Os transformadores de medida ou «trafos»
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Neste artigo falamos dos transformadores de medida, coñecidos popularmente como trafos, un elemento que podemos atopar en puntos de subministración industriais, grandes consumos ou alta tensión. Daquela, falaremos de:
- Que son?
- Medida directa e medida indirecta
- Cando temos transformadores de medida nas instalacións?
- Retirada dos transformadores de medida
- Que debo ter en conta para decidir retirar un trafo?
- Como proceder a retiralo?
Que son?
Un transformador de medida, ou trafo, é un dispositivo electromagnético que permite convertir os valores de tensión (ou voltaxe V) ou de intensidade de corrente (A) a valores máis baixos, de xeito que se poidan medir con voltímetros ou amperímetros convencionais.
De xeito xeral, poderiamos dicir que o contador precisa coñecer a corrente que circula pola instalación de cables de entrada para poder contar e facer a súa función. Cando os valores para medir son pequenos, a instalación de cables de entrada é pequena e pode conectarse conectar directamente o contador porque soporta o paso desta corrente polo seu interior e cóntao correctamente. Mais, cando os valores para medir son grandes, a instalación de cables é maior, e a conexión directa pode ser un perigo.
Polo tanto, o que se fai nestes casos, para poder utilizar o mesmo tipo de contador (e non ter que construír un máis robusto e caro), é instalar un circuíto pequeno no lado que axuda a transformar a «corrente grande» (que queimaría o contador) nunha corrente pequena, que si soporta o contador.
Daquela, e como xa dixemos, os transformadores de medida podemos atopalos nas instalacións, especialmente en puntos industriais, grandes consumos ou alta tensión.
Para maior información do que é un transformador de medida podes consultar esta ligazón na Wikipedia.
Medida directa e medida indirecta
Así, segundo se hai presenza de transformadores de medida na instalación ou non, temos:
- Medida directa: é a instalación de medida na que o contador se conecta directamente á liña de conexión da subministración sen necesidade de utilizar transformadores de medida.
Exemplo de contador con medida directa.
- Medida indirecta: é a instalación de medida que utiliza transformadores de medida de intensidade, para reducir o nivel de intensidade a un valor admisíbel para o contador.
Exemplo de contador con medida indirecta. Na parte inferior, de cor negra, poden verse os transformadores de intensidade para cada unha das fases.
Cando temos transformadores de medida nas instalacións?
Como xa comentamos, non é habitual ter transformadores de medida en instalacións domésticas, senón en instalacións industriais, grandes consumos ou alta tensión.
En calquera caso, é a empresa de distribución eléctrica a que nos pode confirmar se nunha determinada instalación temos transformadores de medida. A priori é un dato do que non dispomos.
Retirada dos transformadores de medida
Se o teu punto de subministración ten un transformador de medida, é importante que saibas que, nalgunhas circunstancias, pode ser interesante retiralo.
Por unha banda, e a requeriminto da distribuidora, é posíbel que teñas que sacar o transformador de medida se hai que facer un cambio de contador.
Pola outra, terás que retirar o transformador de medida, no suposto de que queiras baixar a potencia contratada se a nova potencia que queres pedir está por debaixo dun determinado valor de potencia.
Este valor limiar de potencia está determinado tecnicamente e por normativa, e depende das características do transformador, así como da instalación do punto de subministración.
Exemplo
Imaxinemos que no teu punto de subministración dispós dun transformador de medida ao que, polas súas características, lle corresponde un valor limiar de potencia de 31,05 kW.
Iso quere dicir que, se tes contratada unha potencia de 50 kW e queres baixala, por exemplo, a 25 kW, só poderás facelo até 31,05 kW. Se queres baixar por debaixo deste valor, terás que proceder obrigatoriamente á retirada do transformador.
IMPORTANTE! Antes de proceder á retirada do transformador, tes que valorar as posíbeis consideracións económicas que explicamos a continuación.
Que debo ter en conta para decidir retirar un «trafo»?
Tal e como exmplicamos, daquela, un dos principais motivos para querer retirar un transformador de medida da instalación é querer baixar a potencia contratada para obter un aforro no custo deste termo na factura.
Se é o teu caso, tes que valorar detidamente se paga a pena esta retirada e se nun futuro vas precisar un aumento de potencia que poida requerir a reposición dos transformadores de medida. Polo tanto, a axuda dunha empresa electricista de confianza pode irche moi ben para valorar se paga a pena facer o trámite de retiralo ou non, e comparalo co aforro que pode supor unha baixada de potencia.
Ten en conta, tamén, que se algunha vez o tes que volver instalar, facelo ten un custo económico importante. Neste caso, daquela, farías un gasto para retiralo e outro para recolocalo.
Como proceder a retiralo?
A operación de desmontaxe do transformador de medida faina a empresa distribuidora.
Así, se precisas retirar un transformador de medida na túa instalación, tes que pedirllo a unha empresa instaladora homologada. E, pola súa vez, esta ten que pórse en contacto coa correspondente empresa distribuidora para coñecer que pasos debe dar para poder retiralo. Habitualmente, os pasos que se deben seguir inclúen:
- Adecuar a instalación.
- Facer as validacións pertinentes para proceder ao cambio de medida.
- Enviar a documentación requerida pola empresa distribuidora xunto coa solicitude por parte da persoa titular.