Autoprodución con venda de excedentes

[Tambo en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

Este artigo sobre as modalidades de autoprodución con venda de excedentes consta das seguintes seccións:

Modalidades posíbeis para a autoprodución con excedentes

Como norma xeral, se se dispón de autoprodución, xeraranse excedentes susceptíbeis de seren pasados á rede. Neste caso, a normativa permite dúas modalidades de autoprodución:

●   Acollerse ao mecanismo de compensación simplificada.

●   Recorrer á venda da enerxía excedentaria no mercado eléctrico.

En ningún caso poden combinarse estas dúas modalidades.

As instalacións acollidas á compensación simplificada non venden enerxía e, polo tanto, propiamente dito, non realizan ningunha actividade económica. De feito, esta simplificación é unha das melloras da normativa vixente a respecto do que ocorría anos atrás.

Pasos para vender enerxía no mercado eléctrico

Pola contra, a venda de enerxía no mercado eléctrico si que se considera unha actividade económica e, en consecuencia, a diferenza da compensación, é un procedemento máis complexo que require os seguintes pasos:

  1. Facer a inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica (RAIPRE).
  2. Conseguir a licenza de actividade (deberás consultalo co concello onde estea a instalación).
  3. Formalizar o contrato de representación no mercado de venda de enerxía.
  4. Cumprir as obrigas fiscais da venda de enerxía.

Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica (RAIPRE)

Habitualmente é a mesma empresa instaladora a que se encarga de tramitar o rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica a través do departamento de enerxía de cada comunidade autónoma.

Licenza de actividade

Como dixemos, é preciso que consultes como tramitalo no concello da vila ou cidade onde se atopa a instalación.

Nos casos en que a titularidade sexa dunha persoa física e a potencia non supere os 100 kW, aconséllase a aplicación do procedemento simplificado de declaración responsábel previsto no artigo 69 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Ao tratarse de instalacións nas que o obxectivo principal é a autoprodución, só as de maior potencia levan a cabo unha verdadeira actividade económica pola venda de excedentes. Deste xeito, unicamente as instalacións cuxa titularidade sexa unha persoa xurídica e teñan unha potencia superior a 100 kW, teñen que levar a cabo o trámite completo de solicitude de licenza de actividade.

Contrato de representación no mercado de venda de enerxía

A venda da enerxía excedentaria de autoprodución debe realizarse a través dunha empresa representante de mercado, habitualmente unha comercializadora eléctrica. Esta é a encargada de levar a cabo todos os trámites necesarios para facer efectiva a venda horaria da enerxía: 

  • Trámites co operador do mercado, o operador do sistema e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).
  • Xestión das previsións de venda no mercado diario.
  • Xestión de liquidacións no mercado.
  • Liquidación de retribucións da CNMC.
  • Tramitación e xestión das garantías de orixe 100% renovábel.
  • Asesoramento de novidades no sector.
  • Tramitación de posíbeis reclamacións de medida, xestións co operador do sistema, mercado e CNMC.

Som Energia ofrece o servizo de representación no mercado eléctrico para particulares e empresas produtoras de enerxía eléctrica 100 % renovábel. Se che interesa, podes escribirnos a representa@somenergia.coop.

Obrigas fiscais da venda de enerxía

A venda de enerxía é unha actividade económica, xa que se xera valor e se obtén unha renda ou ganancia. Polo tanto, hai que cumprir coas obrigas fiscais e tributarias que se desprenden desta actividade, como por exemplo o Imposto de actividades económicas (IAE).

Daquela, se non tes experiencia, é preciso que unha xestoría de confianza vele polo cumprimento de todas estas obrigas e os trámites que se deriven.

En que casos é máis conveniente a modalidade con venda de enerxía?

Polo xeral, se tes unha instalación doméstica dimensionada segundo o teu uso enerxético, o que che convén é acollerte á modalidade de compensación de excedentes.

Se sodes unha empresa e tedes unha instalación industrial dimensionada segundo o voso uso enerxético, tamén é conveniente que vos acollades á modalidade de compensación de excedentes.

Xa que logo, a modalidade de venda de enerxía é máis conveniente nos casos en que a instalación está sobredimensionada e cando se cumpren as seguintes condicións:

  • Previsións económicas favorábeis: cando o valor dos excedentes se prevé elevado durante un tempo importante. Isto pode ser difícil de determinar pola volatilidade do mercado eléctrico. Para ter unha idea de cales serán os prezos de futuros, podes consultar o portal de OMIP (https://www.omip.pt/es), o axente do mercado eléctrico que opera no mercado de futuros.
  • Rendibilidade neta positiva: cando os ingresos previstos compensan os custos adicionais que comporta a venda de enerxía, tales como o servizo de representación, a xestoría e os impostos. Para coñecer os custos que aplicamos no servizo de representación, podes enviar un correo a representa@somenergia.coop.
  • Capacidade de xestión: cando, como titular da instalación, dispós das facilidades necesarias para xestionares no día a día a actividade económica derivada da venda de enerxía.

No caso de que non se cumpran os requisitos anteriores, co mecanismo de compensación simplificada de excedentes e coa ferramenta Flux Solar é probábel que obteñas unha retribución proporcionada aos excedentes que pases á rede.

Se dispós de moitos excedentes que non acabas compensando por ningún dos dous mecanismos anteriores, tamén podes valorar a modalidade de autoconsumo compartido. Atoparás máis información sobre esta modalidade neste artigo do Centro de Axuda.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.