Como son as facturas do servizo de representación no mercado eléctrico
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
As facturas do servizo de representación de mercado xestiónanse cunha periodicidade mensual e tómase como período de facturación o mes natural (do día 1 ao final do mes).
Dúas facturas
A facturación consta de dúas facturas para cada instalación representada:
- Unha factura pola enerxía representada no mercado
- Outra factura polos servizos
Para as instalacións acollidas ao réxime retributivo específico (o que antes se chamaba «primas ás renovábeis»), emítese unha terceira factura, coa liquidación da devandita retribución.
Así, na factura de mercado trasládase o importe que a planta debe cobrar pola enerxía vendida durante o mes, chamada retribución a mercado.
Na factura de servizos inclúese o importe que o produtor debe pagar polas xestións realizadas, así como diferentes custos regulados, como poden ser o custo do operador do sistema, o custo do operador do mercado (só para instalacións cunha potencia superior a 1 MW) ou o bono social.
Estas facturas emítense ao mes seguinte do período en que a enerxía se exportou á rede, isto é, o que se chama mes M+1.
Naqueles casos en que a representación sexa indirecta ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), as facturas da retribución específica non se poden emitir antes de dous meses desde a finalización do período en cuestión (M+2). Isto débese a que a CNMC tarda ese tempo en liquidarnos esta retribución e non podemos trasladala até ese momento.
Así pois, nas facturas de representación de mercado atoparás —ou poderás atopar— os seguintes conceptos:
Factura de retribución en mercado
Enerxía producida
Este concepto corresponde á retribución económica da enerxía producida durante un período de tempo. Na actualidade, en Som Energia ofrecemos unha retribución indexada en mercado, é dicir, cada kWh que se produciu en cada hora polo prezo do mercado diario nesa hora.
Desvíos
Cando a enerxía que achegan os xeradores é distinta á programada nun inicio, prodúcense os desvíos.
Como o xerador achegou máis ou menos enerxía da pactada, penalízase polo feito de que non «cumpriu» coa enerxía pactada e o operador do sistema tivo que facer axustes para que toda a enerxía que entre sexa a mesma que sae e garantir así un bo funcionamento do sistema.
Esa penalización é o custo que se paga pola enerxía desviada.
Efecto carteira
Ao representar varias plantas e facer ofertas conxuntas no mercado, temos a vantaxe de que a enerxía que algunhas plantas previron de máis pode ser compensada pola enerxía que outras previron de menos. Desta maneira redúcese o desvío total de Som Energia e axúdase a diminuír o custo por enerxía desviada de cada instalación. Esta redución denomínase efecto carteira ou efecto pantalla.
Banda de regulación secundaria
Para que o sistema traballe de forma segura e fiábel, é preciso que a xeración sexa a mesma que a demanda en cada momento, polo que existen uns servizos para axustalo.
Un deses servizos é a banda de regulación secundaria, un mercado en que poden participar xeradores que cumpran certos requisitos. Desde abril de 2022, repártese o 5 % do custo deste servizo entre todos os produtores.
Este custo é horario e depende da cantidade de enerxía desviada e do prezo deste servizo de regulación secundaria.
Servizo de resposta activa da demanda
Outro servizo para axustar ao sistema os desequilibrios que pode haber é o servizo de resposta activa da demanda, que, como indica o seu nome, é proporcionado pola demanda (ou consumidores), pero desde novembro de 2022 tamén se repercute aos produtores.
Ao igual que a banda de regulación secundaria, é un custo horario que depende da cantidade de enerxía desviada e do prezo do servizo de resposta activa da demanda.
Penalización por factor de potencia
O factor de potencia é unha forma de expresar a enerxía reactiva que se xera nunha instalación. Esta enerxía pode aparecer nunha instalación se nela hai presenza de elementos electromagnéticos como bobinas ou condensadores. Tamén pode aparecer nunha instalación fotovoltaica, por exemplo, proveniente do investidor.
Así pois, o Anexo III do Real decreto 413/2014 estabelece un factor de potencia nun rango obrigatorio entre 0,98 indutivos e 0,98 capacitivos a cada hora. A penalización por incumprimento por este factor de potencia é de 0,261 €/kWh pola enerxía producida nesa hora.
Reliquidacións
Ao longo do ano, as medidas horarias de produción que recibimos actualízanse en varias ocasións, por se o encargado de lectura obtivo unha medida mellor respecto á anterior.
