Como xestionamos os contratos de pobreza enerxética en Som Energia?
| [També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Se consideras que te atopas nunha situación de pobreza enerxética ( aquí detallamos de que se trata), recomendámosche que contactes cos servizos sociais da túa zona. As administracións públicas (locais e autonómicas) deben informarte de se podes acollerte ás axudas vixentes e de cales son os pasos que debes seguir para te poderes beneficiar delas.
Tamén podes consultar estoutro artigo do Centro de Axuda, con recursos de interese para situacións de vulnerabilidade enerxética.
En Som Energia articulamos un plan de acción con diversas estratexias para coidarmos as persoas socias en situación de vulnerabilidade, loitarmos contra as causas estruturais e ampliarmos a nosa capacidade de incidencia. Somos sensíbeis a esta realidade e dispomos dun protocolo coidadoso e preciso para os casos en que unha factura non poida pagarse por este motivo.
Con este mesmo propósito, na Asemblea Xeral de 2022 aprobouse unha moción para estudar a posibilidade de introducirmos unha tarifa social. Na actualidade, estamos traballando para podermos aplicar un desconto social nas facturas dos contratos que se atopen en situación de vulnerabilidade.
En Som Energia, tal e como estabelece o Real decreto 897/2017, se dispós dun informe que acredite esta situación, no che cortaremos a subministración eléctrica. Con todo, este feito non te exime da posíbel débeda.
En materia xurídica, a cooperativa cumpre co que ten que ver co devandito real decreto, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica.
O citado real decreto coexiste, nalgúns casos, con leis autonómicas que tamén regulan aspectos da pobreza enerxética e que varían lixeiramente dunha comunidade a outra. Xa que logo, na xestión deste tipo de contratos temos en conta tanto a lexislación estatal como a propia de cada unha das comunidades autónomas, en función de onde estea situado o punto de subministración en cuestión.
Se o teu contrato se atopa en Cataluña, aplicarase a normativa autonómica vixente, en concreto a Lei catalá 24/2015, de medidas urxentes para afrontar a emerxencia no ámbito da vivenda e a pobreza enerxética, que estabelece a protección das persoas e unidades familiares en situación de risco de exclusión residencial fronte aos cortes de subministración que poidan acordar as compañías subministradoras de auga potábel, de electricidade e de gas por falta de pagamento.