Axentes, responsabilidades e competencias nos contratos de enerxía
| [També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
No mercado eléctrico interveñen diversos actores con diferentes responsabilidades. Este artigo pretende aclarar toda esta rede para facilitar a comprensión sobre as competencias, responsabilidades e obrigas de cada axente.
Som Energia como comercializadora
Som Energia nace para construír unha alternativa ao oligopolio e para transformar o modelo enerxético actual. Como comercializadora, facemos de ponte entre as empresas de distribución eléctrica e as persoas físicas ou xurídicas que teñen o contrato connosco; a nivel legal, é o que se considera un contrato de mandato. Cómpre ter en conta que, cando se fai un contrato de electricidade cunha comercializadora, tamén se fai un contrato coa distribuidora; isto é, cada contrato implica uns dereitos e unhas obrigas para cada unha das partes. O contrato coa distribuidora coñécese como contrato de acceso á rede.
A normativa que regula o mercado eléctrico debe ser respectada por todos os operadores que formamos parte da cadea de subministración de enerxía. Por outra parte, a nosa comercializadora está no mercado libre e ofrece unhas condicións xerais de contratación da subministración que son aceptadas por todas as persoas físicas ou xurídicas que contratan libremente coa cooperativa. Xa que logo, coa aceptación destas condicións xerais, as persoas que contratan a subministración de electricidade con Som Energia designan a Som Energia como parte mandataria ante a empresa titular da rede de distribución á que se conecta a persoa física ou xurídica. Por este motivo, Som Energia debe realizar as xestións necesarias para levar a cabo os servizos contratados, así como as posíbeis modificacións e reclamacións derivadas do contrato. De modo paralelo, existen axentes externos que poden intervir para defenderen os dereitos das persoas e entidades usuarias.
Competencias da distribuidora
A empresa distribuidora é propietaria da rede eléctrica de distribución da súa zona de actuación. Esta non se pode escoller. Pódese atopar máis información sobre as empresas distribuidoras aquí.
Estas son as competencias atribuídas á empresa distribuidora:
Facturación e cobramentos
- Enviar lecturas á comercializadora. Sempre que sexa posíbel, serán lecturas reais e cunha periodicidade bimestral como máximo.
- Emitir lecturas estimadas se non pode acceder á información do contador ou este non funciona correctamente. Se a distribuidora emitiu lecturas estimadas, debe emitir como mínimo unha lectura real antes dos doce meses desde que facturou ese consumo.
- No caso de emitir un expediente por anomalía ou fraude, calcular os cargos adicionais correspondentes e informar dos detalles do expediente á parte contratante.
Contratación e modificacións contractuais
- Facer efectivas as altas e as baixas de subministración, os cambios de potencia ou tensión e mais cambios de titularidade e de comercializadora nos prazos legais estabelecidos e consonte o acordado pola persoa titular coa comercializadora.
- Facer efectiva a activación, modificación ou baixa do autoconsumo, segundo estabelece a normativa.
Equipos de medición e instalacións
- Instalar o contador en réxime de alugueiro —a gran maioría son de alugueiro— e mantelo.
- Manter a rede, así como solucionar as súas incidencias e avarías.
- Xestionar as solicitudes da persoa titular do punto de subministración de verificación e mantemento do contador ou resolver as avarías dos contadores en alugueiro.
Reclamacións
- Responder de forma clara, e nos prazos legais estabelecidos, as reclamacións presentadas pola comercializadora en representación da persoa ou entidade usuaria.
Competencias da empresa comercializadora (Som Energia)
A empresa comercializadora, neste caso Som Energia, encárgase de comprar a enerxía no mercado eléctrico grosista e vendela ás persoas consumidoras finais. Pódese atopar máis información sobre a empresa de comercialización aquí.
Estas son as competencias estabelecidas para a empresa comercializadora.
Facturación e cobramentos
- Facturar consonte as condicións pactadas no contrato de subministración. Como a comercializadora non ten acceso aos contadores, a base de facturación son as lecturas de consumo e excedente realizadas pola distribuidora en cumprimento da regulación aplicábel (sexan reais ou estimadas).
- Facturar consonte os datos que facilita a empresa de distribución eléctrica relativos aos expedientes.
- Refacturar cos novos datos se a distribuidora corrixe a información facilitada. Cómpre ter en conta que o período de facturación o estabelece a distribuidora, pero a data de vencemento da factura estabelécea a empresa comercializadora.
- No caso de que a titularidade do contrato ou a empresa comercializadora non estea de acordo coa facturación emitida, reclamar á distribuidora e informar a titularidade das vías de reclamación de que dispón perante organismos externos.
- Informar de impagamentos e de posíbeis cortes de luz derivados destes dentro dos prazos legais.
Contratación e modificacións contractuais
- Formalizar os contratos de subministración consonte a normativa vixente aplicábel.
- Aplicar a tarifa que a persoa titular ten contratada.
- Solicitar as altas e baixas de subministración; a activación, modificación ou baixa do autoconsumo; os cambios de potencia ou tensión, e os cambios de titularidade ou de comercializadora ante a distribuidora correspondente.
