Como saber se a túa instalación é monofásica ou trifásica
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
De xeito xeral, se observas como son as túas proteccións ou interruptores principais do cadro eléctrico (IGA, ID ou ICP) poderás saber se a túa instalación é monofásica ou trifásica: se chegan dous cables, é monofásica e, se chegan catro, é unha instalación trifásica.
Vexámolo na imaxe a continuación:
Interruptor xeral automático (IGA)
Nas vivendas, o máis habitual é que haxa unha instalación monofásica, aínda que, se se trata de edificios antigos, pode que a instalación sexa trifásica. Unha instalación trifásica é a máis común cando se precisa unha potencia elevada. Tamén o é se temos aparellos con motor (por exemplo, unha bomba de auga, un ascensor...), e é imprescindíbel se queremos conectar calquera aparello trifásico.
Nunha instalación monofásica chegan dous cables, chamados fase e neutro. A fase é o cable que leva a corrente (de cor marrón) e o neutro é o cable de retorno (de cor azul) e non ten corrente. Un sistema monofásico utiliza unha tensión de 230 V entre a fase e o neutro.
En cambio, nunha instalación trifásica chegan tres cables con corrente ou fases (chamados R, S e T, que son de cor marrón, negra e gris) e un cable de retorno ou neutro (de cor azul). Un sistema trifásico usa unha tensión entre fase e neutro de 230 V e entre fase e fase de 400 V.
Tanto nun tipo de instalación como no outro, pode que haxa un cable máis, de cor amarela-verde; é a toma de terra.
Outros interruptores monofásicos e trifásicos que podemos observar son:
O interruptor diferencial (ID)
O interruptor de control de potencia (ICP)
As instalacións bifásicas
Ás veces podes atopar que a instalación do teu punto de subministración non sexa nin monofásica, nin trifásica, senón bifásica.
A simple vista non se diferencian das instalacións monofásicas, xa que tamén chegan dous cables ás proteccións.
Para diferencialas é preciso que persoal técnico electricista faga a comprobación pertinente cun aparello de medida ou multímetro (ou tester). Se a instalación é bifásica, no momento de medir a voltaxe entre os dous cables obterase un valor entre 120 e 130 V. En cambio, se a instalación é monofásica (voltaxe entre fase e terra), obterase un valor aproximado de entre 220-230 V.
É importante que saibas se a túa instalación é bifásica, xa que, se queres instalar algún elemento específico como un punto de recarga para vehículo eléctrico, aire acondicionado ou aparello de aerotermia, precisarás converter a instalación nunha monofásica (é dicir, con fase e neutro).
Con esta fin, existen uns transformadores que converten unha instalación bifásica nunha monofásica. Se queres engadir un aparello dos comentados á túa instalación, deberás ter en conta que estes transformadores poden ter un importe económico elevado.