Que facer se te atopas en situación de pobreza ou vulnerabilidade enerxética?
| [També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Neste artigo falaremos de:
- Que facer se te atopas en situación de pobreza ou vulnerabilidade enerxética?
- Que é a vulnerabilidade ou pobreza enerxética?
- Vulnerabilidade, pobreza ou precariedade? Que termo debemos empregar?
Que facer se te atopas en situación de pobreza ou vulnerabilidade enerxética?
Se consideras que te atopas nesta situación, recomendámosche que contactes cos servizos sociais da túa zona. Son as administracións públicas (locais e autonómicas) as que deben informarte de se te podes acoller ás axudas vixentes e cales son os pasos que debes seguir para poder beneficiarte delas. Especialmente, débeste dirixir aos servizos sociais do teu municipio ou comarca.
Que é a vulnerabilidade ou pobreza enerxética?
A vulnerabilidade ou pobreza enerxética é o conxunto de situacións en que as persoas ou unidades familiares, pola imposibilidade de asumiren os importes que supón o gasto da luz, non poden manter a súa vivenda en condicións de temperatura e humidade adecuadas nin levar a cabo as actividades domésticas básicas (cociñar, estudar, limpar etc.).
É un problema estrutural que ten múltiples causas, pero a principal é o funcionamento do sistema enerxético actual, dominado por un oligopolio privado. Este control, xunto co sistema marxinalista de fixación de prezos, permite a unhas poucas empresas influíren no mercado, na produción e mesmo na lexislación.
Ante esta realidade, movementos sociais e persoas expertas coinciden en que as administracións públicas deben asumir un papel activo e garantir o acceso á enerxía como un dereito básico. Isto implica deter os cortes indiscriminados, redeseñar o bono social para facelo máis efectivo —por exemplo, mediante unha tarifa social xusta— e intervir no sistema eléctrico para impulsar unha reforma profunda.
Porén, a única resposta do Estado até o de agora, o bono social, é claramente insuficiente. Presenta importantes carencias no seu deseño e moitas dificultades de acceso. Ademais, as comercializadoras do mercado libre, como Som Energia, non podemos aplicalo, xa que, por normativa, só o poden ofrecer as comercializadoras do mercado regulado.
Vulnerabilidade, pobreza ou precariedade? Que termo debemos empregar?
Cando desde Som Energia nos achegamos a falar cos movementos sociais e con persoas expertas no tema, detectamos que existe un debate sobre que termo é preferible empregar.
Os argumentos son que empregar “pobreza" enerxética apunta unha responsabilidade máis individual e, xa que logo, contribúe á estigmatización das persoas que sofren esta situación; por iso xorden termos como "vulnerabilidade" ou "precariedade" enerxética, que sinalan causas máis estruturais e apuntan unha responsabilidade social e colectiva.
Malia todo, persoas afectadas por esta situación, organizadas na Alianza contra a Pobreza Enerxética, reivindican o termo “pobreza” porque non queren “suavizar” a problemática.
Desde Som Energia acollemos o debate e aceptamos os matices e intencións que achegan os diferentes termos empregados. Así, neste e noutros documentos que poidamos xerar desde a cooperativa verbo da vulnerabilidade ou pobreza enerxética, empregaremos un termo ou outro indistintamente, buscando a máxima comprensión do que queremos explicar e intentando en todo momento chamarlles ás cousas polo seu nome, co fin de contribuírmos —na medida das nosas posibilidades— á redución da problemática e de respectarmos a dignidade das persoas que a padecen.