Recursos de interese para situacións de vulnerabilidade enerxética
| [També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Tal como explicamos neste artigo, se te atopas nunha situación de vulnerabilidade ou pobreza enerxética, recomendámosche que contactes cos servizos sociais da túa zona.
Son as administracións públicas (locais e autonómicas) as que teñen que avaliar a túa situación, informarte de se te podes acoller ás axudas vixentes e orientarte sobre os pasos que debes seguir para poderte beneficiar delas. Especialmente, é necesario que te dirixas aos servizos sociais do teu municipio ou rexión.
Así mesmo, se te atopas nunha situación de vulnerabilidade ou pobreza enerxética, ofrecémosche a continuación unha serie de entidades e recursos que che poden ser de utilidade.
Recursos ofrecidos desde Som Energia
Grupos locais
Tamén te podes pór en contacto coas persoas socias activistas da cooperativa da túa zona. Trátase de grupos de socios e socias voluntarias, con frecuencia agrupadas baixo o paraugas do que chamamos grupo local, que difunden os valores da cooperativa no seu territorio.
A través destes grupos poderás obter información e orientación sobre que asociacións ou entidades do teu municipio ou comarca che poden ofrecer asesoramento en materia de vulnerabilidade ou pobreza enerxética; emporiso, non todos os grupos dispón directamente desta información.
Nesta ligazón atoparás un mapa co contacto de cada grupo de socias activistas da cooperativa.
Xestión rigorosa e empática dos contratos en situación de pobreza enerxética
Se queres saber como xestionamos os contratos en situación de pobreza enerxética na cooperativa, podes consultar estoutro artigo.
Aula popular no Centro de Axuda
Desde hai pouco, na aula popular de Som Energia temos un curso que trata a vulnerabilidade enerxética. Pódelo seguir na ligazón seguinte.
Así mesmo, tamén temos estoutros artigos no noso Centro de Axuda, nos que proporcionamos recomendacións para aforrar na factura da luz:
Alianza contra a Pobreza Enerxética
A Alianza contra a Pobreza Enerxética (APE)é un movemento social que nace en 2014 para defender o acceso universal aos servizos básicos de auga e enerxía. Con ese obxectivo, exercen presión sobre a Administración para que garanta estes dereitos e sobre as grandes empresas subministradoras para que asuman a súa responsabilidade nas distintas situacións de pobreza enerxética.
O asesoramento colectivo, as mobilizacións, as accións, as charlas, a presión nas redes sociais, as publicacións e a presenza nos medios de comunicación son algunhas das ferramentas clave que emprega a APE para conseguir os obxectivos deste movemento social.
No seu web podes atopar un formulario de contacto.
Outras entidades e recursos
Ademais da Alianza contra a Pobreza Enerxética, outras entidades que traballan para paliaren as situacións de pobreza enerxética son:
- Cruz Vermella: é un movemento humanitario internacional que actúa para garantir o respecto a todos os seres humanos e para previr e aliviar o sufrimento das persoas, sen discriminacións baseadas na nacionalidade, raza, xénero, crenzas relixiosas, clase social ou opinións políticas.
Realizan diferentes accións para loitar contra a vulnerabilidade enerxética que podes consultar nesta ligazón. Para atopares o centro máis próximo podes premer aquí.
- Ecoserveis: a misión desta cooperativa barcelonesa é deseñar e implementar accións para promover un modelo enerxético máis xusto e sostíbel, baseado no uso eficiente e compartido dos recursos enerxéticos renovábeis. Entre os seus obxectivos está o de traballar para combater a pobreza enerxética de forma activa.
Podes atopar máis información no apartado sobre pobreza enerxética do seu web.
Esta pequena listaxe non pretende ser exhaustiva. Con todo, se coñeces algunha entidade ou organización que traballe de modo relevante na situación de pobreza ou vulnerabilidade enerxética, ponte en contacto connosco a través de exclu.energetica@somenergia.cooppara actualizármola. Moitas grazas!