Baixa da subministración eléctrica
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
A baixa de subministración eléctrica implica o corte de subministración na vivenda ou local asociado a un contrato. É dicir, o espazo quedará sen electricidade e tamén deixarán de xerarse facturas.
Se nalgún momento posterior se decide volver a dar de alta a subministración, teranse que afrontar os gastos regulados que aplican as compañías distribuidoras para dar de alta un punto de subministración. Recoméndase solicitar a baixa se un punto de subministración debe quedar deshabitado ou sen uso durante un período de tempo considerábel (na parte final deste artigo atoparás máis detalles).
Se non queres deixar sen luz o punto de subministración, tes a opción de xestionar un cambio de titularidade cara os novos usuarios do servizo.
Antes de tramitar a baixa de subministración, lembra que:
- Só a persoa titular do contrato pode solicitar a baixa de subministración eléctrica.
- Se solicitas unha baixa da subministración eléctrica, estás a dar o teu consentimento para interromper a subministración asociada ao teu contrato.
- Desde o momento en que o solicites, poden pasar ou unhas horas ou algúns días laborábeis até que se faga efectivo o corte, xa que a distribuidora ten unha marxe de 6 días hábiles para levar a cabo a baixa. Porén, este prazo está condicionado ao feito de que a distribuidora teña acceso ao contador. Ou sexa, para que a baixa se poida hacer efectiva é imprescindíbel que o persoal técnico teña acceso. Presta especial atención a este feito, porque, se coa baixa de subministración deixas de ter acceso ao contador, tes que asegurar que outra persoa poida facilitarlles ese acceso. Por todo iso, non podemos garantir o día exacto en que se vai cortar a subministración.
- Se das de baixa un punto de subministración, emitiremos unha última factura correspondente ao consumo realizado até a data do corte.
Pasos para solicitar a baixa de subministración
Se queres solicitar a baixa de subministración eléctrica, debes facelo a través da Oficina Virtual de Som Energia.
Dentro da sección de contratos, debes facer clic en Dar de baixa un punto de subministración e se tes máis dun contrato, terás que seleccionar o que toque.
De forma automática aparecerache o número de contrato e enderezo do punto de subministración en cuestión. Revisa que sexa, efectivamente, o contrato que queres dar de baixa.
Despois, deberás indicar o código CUPS, a data de baixa -que, como dixemos, é aproximada- e o número de teléfono.
Tamén é preciso aceptar a política de privacidade, así como as condicións da baixa.
Unha vez tramitada a baixa, aparece a xanela anterior na que che dicimos que revises o teu correo.
Neste punto, recibirás nuns minutos un correo de confirmación no teu correo electrónico. Terás que picar sobre a ligazón que che enviamos para facer efectivo o cambio solicitado. Esta ligazón ten unha validez de 24 h. Se non completas este proceso de validación, a baixa non se realizará.
Tal e como se mostra na imaxe inferior, a ligazón lévate de novo á Oficina Virtual, onde deberás confirmar a baixa.
Cando pulses «Confirmar a baixa» terás completado a petición.
Unha vez realizada a petición de baixa, desde a cooperativa tramitarémola á distribuidora. Informarémoste, debidamente, cando xestionemos o trámite e cando esta nos confirme a data na cal se fará efectiva a baixa.
Lembra que —tal como dixemos— cando o teu contrato estea de baixa, aínda che enviaremos unha última factura ata a data de baixa.
Cando sae a conta solicitar unha baixa?
Como comentabamos no inicio do artigo, se se prevé que durante un tempo considerábel non se fará ningún uso eléctrico na vivenda ou local, pode saír a conta pedir a baixa e despois volver pedir a alta. Dado que, ao pedir a alta, deben pagarse os gastos regulados que aplican as compañías distribuidoras e que podes consultar aquí, só sae a conta en determinados casos. Depende do tempo durante o cal non se precise subministración, da potencia que se teña contratada e de se hai que volver realizar o boletín eléctrico durante o trámite da alta
O cadro seguinte fai un cálculo aproximado do número de meses que sae a conta dar de baixa un punto de subministración con tarifa 2.0TD, segundo potencia contratada e custo de alta. Todos estes cálculos están feitos sen ter en conta que sexa preciso renovar o boletín eléctrico. Se se ten que renovar (depende da distribuidora), isto incrementa o custo de recuperar a electricidade no local ou vivenda e, polo tanto, incrementa o número de meses que vale a pena economicamente realizar todos os trámites.
A baixa da subministración e a baixa de persoa socia de Som Energia
A baixa de subministración e a baixa como socio ou socia da cooperativa son dous trámites diferentes.
No momento en que non teñas ningún contrato con Som Energia, podes solicitar a baixa da cooperativa. Neste artigo explicámolo con detalle: Como darse de baixa de socio ou socia.