Vehículo eléctrico: potencia para contratar e tipo de carga
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
De xeito xeral, é posíbel recargar un vehículo eléctrico coa potencia contratada dun punto de subministración tipo. Mais hai moitos factores implicados e hai que estudar ben cada caso para evitar problemas.
Para valorar se a potencia contratada nun punto de subministración con presenza dun punto de recarga de vehículo eléctrico é axeitada, hai que ter en conta que a potencia contratada limita a velocidade de recarga da batería. Por exemplo, se tes unha potencia contratada de 4,6 kW, esta é a máxima potencia á que poderás recargar aínda que o punto de recarga poida facelo a un valor superior.
Isto é importante telo presente porque tanto a potencia contratada nun determinado punto de subministración como a potencia do punto de recarga do vehículo eléctrico determinarán a velocidade á que se enche a batería: a maior potencia contratada e maior potencia do punto de recarga, menor o tempo necesario para recargala. (Ver táboa)
Debes ter en conta que se fas recargas rápidas, o desgaste da batería tamén é máis rápido. Así, sempre que poidas e coa fin de alongar a vida da batería, interesarache facer recargas o máis lento posíbel.
Segundo a velocidade pódese falar de tres tipos de recarga: lenta, semirrápida ou rápida.
Segundo o tipo de enchufe poden distinguirse catro modalidades de recarga:
Modalidade 1: recarga desde un enchufe de uso xeral, sen comunicación nin control da recarga. Lento e pouco seguro, non é recomendábel, mais pode utilizarse se non hai máis opción.
Modalidade 2: desde un enchufe de uso xeral, con proteccións e controis no mesmo cable. Un pouco máis rápido, segue a ser pouco seguro, mais protexe o vehículo de sobrecargas.
Modalidade 3: desde un punto de recarga especialmente deseñado para a recarga de vehículos eléctricos. Permite unha recarga máis rápida e é moi seguro, tanto para o vehículo como para a instalación eléctrica. É a mellor alternativa para a recarga habitual, xa que dispón de máis funcionalidades para controlar a recarga.
Modalidade 4: desde un punto de subministración especialmente deseñado para iso, con corrente continua de alta potencia. Moi rápido e seguro, mais supón un maior desgaste. Recomendado para usos puntuais, habitualmente están situados en estacións de servizo ou semellantes.
Así, segundo as diferentes características, e por unha batería duns 40 kWh de capacidade, estas serían as características en cada caso:
Tipo de recarga | Potencia e intensidade | Modalidade de carga | Tempo estimado (carga 70-80 %) | Tempo estimado (carga chea) |
Localización do punto de recarga |
---|---|---|---|---|---|
Lenta | Monofásica: 3,7 kW - 16 A Trifásica: 11 kW - 16 A |
1, 2, 3 | Monofásica: 5 - 6 h Trifásica: 1 - 2 h |
Monofásica: 8 - 9 h Trifásica: 3 h |
Vivendas, empregos... |
Semirrápida | Monofásica: 7,4-14,5 kW 32-63 A Trifásica 22-44 kW - 32-63A |
3 | Monofásica 2 - 3 h Trifásica 30 '- 1 h |
Monofásica 3 - 5 h Trifásica 30 '- 1 h |
Centros comerciais, estacionamentos públicos ... |
Rápida | Corrente Continua 240 kW - 400A Corrente Alterna 220 kW - 250A |
4 | 20 minutos | 30 minutos | Estacións de servizo |
Potencia para contratar se o punto de carga se atopa na vivenda
Para decidir a potencia para contratar, ante todo deberás ter en conta os argumentos que explicamos neste artigo: Como podo saber a potencia que preciso?
Se, ademais, dispós do punto de carga na túa vivenda, deberás ter en conta estes outros factores:
- A potencia de todos os elementos e aparellos que quererás ter conectados no momento en que se adoita recargar o vehículo.
- A frecuencia coa que precises recargar o vehículo segundo os quilómetros diarios.
- O tipo de punto de recarga de que dispoñas.
- O tempo dispoñible para a recarga: por exemplo, normalmente durante a noite terás máis tempo para poder recargar o vehículo que durante o día.
Vexamos un exemplo dunha persoa que diariamente utilice o vehículo 16 kWh (fai 100 km de media e supomos un uso eléctrico por quilómetro de 16 kWh / 100 km) e dispón de, cando menos, 10 horas de tempo para recargar o vehículo. Entón, facendo o cálculo (16 kWh / 10 h = 1,6 kW), podemos concluír que só precisa 1,6 kW para cargar o coche e telo ao 100 % no día seguinte.
[1] O vehículo eléctrico pode cargarse con corrente alterna ou corrente continua. En corrente continua (que é a usual para modalidades de recarga 4) é o cargador o que modifica a voltaxe e a intensidade segundo o que lle comunica o vehículo. En corrente alterna (o tipo de corrente dispoñíbel na rede de distribución e nos fogares) hai un inversor interno dentro do vehículo que transforma a corrente a continuo, para cargar a batería. Cada coche ten o seu tipo de inversor (monofásico ou trifásico) e potencia máxima que pode cargar a batería.