Queremos impulsar unha comunidade enerxética, como o facemos?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Benvidas á emocionante viaxe cara á creación dunha comunidade enerxética dentro da economía social. Este traxecto implica a unión de varias persoas dun mesmo municipio comprometidas coa transición cara a un sistema enerxético máis sostíbel e xusto.
No vídeo seguinte poderedes ver as etapas clave para converter esta proposta en realidade:
Así pois, se queredes impulsar unha nova comunidade enerxética no voso municipio, barrio ou cidade, recomendámosvos seguir estes pasos:
- Informádevos ben sobre as comunidades enerxéticas. Nos últimos anos, diferentes organizacións e institucións publicaron diversas guías, e elaborouse moita información que imos recompilando no Foro de Som Comunitats. Entre outras moitas cousas, atoparedes:
- Wiki: con guías e recursos relevantes.
- Axuda: para preguntar e resolver dúbidas.
- Presentacións: un espazo para vos presentar.
- Entrade no web de Som Comunitats e consultade o mapa para ver se preto de onde vos atopades xa existe unha iniciativa á cal vos podades sumar. Se existe, lede a información e asociádevos! Se non existe ningunha comunidade enerxética, podedes sumar o voso interese por impulsar unha nova apuntando os vosos datos no mapa.Neste videotitorial explicamos como atopar a vosa comunidade no mapa.
- Creade unha alianza local. Podédesvos pór en contacto directo coas entidades máis relevantes da zona: grupos naturalistas e ecoloxistas, ateneos, centros excursionistas, asociacións veciñais, entidades deportivas, grupos de consumo, o propio concello… Presentade a idea do proxecto e proponde unha grande alianza local para impulsardes a transición enerxética da localidade! Estas entidades teñen moita experiencia en dinamizar grupos de cidadanía e seguramente vos poderán axudar.
- Activade un grupo impulsor. Empezar de cero un proxecto non é doado e menos se se trata dun proxecto tan complexo como é unha comunidade enerxética, na que interveñen campos de coñecemento e experiencia tan diversos como a dinamización, a comunicación e a mobilización social, coñecementos técnicos sobre enerxía, coñecementos en xestión de proxectos… Para iniciar un proxecto así convén conformar un grupo impulsor entre cinco e dez persoas que sexa diverso e, pola súa vez, multidisciplinario. O obxectivo deste grupo é coordinar o proceso de constitución e arranque da comunidade enerxética.
- Dade de alta a nova comunidade enerxética dentro de Som Comunitats. Som Comunitats ofrece unha plataforma para o impulso, apoio e xestión integral de comunidades enerxéticas. Trátase dun espazo que busca aglutinar recursos, ferramentas dixitais e servizos para levar a cabo accións de transformación enerxética e social desde a acción comunitaria.
Se xa tedes unha comunidade enerxética activa, podedes consultar os servizos que ofrecemos e darvos de alta na plataforma.
Se tedes dúbidas ou precisades información máis detallada, podedes escribir a: energia.colectiva@somenergia.coop.