Tipo de punto de medida: características dos contadores
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Para saber como se che factura a potencia utilizada e que información terás sobre o teu uso enerxético, é relevante coñecer o tipo de contador e que características ten.
Así, o regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico ( RD 1110/2007) establece os criterios para clasificar os contadores eléctricos segundo as características do punto de subministración.
Este regulamento define tamén o concepto de punto fronteira, que son os puntos de conexión entre as distintas partes do sistema eléctrico. Sono, por exemplo, a conexión entre un punto de xeración de enerxía eléctrica e a rede de transporte, entre a rede de transporte e a distribución, e entre un usuario final e a distribución, entre outros. É importante coñecer este concepto, xa que o tipo de punto fronteira e o tipo de contador están relacionados.
Así, de máis a menos habitual, temos:
Contadores tipo 5
● É o habitual para subministracións domésticas.
● Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa igual ou inferior a 15 kW.
● Puntos de conexión de instalacións de xeración con potencia nominal igual ou inferior a 15 kVA.
Contadores tipo 4
● Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa superior a 15 kW e igual ou inferior a 50 kW.
Contadores tipo 3
● Os que non poidan clasificarse noutra categoría.
Contadores tipo 2
● Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa superior a 450 kW.
● Puntos de conexión de instalacións de xeración con potencia aparente nominal igual ou inferior a 450 kVA.
● Puntos de conexión nos que o intercambio anual de enerxía sexa igual ou superior a 750 MWh.
Contadores tipo 1
● Puntos de conexión nos que a potencia contratada en calquera período sexa igual ou superior a 10 kW.
● Puntos de conexión de instalacións de xeración con potencia aparente nominal igual ou inferior a 12 kVA.
● Puntos de conexión nos que o intercambio anual de enerxía sexa igual ou superior a 5 GWh.
Contadores e telemedida
O regulamento, igual que define os distintos tipos de contadores, define se a telemedida é obrigatoria ou non, segundo o tipo de contador.
Isto é importante telo presente, porque se dispós de telemedida poderás saber con maior detalle cal é o teu uso enerxético. Esta dispoñibilidade tamén condiciona a información enerxética que podemos ofrecerche a través da Oficina Virtual, en calidade de comercializadora. Debes ter en conta que canto máis coñecemento teñas do teu uso enerxético, maior capacidade de análise e posibilidade de decisión terás.
En instalacións con contadores tipo 1 e 2, a telemedida é obrigatoria e a empresa responsábel de tomar as lecturas é o operador do sistema, ou sexa, REE.
En instalacións con contador tipo 3 que non correspondan a puntos fronteira de cliente, a telemedida tamén é obrigatoria.
En instalacións con contadores tipo 3 que correspondan a puntos fronteira de cliente e tipo 4, a telemedida é opcional. Alternativamente, a medida realízase de forma manual por persoal técnico que se traslada ata o contador e que rexistra as medidas horarias cun terminal móbil.
En instalacións con contadores tipo 5, desde 2019 deberían ter instalados contadores dixitais que permitan a telexestión. Para os tipos 3, 4 e 5, a empresa responsable de tomar as lecturas é a empresa distribuidora correspondente. Do mesmo xeito, as distribuidoras deben compartir os rexistros horarios directamente coas persoas usuarias finais mediante un portal web propio.
Telexestión e telemedida
Que un contador permita a telemedida implica que a través dun dispositivo a empresa distribuidora accede aos distintos rexistros de uso de enerxía e potencia que recolle o contador.
A telexestión vai un pouco máis lonxe e, ademais de recoller os datos de enerxía e potencia, tamén permite modificar algúns dos seus parámetros (períodos horarios, potencia contratada, etc.).
Contadores e rexistro de potencia utilizada
Outro aspecto importante relacionado cos contadores é como estes rexistran a potencia utilizada. Isto é especialmente relevante porque define como será a penalización por excesos de potencia, en caso de que a facturación sexa por maxímetro.
Os puntos de subministración con contadores tipo 1, 2 e 3 dispoñen dun seguimento cuarto-horario e, polo tanto, a facturación dos excesos de potencia faise mensualmente por excesos cuarto-horarios. Ou sexa, mírase, de cada cuarto de hora do período de facturación en cuestión, se se superou a potencia contratada ou non. Se nun cuarto de hora se superou (sexan as veces que sexan), factúrase a penalización unha vez. Se nun cuarto de hora non se superou, non se factura penalización algunha.
En cambio, nos puntos de subministración con contadores tipo 4 e 5, o seguimento da potencia utilizada tamén é por períodos de 15 minutos, mais neste caso o que se calcula é a media de potencia utilizada dentro do cuarto de hora. Se esta media resulta superior á potencia contratada para algún dos períodos dentro do período facturado, aplícase unha penalización.