Equipos de medición e instalacións
- Reclamar á distribuidora por incidencias coa rede ou o contador en alugueiro. Cómpre recordar que a comercializadora non ten acceso aos contadores nin á información sobre o estado da rede eléctrica, alén da que é pública e accesíbel para todo o mundo.
Información e reclamacións
- Informar, en caso de desacordo, dos dereitos e as vías de reclamación de que dispón a titularidade do contrato, xa sexa ante a distribuidora ou ante o organismo competente.
- Facilitar información á parte contratante para resolver dúbidas relacionadas coa contratación, a facturación e mais os dereitos e obrigas en relación coa normativa do sistema eléctrico.
- Reclamar no caso de que os trámites que son responsabilidade da distribuidora presenten algunha incidencia ou demora.
Dereitos e obrigas da titularidade do contrato
Contratación e modificacións contractuais
- Ten dereito a recibir información de calquera cambio das condicións contratadas. No caso de querer rescindir o contrato, ten dereito a facelo sen custo.
- Ten dereito a recibir notificación, cun aviso previo dun mes, de calquera modificación contractual que implique un cambio de prezos.
- A titularidade do contrato debe coincidir coa persoa física ou xurídica que utilizará a enerxía e dispor dun título válido sobre o punto de subministración (contrato de arrendamento, escritura de propiedade etc.).
- Debe facilitar os datos correctos para formalizar o contrato e mantelos actualizados para posíbeis comunicacións.
- Ten dereito a elixir a potencia.
- Asume a responsabilidade das xestións realizadas pola comercializadora como consecuencia de instrucións incorrectas ou incumprimentos imputábeis á persoa consumidora, incluídos os efectos non desexados, como un cambio de potencia excesivo ou unha baixa de subministración.
- En xeral, se a comercializadora actúa como mandataria e realiza xestións en nome da persoa consumidora, será responsábel dos efectos derivados dunha xestión incorrecta ou neglixente, salvo que estes efectos sexan consecuencia de instrucións ou incumprimentos imputábeis á persoa consumidora.
- Consonte a normativa vixente, legalizar a instalación de autoconsumo e rexistrar calquera modificación desta na comunidade autónoma.
Facturación e cobramentos
- Escoller a forma de pagamento e pagar os gastos derivados da subministración eléctrica e de calquera xestión solicitada conforme as condicións estabelecidas.
- Verificar que son correctos os datos fornecidos pola distribuidora a Som Energia.
Equipos de medición e instalacións
- A parte titular do punto de subministración é responsábel da custodia e o mantemento do contador en alugueiro xunto coa distribuidora. Isto implica avisar a distribuidora no caso de detectar algunha incidencia.
- No caso de que o contador estea dentro dunha caixa, o bo mantemento desta corresponde á titularidade.
- A titularidade debe garantir que as instalacións e aparellos (incluídos as de autoconsumo) cumpren os requisitos técnicos e de seguridade estabelecidos na normativa vixente. Isto inclúe o uso correcto e a non-manipulación do equipo de medición (p. ex., non desprecintar o contador).
- Permitir o acceso ao persoal autorizado da empresa distribuidora para que poida entrar no local ou na vivenda e executar as tarefas de mantemento, verificación, reparación ou lectura.
Información e reclamacións
- A persoa titular é responsábel de ler as comunicacións que lle envía a comercializadora.
- A persoa titular ten dereito a contactar coa distribuidora a través dun teléfono de asistencia gratuíto por calquera corte ou incidencia na rede eléctrica.
- A titularidade ten dereito a dispor de mecanismos para presentar reclamacións.
- En caso de desacordo con calquera das xestións realizadas por Som Energia ou a distribuidora, pode exercer o dereito a presentar reclamacións ante o organismo competente.
Competencias da CNMC e outros organismos externos
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e o departamento competente en materia de enerxía da comunidade autónoma son os axentes que poden interceder cando os mecanismos de reclamación de que dispón a comercializadora non dan resultados satisfactorios. A resolución dunha reclamación pola vía administrativa é vinculante e, xa que logo, debe aplicarse de modo obrigatorio.
A CNMC encárgase de supervisar o funcionamento e as competencias do mercado eléctrico, así como de aprobar as metodoloxías e as regras de funcionamento do mercado. Xestiona os conflitos e as inspeccións e pode impor sancións aos axentes do mercado eléctrico no caso de incumprimento das súas obrigas.
O departamento competente en materia de enerxía e defensa das persoas consumidoras da comunidade autónoma é o organismo a que corresponde resolver as reclamacións relacionadas coa calidade do servizo, a seguridade industrial, os contadores de enerxía e as peaxes de acceso. Todas as reclamacións relacionadas co contrato de acceso á rede tamén son competencia do departamento designado pola comunidade autónoma.
Así mesmo, a titularidade do punto de subministración tamén dispón dun sistema de arbitraxe para presentar reclamacións relacionadas coa contratación, facturación, cobramento ou atención recibida. Pode facelo a través da Xunta Arbitral de Consumo da comunidade autónoma competente, da Xunta Nacional de Consumo ou dunha asociación de persoas consumidoras.