Prezo de compensación dos excedentes en autoprodución
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O excedente de autoprodución
A enerxía que non utilizan as persoas que teñen instalacións de autoprodución na súa casa e que se pasa á rede eléctrica denomínase excedente de autoprodución. A normativa marca que as persoas con instalacións de autoprodución doméstica que o desexen poden acollerse á compensación simplificada dos excedentes de enerxía producidos que se acaben inxectando á rede.
Tal e como dicimos neste artigo, onde explicamos como funciona a compensación simplificada de excedentes, a normativa marca que a compensación dos excedentes debe facerse mensualmente a partir do valor económico destes excedentes. E esta compensación alóngase até que o balance entre o valor da enerxía excedentaria e o valor da enerxía consumida sexa cero.
Som Energia compensa as persoas que teñen excedentes de autoprodución descontándoos da factura.
Prezo dos excedentes
Co obxectivo de ofrecer unha proposta que sexa favorábel aos intereses tanto das persoas e entidades socias con autoconsumo coma de Som Energia, desde a cooperativa definiuse como premisa principal que non engadamos ningunha marxe para a cooperativa aos excedentes de autoprodución, é dicir, a cooperativa non quedará cunha parte do valor dos excedentes. Tampouco engadimos ningunha marxe para as persoas que están vertendo esta enerxía excedentaria (é dicir, non a queremos compensar cun valor maior do que ten).
A idea principal é que desde Som Energia pagamos estes excedentes ao mesmo prezo que nos custaría mercar esta enerxía no mercado grosista.
O prezo de compensación de excedentes ten o mesmo valor ca o que lle custa á cooperativa mercar a enerxía no mercado grosista. Antes, este valor sacabámolo da media dos prezos de todo o día, mais a enerxía non ten o mesmo prezo a cada momento do día. Desde hai un tempo, no mercado grosista, o prezo da enerxía nas horas solares foi baixando respecto do resto das horas do día. O motivo é, sobre todo, a maior cantidade de enerxía que se xera durante esas horas grazas ao aumento de plantas solares e a instalación de placas fotovoltaicas. É a lei da oferta e a demanda. Como a demanda desas horas non aumentou tanto, os prezos son máis baixos.
Polo tanto, en Som Energia cústanos cada vez menos mercar enerxía nas horas solares. De seguirmos a ter de referencia a media de prezos diaria, implicaría un desaxuste: Som Energia estaría a pagar pola compensación de excedentes un prezo máis elevado do que lle custa obter esa enerxía no mercado grosista, polo que estaría a perder cartos. En consecuencia, isto repercutiría nun encarecemento do prezo das tarifas para todas as persoas e empresas usuarias de Som Energia.
Este é o motivo polo que actualizamos o modo de calcular o prezo de compensación. No canto de calculalo coa media de todo o día, collemos de referencia a media do prezo nas horas en que se xeran os excedentes, é dicir, as horas solares.
Por outra banda, tamén hai determinados compoñentes do prezo de comercialización da enerxía que non se aplican ao prezo de compensación de excedentes. Nesta ligazón explicamos por que o prezo de compensación dos excedentes de autoprodución e o prezo de venda (das nosas tarifas) teñen valores diferentes. Nestoutro artigo explicamos con detalle como estabelecemos os prezos en Som Energia. Ten presente que os criterios para establecer as tarifas xerais que ofrecemos decidímolos entre todas as persoas e entidades socias na asemblea xeral.
Tarifa períodos, con prezos fixos
Nas tarifas períodos, de prezos fixos, os excedentes de autoprodución compénsanse tamén a prezo fixo para todos os períodos. Este prezo podes atopalo actualizado na sección de tarifas da páxina web.
Tarifa indexada, con prezos variábeis
Se a túa tarifa é indexada, o prezo de compensación que aplicará Som Energia tamén será indexado; isto quere dicir que tamén varía día a día e hora a hora. O prezo de compensación dos excedentes será o prezo horario do mercado grosista da electricidade, que é o prezo de OMIE nos contratos da Península e o prezo horario da demanda nas illas Baleares e Canarias.
Compensación de excedentes en Som Energia
Cada comercializadora do mercado libre establece o seu propio xeito de compensar, así como o prezo de compensación que queira definir.
Así, no mesmo momento (2019) en que mudou a normativa sobre o autoconsumo, desde Som Energia establecemos a compensación da enerxía, e especificamente tamén a parte correspondente das peaxes e cargos do termo de enerxía.
Ao tempo, debemos ter en conta que o operador do sistema (Red Eléctrica de España) asigna á comercializadora os excedentes non compensados nos meses nos que o importe total dos excedentes é superior ao importe da enerxía consumida. Isto dá pé ás comercializadoras do mercado libre a ir alén do que establece a normativa e valorar economicamente esta enerxía. En Som Energia facémolo por medio de Flux Solar, que transforma en descontos nas facturas futuras os excedentes que non se puideron compensar.