Rede Eléctrica de España (REE) publica a enerxía producida por cada instalación de cada mes en diferentes peches (inicial, intermedio, provisional e definitivo) en función dos mellores datos dispoñíbeis en cada momento, para que se poida liquidar esa enerxía.
O primeiro peche, chamado inicial ou H2, publícase durante o mes seguinte (M+1) respecto ao mes a que se refire.
O segundo peche, chamado intermedio ou H3, publícase aos dous meses (M+2).
O terceiro, chamado provisional ou HP, publícase aos sete meses (M+7).
O cuarto e último peche, o definitivo ou HC, publícase aos once meses (M+11).
En Som Energia reliquidamos a diferenza de enerxía ao produtor, para que realmente se lle acabe aboando a enerxía total recoñecida por REE.
Estas reliquidacións veranse incluídas na factura doutro mes. Por exemplo, durante abril, recibirás a factura correspondente á produción de marzo (peche inicial) e, no caso de que haxa diverxencias nas medidas da produción de xaneiro (peche intermedio) ou de maio do ano anterior (peche definitivo), tamén o verás reflectido nesta.
Factura de retribución específica
Este concepto corresponde á «prima» que paga a CNMC para as plantas de xeración con fontes renovábeis acollidas no seu día á normativa correspondente. O importe vén regulado polo código da súa instalación, polo tipo (por exemplo, IT-00030), pola potencia instalada e pola produción realizada. O representante de mercado neste concepto é neutro, o que cobra da CNMC trasládao directamente ao produtor.
A retribución específica está formada por dous conceptos que veñen regulados e se van actualizando en función dos prezos do mercado co obxectivo de garantir unha rendibilidade razoábel á instalación.
- Retribución ao investimento (RI): importe económico que se recibe proporcional á potencia da instalación (kW).
- Retribución á operación (RO): importe económico que se recibe proporcional á enerxía producida pola instalación (kWh).
Dous conceptos que afectan directamente á retribución específica son os seguintes:
- Coeficiente de cobertura: é unha porcentaxe que aparece como consecuencia dos desaxustes temporais entre ingresos e custos de sistema. Esta porcentaxe vai variando de forma mensual. Como consecuencia deste desaxuste, poden aparecer quince ou máis liquidacións até alcanzar o 100 % do importe de retribución específica que se debe recibir.
- Horas equivalentes de funcionamento: cada instalación debe funcionar un mínimo de horas equivalentes para recibir a retribución específica e debe chegar a unha porcentaxe (que depende de cada instalación tipo) en cada trimestre para recibir o total da retribución específica. No caso de non chegar, pódese recibir unha porcentaxe sempre que se chegue ás horas limiar. Estas horas equivalentes calcúlanse dividindo a enerxía producida entre a potencia nominal da planta.
Porén, débese ter en conta que, segundo o artigo 21.2 do RD 413/2014, a enerxía xerada naquelas horas durante as cales os prezos do mercado diario foron cero ou negativo durante seis horas consecutivas ou máis non se terá en consideración para o cálculo de horas equivalentes.
A CNMC publica a información sobre a retribución específica de cada un dos períodos arredor de dous meses máis tarde.
Factura dos servizos
Custo do servizo de representación
Ao igual que para comercializar enerxía fixamos unha marxe para cubrirmos os gastos e continuarmos coa actividade da cooperativa, na representación establécese unha marxe en euros por cada MWh representado (vendido) no mercado. O custo do servizo de representación é esa marxe, que depende da produción.
Custo do operador do sistema
REE, como operador do sistema, factura a todos os produtores un importe en euros por cada MWh previsto de xeración a través dos axentes do mercado.
Este custo vese reflectido na factura de servizos e vén regulado pola CNMC, que o actualiza cada ano.
Custo do operador do mercado
Os produtores cunha instalación de potencia superior a 1 MW deben pagar ao operador do mercado unha cantidade mensual fixa pola súa potencia dispoñíbel.
Este custo cóbrannolo como representantes e trasladámolo á factura de servizos para as instalacións a que corresponda.
O importe vén regulado polo Goberno e calcúlase cada ano.
Bono social
O bono social é unha axuda creada polo Goberno en forma de desconto da factura eléctrica. Desde abril de 2022, os produtores de enerxía eléctrica tamén deben achegar unha cantidade de euros en función do volume de enerxía producida para financialo.
O importe vén regulado polo Goberno e calcúlase cada ano.