Como calculamos o aforro enerxético derivado do cambio de hábitos?

[També en: català] [También en: castellano] [Euskaraz ere eskuragarri]

En Som Energia preocúpanos a eficiencia enerxética e por iso promovemos cambios de hábitos, realizamos análises periódicas sobre os usos de enerxía no fogar e incorporamos esta información aos informes de Infoenergia.

Consideramos que a eficiencia enerxética dun fogar mellorou cando o seu uso enerxético é menor a respecto de períodos anteriores. Mais, para podermos identificar se realmente esta diminución no uso da enerxía foi debida a un cambio de hábitos domésticos, debemos discriminar outros factores que tamén afectan ao uso de enerxía, como poden ser o clima e os períodos fóra da casa(por exemplo, por viaxes). 

É dicir, se durante unha semana de inverno non fixo frío e utilizastes menos enerxía para aquecervos, non consideramos que aforrastes por un cambio de hábitos, porque en realidade o voso comportamento non mudou a respecto do inverno anterior, o que mudou foi o clima. Este aforro de enerxía, polo tanto, non conta como aforro por cambio de hábitos. 

Pasa o mesmo se durante o verán fixo menos calor e utilizastes menos os aparellos de aire acondicionado. Esta redución do gasto enerxético non a consideramos aforro derivado dun cambio de hábitos. 

Os cambios de hábitos domésticos poden ser, por exemplo, reducir a temperatura da calefacción (e abrigarnos máis), facer un uso máis eficiente da cociña, aproveitar máis a luz natural, no verán programar o aire acondicionado a unha temperatura que non sexa moi fresca, apagar os aparellos en lugar de deixalos en modo stand-by, etc.

Para calcular o aforro enerxético dunha vivenda derivado do cambio de hábitos comparamos o uso de enerxía do punto de subministración durante un ano, por exemplo 2018, a respecto do ano anterior, 2017, buscando as diferenzas e discriminando o clima e os períodos fóra da casa, de xeito que non afecten a esta comparación.

Clima:

Así pois, cos datos diarios de uso de enerxía de 2017 de cada contrato, máis os datos diarios de temperatura do 2017 da zona onde está situada a vivenda, fixemos un modelo de uso de enerxía por cada contrato que prevé o uso de enerxía diario teórico no fogar en 2018, tendo en conta o clima que fixo na zona. É dicir, o modelo predí o uso enerxético de 2018 en función do clima que houbo este 2018. Estes datos comparámolos, despois, co uso real de enerxía en 2018. 

Consideramos que a diferenza entre a predición teórica que fai o modelo e a realidade do uso de enerxía durante o 2018 é debida a un cambio das persoas que viven no fogar. 

Días fóra da casa:

En caso de ter pasado máis períodos fóra da casa que no ano anterior (por viaxes, por exemplo), aínda que sexan días sen uso de enerxía ou só con uso permanente, tampouco o consideramos un aforro por cambio de hábitos. Non facer uso de enerxía por estar fóra da casa non nos fai ser máis eficientes.

Así pois, as ausencias no fogar durante o 2018 (días sen uso de enerxía ou só uso permanente), aínda que comportan aforro enerxético, non as contabilizamos no aforro por cambio de hábitos nin como mellora en eficiencia enerxética. 

Hai outros factores que non puidemos ter en conta nos nosos cálculos: se na vivenda viven máis ou menos persoas, se estiveron máis horas fóra da casa (por exemplo, por xornadas laborais máis extensas), se se cambiou o gas por electricidade (que fai que se utilice máis enerxía eléctrica), se se instalaron placas solares... Actualmente non dispomos desta información, mais a medida que poidamos incorporala (estamos a traballar para habilitar a opción na Oficina Virtual) o cálculo da mellora en eficiencia enerxética por cambio de hábitos será máis preciso.

Foiche útil este artigo? Grazas pola túa valoración Produciuse un problema ao enviar os teus comentarios. Por favor inténtao de novo máis tarde.

Aínda necesitas axuda? Contactar Contactar