Orixe da electricidade en Som Energia
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Som Energia comercializa electricidade verde xerada a partir de fontes 100% renovábeis. Para garantir que a electricidade comercializada é de orixe renovábel, dispoñemos dos Certificados de Garantía de Orixe ou GdOs. Estes certificados entréganse nas instalacións produtoras de electricidade con fontes renovábeis, e cada certificado indica cal é o volume de enerxía que xerou e entregou á rede. Ao tempo, cada instalación produtora transfire os seus certificados á empresa comercializadora que corresponda.
Deste xeito podemos garantir que somos 100 % renovábeis, xa que os certificados de GdO garanten que o 100 % da enerxía que requiriron as persoas asociadas e usuarias foi xerada por instalacións produtoras de enerxía renovábel e podemos cumprir o compromiso da cooperativa: dar visibilidade á demanda por parte da cidadanía dunhas fontes enerxéticas (as renovábeis) fronte a outras (fósiles e nucleares).
Hai que ter en conta que non é posíbel separar a enerxía renovábel da enerxía fósil ou nuclear dentro da mesma rede de transporte e distribución da electricidade, polo tanto, a electricidade da rede é unha mestura de todas as fontes de produción. A electricidade xerada polas plantas de produción de Som Energia non pode facer o camiño directo á casa das persoas socias, mais o que desde a cooperativa podemos garantir é que a mesma cantidade de enerxía utilizada para socias e clientes cando se conectan á rede foi entregada previamente a esta rede mediante os nosos proxectos de xeración renovábel, ou outros proxectos de colaboradores que nos transfiren os seus Certificados de Garantía.
Para que a cooperativa obteña a etiqueta de comercializadora verde (100 % renovábel) hai que superar o procedemento de certificación que realiza a CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia), que é o organismo encargado de certificar que o volume de enerxía comercializada pola cooperativa é equivalente ao volume de enerxía dos certificados de Garantía de Orixe obtidos.
De onde obtemos os Certificados de Garantía de Orixe?
Som Energia traballa para desenvolver proxectos de produción de enerxía renovábel, especialmente en fotovoltaica, eólica e minihidráulica. Estes proxectos achegan unha parte dos Certificados de Garantía de Orixe precisos para o volume de enerxía comercializada, mais non son suficientes.
Daquela, ademais de facer uso dos certificados das nosas propias instalacións, tamén gozamos de colaboracións moi prezadas. De xeito especial, procuramos que os produtores renovábeis aos que compramos a enerxía sexan fóra do oligopolio e estean de acordo cos valores que defendemos desde a cooperativa. Damos prioridade a que sexan certificados obtidos con enerxía eólica, fotovoltaica e solar termoeléctrica, e é imprescindíbel que todos os proxectos se atopen na Península Ibérica, Baleares ou Canarias.
Para nós é importante mostrar estes provedores cos que colaboramos para conseguir estes certificados e deste xeito valorar a orixe desta produción de electricidade renovábel. Na seguinte táboa detállanse as principais instalacións que nos axudaron para a certificación do ano 2020 e de que instalacións renovábeis proveñen os seus de garantía de orixe.
Orixe |
Tipo de fonte | Proxectos | Localización | |
---|---|---|---|---|
Propios de la cooperativa | Som Energia | Fotovoltaica | Plantes solares da cooperativa | Girona, Barcelona, Lleida, Valencia, Ávila, Almería e Sevilla |
Biogás | Tratamento de purinos porcinos | Torregrossa (Lleida) | ||
Minihidráulica | Central de Valteína | Peñafiel (Valladolid) | ||
Colaboracións | Socios/as de Som Energia | Fotovoltaica | Cubertas solares e sobre terreo | Repartidas polo territorio español |
Ecooo | Fotovoltaica | Cubertas solares participadas | Repartidas polo territorio español | |
Enerpal | Eólica | Parque Eólico El Raso | Fuentes de Valdepero (Valencia) | |
Enervent | Eólica | Parque Eólico Colladetes | Perelló (Tarragona) | |
Sydis | Eólica |
Parque Eólico Cefiro e Enersos | Albacete |
O resto de certificados foron obtidos a través de representantes que transfiren os certificados e cos que se pacta un prezo segundo a evolución do mercado.
A finais de 2019, na cooperativa iniciamos a tarefa de representación en mercado das plantas de produción renovábel (nosas e as daquelas persoas ou empresas interesadas), que consiste en tramitar a venda da enerxía producida e a retribución específica polas plantas con dereito a prima. Deste xeito, as centrais de produción renovábel que confían en nós para vender a enerxía producida tamén nos facilitan a opción de obter os seus certificados de xeito máis directo, a través desta colaboración. Algunhas das instalacións que colaboraron coa certificación 100 % renovábel de Som Energia para este 2020 foron colaboración de plantas representadas. Ao longo do 2021 agardamos que o volume de enerxía representada aumente considerabelmente, e tamén o número de certificados que poidamos obter con esta representación.