo acordo de reparto.

O Ministerio para a Transición Enerxética comprometeuse, nun futuro próximo, a desenvolver o antes posíbel os coeficientes de reparto dinámico, aqueles nos que a porcentaxe de reparto poderá ir variando ao longo do día.

Método de reparto: 

  1. A enerxía xerada polos paneis solares é contabilizada polo contador de xeración durante o período dunha hora. Esta é a Enerxía Horaria Neta Xerada. Esta enerxía variará cada hora en función da climatoloxía, o momento do día e a época do ano.
  2. A esta enerxía xerada aplícaselle o coeficiente de reparto de cada participante da autoprodución colectiva. É dicir, en función do reparto acordado, calcúlase que parte de enerxía xerada corresponde a cada un no período dunha hora. Esta é a Enerxía Horaria Neta Xerada Individualizada.
  3. Cada participante utilizará, da súa Enerxía Horaria Neta Xerada Individualizada, a que precise ou poida aproveitar; esta enerxía xerada aproveitada no tramo dunha hora denomínase Enerxía Horaria Autoconsumida Individualizada. Computa como enerxía utilizada directamente das placas solares e, polo tanto, descóntase do consumo horario que poida marcar o contador de consumo.
  4. A enerxía xerada que corresponda a cada participante en cada tramo horario, e que non utilice nese momento, será computada como excedente. Esta enerxía denomínase Enerxía Horaria Excedentaria Individualizada, e será a que se poderá compensar se o contrato está acollido a unha modalidade que contemple esta opción.
  5. Daquela, a enerxía xerada que corresponde a cada participante (Enerxía Horaria Neta Xerada Individualizada) repártese entre a enerxía que se utiliza (Enerxía Horaria Autoconsumida Individualizada) e a enerxía que non se utiliza (Enerxía Horaria Excedentaria Individualizada).

Exemplo:

Tres vivendas e un local están asociados a unha instalación de xeración na modalidade de autoprodución colectiva. Os coeficientes de reparto son os seguintes:

Puntos de subministración asociados Coeficiente de reparto
Vivenda 1 0,2
Vivenda 2 0,2
Vivenda 3 0,2
Local 0,4

Entre as 11 h e as 12 h dun día determinado, a instalación xera 5 kWh. Na vivenda 1, daquela, tocaralle 1 kWh, xa que é o resultado de multiplicar o coeficiente (0,2) pola enerxía xerada (5 kWh). Dito doutro xeito, á primeira vivenda correspóndelle o 20 % de 5 kWh, que é 1 kWh. O reparto de enerxía durante esa hora será o seguinte:

Puntos de subministración asociados Reparto de enerxía de 11 a 12 h.
Vivenda 1 1 kWh
Vivenda 2 1 kWh
Vivenda 3 1 kWh
Local 2 kWh

Vexamos agora como se reparte a enerxía entre os diferentes puntos de subministración durante esa hora, tendo en conta tamén o seu uso de enerxía da rede:

Puntos de subministración asociados Reparto enerxía xerada entre as 11 h e as 12 h. (Enerxía Horaria Neta Xerada Individualizada)
Enerxía utilizada entre as 11 h e as 12 h.
Enerxía xerada utilizada (Enerxía Horaria Autoconsumida Individualizada)
Enerxía utilizada da rede (polo tanto, para facturar)
Enerxía  excedentaria (Enerxía Horaria Excedentaria Individualitzada)
Vivenda 1 1 kWh 1,5 kWh 1 kWh 0,5 kWh 0 kWh
Vivenda 2 1 kWh 0 kWh 0 kWh 0 kWh 1 kWh

Vivenda 3

1 kWh 0,75 kWh 0,75 kWh 0 kWh 0,25 kWh
Local 2 kWh 5 kWh 2 kWh 3 kWh 0 kWh

Especificacións do reparto de enerxía en autoprodución colectiva con compensación:

As modalidades de autoprodución colectiva que poden acollerse á compensación simplificada de excedentes son as seguintes:

  • Autoconsumo colectivo en rede interior sen excedentes.
  • Autoconsumo colectivo en rede interior con excedentes.
  • Autoconsumo colectivo a través de rede de baixa tensión, onde todos os puntos de xeración están conectados en rede interior a un dos puntos de uso da enerxía.

A compensación en autoprodución colectiva funciona do seguinte xeito:

A Enerxía Horaria Excedentaria Individualizada transfórmase nun valor económico segundo o prezo kWh establecido pola comercializadora. Este valor económico descontarase directamente do valor económico do termo de enerxía utilizada na factura eléctrica. Como moito, o resultado poderá ser de cero euros, mais en ningún caso poderá ser negativo ou acumulábel para próximos meses. Convén lembrar que a parte fixa de potencia contratada e os impostos asociados a estes conceptos deberán pagarse igualmente.

Enlaces de interese

Still need help? Contactar Contactar