Prezo de compensación de excedentes en autoprodución
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O excedente de autoprodución é a enerxía xerada polas persoas que teñen instalacións de autoprodución na súa casa e que non precisaron utilizala e, polo tanto, vértena á rede eléctrica. O RD 244/2019 do 5 de abril marca que as persoas con instalacións de autoprodución doméstica que o desexen poderán acollerse á compensación simplificada dos excedentes de enerxía producidos que se acaben inxectando á rede.
Os excedentes de autoprodución compensármolos ao mesmo valor de referencia do custo da enerxía que compramos no mercado. É dicir, o custo da enerxía que a cooperativa compra no mercado eléctrico para comercializar os seus contratos será o que se aplicará tamén á enerxía excedentaria da autoprodución, que Som Energia compensará (descontándoo na factura) ás persoas que teñan excedentes de autoprodución.
Considérase razoábel que a enerxía excedentaria que compra a cooperativa a persoas que teñen autoprodución se pague ao mesmo prezo que a enerxía que compra no mercado. Cada vez que facemos unha actualización de prezos, analizamos e establecemos o prezo de compensación de excedentes, podes atopalo actualizado na sección de tarifas da páxina web.
Segundo marca a normativa, e tal como explicamos neste artigo, o valor económico mensual dos excedentes non poderá ser superior ao valor económico da enerxía consumida. É dicir, compensarase até que o balance entre o valor da enerxía excedentaria e o valor da enerxía consumida sexa cero.
Os criterios para establecer as tarifas xerais que ofrece Som Energia decidímolos entre todas as persoas socias na Asemblea Xeral. Queda pendente o debate dos criterios que Som Energia debe utilizar para fixar os prezos de compensación de excedentes. Mentres este debate non ten lugar, utilizamos o criterio descrito máis arriba, que consideramos razoábel.