Mecanismo de axuste do gas
[També en: català] | [También en: castellano] | [Euskaraz ere eskuragarri] |
O axuste do gas é un mecanismo que ten como obxectivo limitar o impacto do prezo do gas sobre o prezo da electricidade. Neste artigo explicamos algúns aspectos relacionados con este mecanismo:
- Por que inflúe o prezo do gas no prezo da luz se comercializamos só enerxía renovábel?
- Funcionamento marxinalista do mercado eléctrico.
- Como axuda o mecanismo de axuste a reducir o custo da luz?
- Financiamento do custo do gas
- Que implica para Som Energia o MAG?
- Como aparecerá o MAG na factura?
- Como calcularemos o prezo do MAG?
- Que pasará cos períodos horarios? Cando será máis económico pór en marcha a lavadora?
- Por que o MAG que aplicamos é variábel?
- Vixencia e ámbito do mecanismo de axuste do gas
- Máis información
Por que inflúe o prezo do gas no prezo da luz se comercializamos só enerxía renovábel?
Tal e como está deseñado actualmente, o mercado eléctrico é un mercado no que conflúe toda a electricidade producida por todas as centrais e instalacións que participan, independentemente da tecnoloxía que as produza e, polo tanto, sen ter en conta se estas son de orixe renovábel ou non.
Este funcionamento do mercado responde á lóxica de que non é posíbel separar a enerxía renovábel da enerxía fósil ou nuclear dentro da mesma rede de transporte e distribución da electricidade.
Lembra que, de forma paralela, para certificar que a enerxía que comercializamos ten a súa orixe renovábel, disponse dos certificados de garantía de orixe ou GdO. Explicámolo con detalle no seguinte artigo: Orixe da electricidade de Som Energia.
Daquela, polo feito de compartir mercado, os prezos e custos das tecnoloxías non renovábeis acaban tendo influencia no prezo das enerxías procedentes de fontes renovábeis.
Funcionamento marxinalista do mercado eléctrico
Como todo mercado, por definir o prezo, o mercado eléctrico réxese polas leis da oferta e da demanda.
Mais, a diferenza doutros mercados, o prezo resultante da enerxía ou de casación, onde se cruza a oferta e a demanda, é o que se aplica para todas as tecnoloxías, independentemente de se estas fixeron unha proposta de prezo menor, no momento de facer a súa oferta. Ou sexa, se se establece un determinado prezo, será o que deberá pagarse por todos os tipos de enerxía, con independencia de se o seu prezo de saída (e o seu prezo de produción) é máis baixo.
Esta forma de establecer o prezo chámase en economía, funcionamento marxinalista do mercado.
O funcionamento do sistema adoita facer que o prezo de casación resultante o marquen as tecnoloxías que utilizan o gas para xerar electricidade e que son as que actualmente teñen propostas de prezo máis altas.
Así, este sistema de establecer o prezo, nunha situación de prezos alcista, pode provocar que tecnoloxías con ofertas e custos máis económicos acaben tendo unha ganancia económica moi importante e que quen compra a enerxía no mercado (e, de rebote, as persoas consumidoras finais) teñan que pagar un prezo moito máis elevado. No sector, a este feito chámaselle ganancias caídas do ceo.
Como axuda o mecanismo de axuste a reducir o custo da luz?
O mecanismo de axuste do gas (MAG) axuda a reducir o custo da luz, limitando estes beneficios extraordinarios (as ganancias caídas do ceo). A forma de facelo é limitar o prezo de custo do gas usado polas tecnoloxías gasistas. Este feito rebaixa directamente o prezo final da oferta que presentan estas empresas no mercado diario.
Así, cada vez que a tecnoloxía que se define no prezo de casación é a do gas, o prezo do mercado maiorista vese reducido porque o prezo final é inferior ao que sería sen ese mecanismo. Se non existise o mecanismo, o prezo da electricidade xerada a partir de gas aplicaríase a toda a enerxía producida por outras tecnoloxías, aumentando estes beneficios caídos do ceo que comentabamos.
Financiamento do custo do gas
O factor positivo do MAG é esta rebaixa do prezo do mercado.
Mais hai que ter en conta que a normativa establece que a diferenza entre o prezo limitado e o prezo de custo real do gas, polas centrais que entraran en funcionamento será financiado polos axentes do mercado que participan na adquisición da electricidade.
Este mecanismo, daquela, aparece como algo por pagar, tendo en conta que anteriormente axudou a rebaixar o prezo da enerxía eléctrica resultante, xa que é preciso facer fronte aos custos extra só polo volume de enerxía que utilizou o gas.
Ou dito doutro xeito: sen o MAG, só se se xerou 1 MWh de electricidade a partir del gas, a un prezo de casación de, por exemplo 300 €/MWh, este sería o prezo para toda a electricidade. Co mecanismo, o prezo de oferta estará limitado (será menor) e marcará o prezo de toda a electricidade; só será preciso pagar a diferenza entre o prezo ofrecido e o prezo real de produción por 1 MWh de enerxía producida.
Que implica para Som Energia o MAG?
No Real Decreto-lei 10/2022 establécese que haberá que pagar o mecanismo de axuste de aquela enerxía cuxo prezo non estivera fixado antes do 26 de abril, sexa con contratos bilaterais ou sexa con coberturas. Nesta data, desde a cooperativa compraramos gran parte da enerxía para os meses do verán antes de que o tope do gas fose aprobado pola Unión Europea e, polo tanto, practicamente non tivemos que pagar o mecanismo de axuste do gas.
