Que significa que un contrato teña renovación anual automática? Teño permanencia?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
Nas facturas da cooperativa podes ver, nos datos do contrato, unha «data de final do contrato». De xeito semellante, se o teu contrato está con outra comercializadora, pode que nas facturas vexas un texto como «o contrato renóvase anualmente tal día».
Esta data final do contrato (ou data de renovación automática) é unha característica de todos os contratos de electricidade.
Se xa tes o contrato con Som Energia
No caso de Som Energia, que diga «data final de contrato» non significa que o contrato se extinga, xa que se renova automaticamente cando chega a data. Por outra banda, tampouco quere dicir que teñas que quedar obrigatoriamente en Som Energia ata esa data: podes marchar en calquera momento e non se che aplicará ningunha cláusula de permanencia.
Se non tes contrato con Som Energia
Se o teu contrato non está con Som Energia e queres realizar o cambio de comercializadora, mais non sabes se a túa actual comercializadora che aplica unha permanencia, podes revisar as condicións do teu contrato de electricidade ou, directamente, chamar á túa actual comercializadora e preguntalo.
Características das cláusulas de permanencia
Por lei, pode incluírse unha cláusula de permanencia nos contratos de electricidade, mediante a cal se aplica unha penalización se resolves o contrato de luz –ou sexa, se te botas atrás– antes do prazo pactado.
Na práctica, esta cláusula implica que podes recibir unha penalización económica se cambias de compañía antes do prazo acordado. Esta penalización non pode superar o 5 % do prezo da enerxía que, segundo unha estimación, se prevé que utilizarás ata a data de finalización de permanencia.
Por lei, unha empresa comercializadora pode aplicar unha cláusula de permanencia no momento de formalizar o contrato, no momento de renovalo e tamén no momento de facer unha modificación contractual sobre o mesmo contrato.
Lembra que a normativa marca que unha vez aceptado un contrato de electricidade dispós de 14 días para desistir de forma unilateral do contrato.
Evidentemente, se che interesa realizar un cambio de compañía en Som Energia, podes pagar a penalización e facer o cambio.
Servizos de mantemento
Pensa tamén que, no momento de proceder ao cambio de compañía, debes asegurarte de non ter servizos de mantemento, que non se dan de baixa automaticamente cando tramitas un cambio de comercializadora. Se este é o caso, debes pórte en contacto directamente coa túa actual comercializadora para tramitar a baixa do servizo.