Que son os excedentes non compensados?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
As persoas que teñen instalacións de autoprodución na casa, ou que participan nalgunha autoprodución colectiva, xeran enerxía. Parte desta enerxía utilízana no momento, e ás veces non a utilizan toda, sobra unha parte, que se pasa á rede. Esta é a enerxía excedentaria ou excedentes de enerxía.
Segundo establece o RDL 244/2019, a compensación simplificada de excedentes permite compensar economicamente os excedentes de enerxía xerada pola instalación de autoconsumo. A compensación simplificada aplícase no mesmo mes natural no que xeraron e non pode acumularse por meses posteriores. Aplícase ao termo «electricidade utilizada», reducindo así a factura eléctrica. Para máis información, podes consultar o artigo sobre o prezo de compensación dos excedentes de autoprodución.
Porén, e alén da compensación simplificada de excedentes, as comercializadoras que operamos no mercado libre podemos ofrecer condicións máis vantaxosas para poder aproveitar os excedentes que queden sen compensar despois de aplicar a compensación simplificada. No caso de Som Energia, facémolo a través do sistema de Flux Solar.
Sexa como fose, nun contexto de mercado eléctrico volátil e previndo que no mercado eléctrico cada vez haberá unha maior porcentaxe de produción solar, non se recomenda dimensionar as instalacións fotovoltaicas tendo en conta o valor económico dos excedentes senón facelo de acordo co autoabastecemento enerxético e a xestión da demanda.
Se ben podemos considerar estimulante ter o máximo número posíbel de placas solares no noso tellado ou cuberta, en termos económicos pode non resultar tan atractivo e hai que telo presente á hora de dimensionar a instalación.
A nivel ecolóxico, si que é interesante instalar máis placas das que imos precisar para uso persoal, xa que vai supor unha produción de enerxía verde, descentralizada e en mans da cidadanía.
Como podes saber cantos excedentes non compensados tes?
Para saber o importe dos excedentes non compensados, podes revisar a túa factura, na sección «Compensación por electricidade excedentaria». Se quedaron excedentes para compensar, aparecerá unha nova liña que indica «Axuste límite de compensación por autoconsumo» e o importe que quedou pendente.
Na factura móstrase o valor de todos os excedentes de autoprodución. Como diciamos, poden compensarse até chegar a cero no termo da enerxía, mais non pode saír un importe a devolver. Por iso, nos casos nos que o valor dos excedentes é superior ao que se pode compensar, engádese unha liña en positivo para axustalo («axuste límite compensación por autoconsumo»). Este valor será o que, co Flux Solar, se transformará en Sols.
Que aforro supoñen os excedentes non compensados?
Os excedentes non compensados son unha parte do aforro que pode conseguirse coa autoprodución, mais o aforro total vai moito máis aló destes excedentes. Nestoutro artigo do Centro de Axuda explicámosche cale son os mecanismos de aforro coa autoprodución.