A enerxía que compramos para o último trimestre do ano 2022 xa é coas novas condicións, ou sexa, a un prezo máis baixo, mais ao que hai que engadir o custo do MAG. Por este motivo, desde a cooperativa debemos aplicar un cambio nas nosas tarifas a partir do 1 de outubro.
Este custo, ao ter que ver co custo do gas de cada día, non se pode coñecer con antelación. Por iso, non podemos saber os nosos prezos finais por adiantado. Ao mesmo tempo, si que podemos saber unha parte dos prezos (a que non é o MAG). Como sempre, podes velo na sección de tarifas da web.
Como aparecerá o MAG na factura?
En cada factura aparecerá unha liña nova, correspondente ao prezo do mecanismo de axuste calculado por Som Energia. Nesta liña poderá verse o prezo do mecanismo (€ por kWh), o uso de enerxía do período facturado (kWh), os días do período facturado, e o importe final para pagar por este concepto.
Nos casos en que o MAG non deba aplicarse a todos os días do período facturado (por exemplo, se a factura comeza a mediados de setembro), nesta liña aparecerán os datos referentes ao período de aplicación do MAG (desde o 1 de outubro).
Como calcularemos o prezo do MAG?
Para os contratos con tarifa 2.0TD, a máis habitual en vivendas e pequenas empresas, para cada período de facturación tomaremos como referencia o prezo do mecanismo de axuste do gas que publica diariamente o OMIE e faremos unha media, que ponderaremos segundo o consumo enerxético horario dun fogar tipo (o que se chama curva tipo). Esta curva é a que facilita Rede Eléctrica de España, o Operador do Sistema, segundo aResolución de 23/12/2021. Obteremos un prezo, que multiplicaremos polo consumo total que tivera o contrato no período facturado.
Para os contratos con tarifa 3.0TD e tarifas de alta tensión, o sistema de cálculo é semellante: para cada período de facturación tomaremos como referencia o prezo do MAG publicado polo OMIE e faremos unha media. Este valor ponderarémolo segundo a curva tipo da tarifa 3.0TD, que é diferente da curva tipo da tarifa 2.0TD. Igualmente, calcularemos un prezo, que multiplicaremos polo consumo que tivera o contrato no período facturado.
Para os contratos de entidades e empresas con gran consumo con tarifa indexada, isto non aplica, xa que o prezo do mecanismo de axuste do gas xa está incluído na fórmula indexada.
En todos os casos, canta máis enerxía utilices, maior será o importe por este concepto.
Que pasará cos períodos horarios? Cando será máis económico pór en marcha a lavadora?
Para a tarifa 2.0TD, os tres período horarios (período punta, chan e val) seguirán sendo válidos. Non saberemos con antelación cal será o seu prezo, mais si saberemos que o período val seguirá sendo o máis económico; o período chan, o intermedio e o período punta, o máis caro. Na seguinte ligazón podes atopar uns reloxos para poder identificar visualmente os tres períodos.
Para a tarifa 3.0TD e tarifas de alta tensión tamén seguirán sendo válidos os horarios e períodos vixentes, polo que os períodos de P1 a P6 manterán a característica de ser o P1 o máis caro, e despois ir diminuíndo ata o P6, que é o máis económico.
Por que o MAG que aplicamos é variábel?
O prezo do mecanismo de axuste do gas que marca o OMIE (e que debemos pagar como comercializadora) varía moito. Desde Som Energia poderiamos facer unha estimación do prezo ata final de ano para poder manter as tarifas fixas, mais como o prezo do gas pode variar tanto, sería probábel atoparnos nunha situación na que ou ben as persoas e entidades socias terían que pagar un prezo bastante superior ao que finalmente sería (facendo que pagasen máis do preciso), ou bastante inferior (poñendo en perigo a viabilidade da cooperativa).
Por iso, para que o que pagues con Som Energia sexa o máis axustado posíbel á realidade, actualizaremos o MAG nas facturas segundo o que custara realmente en cada período facturado.
Vixencia e ámbito do mecanismo de axuste do gas
O MAG entrou en vigor o 15 de xuño de 2022 ( Real decreto lei 10/2022) e está previsto que estea vixente ata o 31 de maio de 2023.
O mecanismo de axuste do gas aplícase á electricidade comercializada no mercado maiorista xestionado polo Operador do Mercado (OMIE). Dado que os sistemas Balear e Canario fixan o prezo da enerxía fóra do OMIE, e este mecanismo non lles afecta, aos contratos de Som Energia destas comunidades non se lles aplicará o mecanismo.
Se es de Baleares ou Canarias e tes o contrato cunha comercializadora do mercado regulado, coa tarifa PVPC é posíbel que si pagues parte do mecanismo de axuste do gas, debido ao funcionamento desta tarifa. Lembra que Som Energia é unha comercializadora do mercado libre e, polo tanto, nin ofrece nin pode ofrecer a tarifa regulada PVPC.
Máis información
Para máis información, podes consultar as seguintes ligazóns:
- A noticia no blog: Actualización de prezos en outubro polo mecanismo de axuste do gas
- O artigo do centro de axuda: O sistema eléctrico e Som Energia