Puntos de subministración con «elementos non interrompíbeis»
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Os puntos de subministración nos que hai presenza de algún « elemento non interrompíbel» presentan unhas peculiaridades que hai que ter en conta.
Considéranse «elementos non interrompíbeis»aqueles aparellos eléctricos que o persoal técnico que emite o boletín ou certificado eléctrico considere que non poden ter unha interrupción no servizo eléctrico, como por exemplo:
- Ascensores.
- Equipos de ventilación forzada en garaxes.
- Grupos de presión de subministración de auga para consumo humano e para extinción de incendios.
- Porta de garaxe eléctrica.
Tamén se poden considerar puntos de subministración con «elementos non interrompíbeis»:
- Hospitais, especialmente os quirófanos e unidades de coidados intensivos.
- Vivendas con circunstancias médicas especiais: persoas que precisan respiración asistida ou diálise.
Posibilidade de pasar a facturación por maxímetro no caso de tarifa 2.0TD
Por defecto, todos os contratos con tarifa 2.0TD (até 15 kW de potencia contratada) facturan por interruptor de control de potencia (ICP). Isto significa que o contador interrompe a subministración se nalgún momento se está a utilizar máis potencia da que hai contratada.
Porén, a lei (RD 1454/2005) permite que un punto de subministración con tarifa 2.0TD (até 15 kW de potencia contratada) e coa presenza dun ou máis elementos non interrompíbeis poida pasar a facturación por maxímetro coa condición de que a potencia contratada sexa igual ou superior á suma das potencias nominais destes elementos (a potencia nominal é a potencia máxima que acada un aparello en funcionamento continuo).
Hai que ter en conta que, nos puntos de subministración que facturan con maxímetro, a potencia non está limitada, a diferenza dos puntos de subministración que dispoñen de ICP. Polo tanto, co maxímetro pódese superar a potencia contratada sen sofrer ningunha interrupción, aínda que entón poden aparecer penalizacións, tal como explicamos neste artigo: Custo da potencia e dos excesos de potencia para a tarifa 2.0TD con elementos non interrompíbeis.
Método de rexistro da potencia utilizada e presenza dun ascensor
Cada 15 minutos, o maxímetro rexistra a potencia media utilizada durante ese espazo de tempo. É o que chamamos lectura cuarto-horaria da potencia utilizada.
Un ascensor utiliza un pico de potencia relativamente alto só no arranque, é dicir, durante poucos segundos. Polo tanto, aínda que a potencia nominal do ascensor sexa moito máis elevada, a media da potencia requirida cada 15 minutos no caso dun ascensor non é moi elevada, habitualmente de entre 0 e 3 kW (segundo o modelo do ascensor e as veces que este se utilice durante este intervalo de tempo).
Mellores condicións de contratación
Habitualmente, as condicións óptimas de contratación nos casos en que na instalación hai un ou máis elementos non interrompíbeis son:
- Pasar a facturar a potencia con maxímetro: esta opción é especialmente válida naqueles puntos de subministración nos que o elemento non interrompíbel é un ascensor ou ben un elemento de potencia significativa. Tal e como comentamos, a facturación por maxímetro permite superar a potencia contratada sen que haxa cortes de luz. No caso de comunidades veciñais, adoita xerar un aforro importante na facturación da potencia. Hai que ter en conta que, tal e como dixemos, a partir dese momento a facturación da potencia realizarase tal como explicamos neste artigo: Custo da potencia e dos excesos de potencia para a tarifa 2.0TD con elementos non interrompíbeis.
- Como mínimo, contratar a mesma potencia do elemento non interrompíbel: habitualmente, esta potencia é a potencia nominal do ascensor. Este dato pode atoparse na placa do motor do aparello ou ben pode facilitalo a empresa de mantemento ou a casa fabricante do aparello. No caso de que haxa máis dun elemento non interrompíbel, a potencia para contratar deberá ser, por lei, como mínimo a suma das potencias de todos estes elementos. En todos os casos, hai que ter en conta que, para definir a potencia a contratar, hai que considerar todos os aparellos presentes na instalación, sexan ou non elementos non interrompíbeis.
Como solicitar a facturación con maxímetro
Se o teu punto de subministración conta cun elemento non interrompíbel e queres pasar a facturación por maxímetro podes pedírnolo enviando un correo electrónico a modifica@somenergia.coop, especificando o teu número de contrato e as novas condicións de contratación.
É moi importante ter en conta que a empresa de distribución eléctrica, tal e como indica a normativa, ao recibir a solicitude para pasar a facturación por maxímetro pode requirir a emisión dun novo boletín eléctrico do punto de subministración onde se deixe constancia doselementos non interrompíbeis e as súas potencias nominais.
Puntos de subministración con tarifa 3.0TD
No caso de puntos de subministración con tarifa 3.0TD nos que o ascensor sexa o aparello que precisa máis potencia de todos os presentes na instalación, se se ten en conta que utiliza un pico de potencia relativamente alto só durante o arranque, pódese contratar unha potencia inferior e, polo tanto, conseguir un aforro na factura. Por defecto, nesta tarifa, a facturación é por maxímetro, o que permite contratar potencias baixas en cinco dos períodos e manter só un por riba dos 15 kW.