Podo reducir a potencia contratada se dispoño dun sistema de autoprodución?
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
A potencia contratada ten unha implicación en todos os elementos e aparellos que podes conectar ao mesmo tempo nun mesmo punto de subministración. Os consellos xerais para ter en conta podes atopalos no seguinte artigo: Como podo saber a potencia que preciso?
Se dispós dun sistema de autoprodución, ás recomendacións da ligazón anterior hai que engadir as que comentaremos a continuación, xa que neste caso, sen dúbida, o teu requirimento de enerxía da rede vai diminuír. Porén, isto non implica necesariamente que poidas baixar a potencia para contratar.
Para realizar esta valoración debes ter en conta especialmente os picos de demanda en momentos nos que non teñas xeración propia e a presenza de baterías na instalación.
Daquela, debes revisar se nos momentos nos que esteas xerando pouca ou nada de enerxía podes limitar a túa demanda eléctrica: por exemplo, se dispós dunha instalación fotovoltaica, debes pensar se podes diminuír o teu uso enerxético á noite ou en días con moita nebulosidade, momentos nos que a produción é nula ou moi baixa.
Aquí entra o condicionante de se se dispón de baterías ou outros sistemas de acumulación na instalación: o feito de que haxa baterías favorece poder baixar a potencia contratada, xa que estas poden subministrar enerxía nos momentos en que non hai produción.
Límites na potencia da instalación de autoprodución
A potencia da instalación de autoprodución está limitada por normativa (art. 13.3 do RD 1699/2011) e non pode ser superior á potencia máxima admisíbel da acometida.
Esta potencia admisíbel da acometida corresponde aos dereitos de extensión vixentes por un determinado punto de subministración. Estes dereitos de extensión poden ser iguais ou superiores á potencia contratada.
Polo tanto, de xeito contrario do que poidas pensar, a potencia da túa instalación de autoprodución pode ser superior á contratada, sempre que non supere a potencia admisíbel da acometida, que coincide cos dereitos de extensión vixentes e coa potencia certificada polo boletín eléctrico.